quarta-feira, 13 de fevereiro de 2008

Galiza nas embaixadas españolas situadas en territorios de lingua portuguesa

Ângelo Gonçalves Vicente

O pasado día 17 de xaneiro a Fundación Via Galego lanzaba unha proposta novidosa consistente en demandar ao Estado español que as súas embaixadas situadas en países de fala galego-portuguesa contasen cun maior peso específico da Galiza, a fin de se pór en valor a especial e estreita ligazón lingüístico-cultural entre estes territorios e o noso país. A idea, que en nada estrañará a quen asuma como unha riqueza a diversidade lingüística e cultural do Estado, convén, precisamente por ser nova, explicala a fin de se coñeceren mellor as súas pretensións e de se achegaren elementos de utilidade para un eventual debate sobre o asunto.

Convén comezar explicitando que se parte do presuposto de que a galeguización das embaixadas españolas na lusofonía debera ser realizada de tal modo que resultase de proveito para o Estado español e para a Galiza, a fin de aproveitar plenamente as potencialidades que neste ámbito ofrece a singularidade galega e, ademais, de evitar que unha das partes se poida sentir parasitada, o que redundaría, máis tarde ou máis cedo, no fracaso de calquera inicitaiva adoptada nesta dirección.

Os beneficios a que a Galiza habería de aspirar consisten, en primeiro termo, na recadación dunha maior e mellor información procedente dun conxunto de territorios que han de constituír un dos vectores fundamentais da súa acción externa, aumentando así a súa capacidade para planificar de modo certeiro a tal acción. Doutro lado, nun maior e máis eficaz apoio loxístico in situ para, precisamente, implementar a acción externa galega a desenvolver nestes países do modo máis efectivo. Outro factor fundamental a ponderar reside na maior visibilidade que a Galiza, como territorio diferenciado do Estado español, podería gañar nestes países, o que sen dúbida contribuiría para facilitar e intensificar a relación con eles. Finalmente, refírase que dos maiores e mellores contactos que o Estado español puidese conseguir coa lusfonía mercé do contributo galego e da achega positiva para a prosperidade do Estado que daí ser puidese derivar, a Galiza, como parte del, tamén se habería de beneficiar.

O Estado español, por seu lado, atinxiría unha relación de proximidade cos países lusófonos a que, na actualidade, apenas poden aspirar outros Estados de lingua galego-portuguesa, o que, con certeza, o colocaría nunha posición privilexiada perante estes e por extensión, pola importancia que teñen no plano internacional países como Portugal, Brasil ou Angola, perante o mundo. Para entender isto mellor, será bo recorrer a un exemplo. Imaxínese unha mesma reunión de diplomatas do Estado español cunha delegación angolana na que se pretenda conseguir un acordo para a importación de petróleo. Ao encontro acode un embaixador de Madrid que fala un magnífico portugués.

Agora pénsese na mesma reunión, mais substituíndo o embaixador madrileño por un embaixador da Costa da Morte que fala un magnífico galego e que aproveita para comentar á comitiva angolana que unha parte do territorio español fala unha variante do seu mesmo idioma. Ceteris paribus, en que reunión cabería esperar mellores resultados para o Estado? En que reunión a delegación angolana podería máis facilmente simpatizar co seu interlocutor?

A importancia de se ser galego e a eficacia que nas relacións con persoas lusófonas ten explicar o que isto significa en termos lingüísticos e culturais é algo que comproba calquera persoa galega con bo nivel na lingua propia do país e minimamente informada da ligazón histórica entre a Galiza e Portugal. Probabelmente a causa disto estea en boa medida relacionada coa forte ligazón entre linguas e identidades colectivas que xa Fernando Pessoa denunciaba na súa célebre máxima: “a minha pátria é a língua portuguesa”.

Mais voltando aos proveitos que para o Estado tería un maior peso da Galiza nas súas embaixadas, acrecéntese aínda, do mesmo modo que facía cando ponderaba as vantaxes para a nosa comunidade autónoma, que a maior prosperidade da Galiza tamén haberá de ser positiva para o conxunto do Estado, por facer parte del.

En relación ao modo concreto en que se podería concretizar a galeguización das misións diplomáticas permanentes do Estado español. Na verdade, as fórmulas posíbeis son múltiplas. Unha primeira hipótese consistiría nun acordo entre a Xunta e o Ministerio de Asuntos Exteriores a fin de promover que no medio e longo prazo os xefes destas misións diplomáticas sexan funcionarios galegos. Outra posibilidade sería o estabelecemento dun acordo entre a Xunta, o Ministerio de Asuntos Exteriores e o Ministerio de Administració ns Públicas, para a creación dun departamento técnico específico integrado por persoal galego, do xénero das actuais Consellarías e Agregadurías sectoriais que, neste caso, podería ter unha dependencia funcional da Secretaría de Relacións Internacionais da Xunta da Galiza. Unha posibilidade menos valente e menos eficaz que as anteriores, pero que tamén significaría un paso en frente, consistiría en introducir como un elemento de xuízo positivo e específico a acreditación dun nivel alto en lingua galega para acceder a postos diplomáticos en países de fala galego-portuguesa.

Con certeza, haberá aínda outras fórmulas que o interese e vontade poderían parir con extrema sinxeleza.

A concretizació n da galeguización das embaixadas españolas en territorios lusófonos, para producir os efectos desexados debería, en todo o caso, envolver a presenza de persoas galegas nese tipo de misións diplomáticas, o envío de información periódica desde elas para o goberno galego e, finalmente, a disposición de outorgar o apoio técnico e loxístico que for preciso cando así lle for requerido desde a Xunta da Galiza.
.

Nenhum comentário: