sexta-feira, 26 de setembro de 2008

Carta Aberta da Mesa Comarcal de Vigo



A Mesa Comarcal de Esquerda Nacionalista de Vigo quere manifestarlle a esta Asemblea Comarcal do BNG de Vigo o seguinte:

EN foi convidada a participar nunha lista de consenso para a elección dos delegados e delegadas que participarían na vindeira Asemblea Nacional Extraordinaria, tanto a nível nacional polo Portavoz Nacional Anxo Quíntana como a nível comarcal Santiago Domínguez en representación do sector que imos denominar a partires de agora quintanista.
Chégase a un primeiro acordo de incluír 12 nomes da lista que propuxera EN, pero existe un problema: cuestionase a inclusión na lista do noso compañeiro Cesar Pazos, membro do Consello Local do BNG.

As razóns? Que seica trátase dunha persoa “excesivamente crítica”. Esta claro que entendemos se poida discutir sobre a porcentaxe de participación, mais de ningún xeito podemos tolerar que se veten persoas.

A negociación féchase en 9 persoas, toda vez que no cupo da UPG so se admiten tres nomes da nosa lista, e se retira o veto a César Pazos. O representante da UPG na mesa negociadora maniféstalle ao representante de EN na negociación que si ben César nunca iría nas súas listas, teñen acordado non vetar a ninguén da lista que presente Santiago Domínguez. Como aclaración ao dito anteriormente temos que informar que entre o quintanismo e a UPG repartíronse o 50% a totalidade da lista, deixando vacantes, cada parte, 15 postos para incluír persoas doutros partidos e colectivos, así como independentes.

Pois ben nas negociacións celebradas na última hora do día 23, entre os quintanistas e a UPG,esta, a UPG, négase a admitir a César Pazos como condición irrenunciábel para chegar a un acordo de lista única, co cal o noso compañeiro é retirado da lista.

Queremos deixar constancia de que Santiago Domínguez defendeu o acordo acadado con EN, aínda que na primeira fase das negociacións tamén manifestara as súas reticencias a incluír a Cesar nas listas, sendo, por tanto a UPG a única responsábel desta situación.

Chegados a este punto EN acorda retirarse da lista, non somentes por solidariedade co compañeiro Cesar, senon por que non pode tolerar de ningún xeito estas actitudes prepotentes e antidemocráticas. En canto ao noso compañeiro Antonio Araúxo, alcalde de Gondomar, entendemos que polo seu cargo debémolo deixar ao marxe deste conflito, e polo tanto, non consideramos vencellado por este acordo, debendo ser él quen decida libremente a postura a tomar para o mellor desenvolvemento da súa actividade política.

Non queremos rematar esta declaración sen facer unha breve reflexión á luz de todo o sucedido, que dalgún xeito xa se puxo de manifesto na pasada Asemblea nacional no documento político da Alternativa e da cal formaba parte EN.

Cara onde vaio o BNG? Que ésta a pasar cos seus principios fundacionais? O asemblearismo vai camiño de desaparecer na práctica, e non porque as Asembleas Nacionais xa non estean abertas a participación de toda a militancia, é que o debate político de fondo non se está a promover no conxunto da organización, nas súas bases, senón todo o contrario. O principio que sustenta o dereito á discrepancia pública esá de facto desaparecido, e varios casos poderiamos enumerar sobre este tema;o veto ao noso compañeiro é un caso máis que reflexa esta situación. E que está a pasar co pluralismo político dentro do BNG? Asumir este pluralismo foi o cerne do Proxecto Común que levou ao BNG en poucos anos a marxinidade a ser a segunda forza política da nosa Nación. Pois ben, este pluralismo, na práctica, está a desaparecer e, pola contra, estase a instaurar un bipartito que está a dificultar, e moito no tempos que leva camiño de impedir, a posibilidade de actuar libremente- por suposto sempre dentro do respecto aos nosos estatutos- ás outras forzas políticas.O procedemento utilizado para a confesión desta lista única é un claro exemplo.

Constátase, xa de puxo de manifesto na anterior Asemblea nacional, que hai moita xente dentro do BNG que non está conforme coa deriva que vai tomado a nosa organización. Os que así pensamos temos a obriga de reflexionar e buscar os pontos que nos unen para atinxir a masa crítica necesaria que nos permita rachar con esta situación.

E coidamos que temos a obriga de facelo polo ben do BNG; traballando dentro e sen estridencias, mais coa vontade de superar esta situación por riba de cal queira outro interese. De non ser así o BNG que se deseñou plural, diverso, aberto, integrador..., desaparecerá. Seguirá existindo, sen dubida, outro BNG, sustentado estruturalmente no poder, mais esta fórmula a moitos non nos gosta e parécenos arriscada.

Tense dito moitas veces que o mellor activo do BNG é a súa militancia. Pois así ten que volver a ser.

Compañeiros e compañeiras grazas por ternos escoitado. Desexámosvos a todos e todas que teñades unha boa Asemblea Nacional e que esta sirva para reforzar ao compañeiro e Portavoz Nacional Anxo Quíntana como o noso candidato á Presidencia da Xunta.

Vigo 26 de Setembro do 2008
A Mesa Comarcal de Vigo de Esquerda Nacionalista