segunda-feira, 11 de fevereiro de 2008

Transxénicos: fóra da Galiza!

MANOEL SANTOS

Adega acaba de denunciar que o Ministerio de Medio Ambiente (MAN) pretende autorizar ensaios con millo transxénico á transnacional biopirata Monsanto. A empresa quere avaliar o risco de liberación ao ambiente de dúas variedades de millo artificial -MON 810 e NK603- e sobre todo ver como se comportan para a súa explotación comercial. Entre as zonas escolleitas para os ensaios están Lalín, Val do Dubra, Touro e Castro de Rei, segundo o MAN. Se o discurso de sustentabilidade da Consellería de Medio Ambiente é real non parece que esta decisión sexa permisíbel. Se o de Medio Rural, que fala de agroecoloxía e tamén de sustentabilidade, é críbel, estamos na mesma. E se en Galiza temos un chisco de amor polo país non parece lóxico que nos deixemos asoballar polas decisións do 'Gobierno de España' -único membro da UE que cultiva transxénicos a grande escala- e a economía globalizada. Monsanto é a compañía líder no cultivo de Organismos Modificados Xeneticamente (OMX), cuxo desenvolvemento pouco ten que ver coa ciencia de vangarda e a 'solución da fame no mundo' e moito coa imposición de sementes de plástico e os seus agroquímicos compatíbeis, de xeito que o campesiñado perde a súa soberanía alimentaria, pois ten que abandonar os seus cultivos tradicionais e remata dependendo das decisións dunha empresa. Monsanto practica o feudalismo alimentario ao controlar o 90% da produción mundial de OMX. Por iso é odiada polo campesiñado do sur global. En España sobre os OMX fálase pouco e faise moito. Sempre ás escuras. Existen sobrados argumentos para rexeitar esta atrocidade, tantos como variedades vexetais autóctonas temos, que son as que debemos potenciar e recuperar. Os OMX teñen moitos impactos crueis sobre o ambiente, afectan á biodiversidade por contaminación doutras especies, polo emprego salvaxe de herbicidas e pesticidas, por invasión de territorios? e o risco para a saúde das persoas asexa con cada planta en terra. Estes riscos -ambientais e da saúde humana- son os que Monsanto quere avaliar en Galiza, mais a súa solicitude ao MAN non di ren das ameazas socieconómicas, as máis arrepiantes, pois falan de avanzar no control transnacional da produción alimentaria, con patentes e contratos vitalicios cos labregos e labregas que os afunden na miseria dun mercado depredador.

Nenhum comentário: