quinta-feira, 29 de maio de 2008

Idioma.


Por Xosé Luís Méndez Ferrín

Carlos Penela (Vigo, 1975) publica na colección Arte de Trobar (Pen Clube) o libro de versos Sombras, rosas, sombras no que figura o seguinte poema:"Este idioma é unha gándara, este idioma/ son fiañas dun frío antigo, dun frío anterior/ a todo frío./ Este idioma é Bizancio, asolagado/ en ornatos, aves de paso que atravesan os lumes,/ auga que debroca co estupor do desespero./ Este idioma é unha casa irta como sombra,/ os nomes do real, un anxo perdendo o seu rombo;/ iso é este idioma, a teaxe tremente dun sol branco,/ dun sol de inverno, versos derrubados na elexía oitava/ de Rilke ao fin das liñas que falan dun acabamento novo,/ dun tempo novo; este idioma, este idioma é iso/ un tempo novo como gares inmensas, abandonadas,/ a contorna estraña de tastos varados en sal dura./ Este idioma é unha claustra para todo alento,/ as mans feridas que xa non se ofrecerán".
Por algunha razón que eu descoñezo, a palabra idioma áchase en retroceso, tanto no uso coloquial coma no rexistro formal ou elevado. Poderíase pensar que se trate dun sotil barbarismo, pois no inglés idiom significa outra cousa; non creo eu. E ben, nesta excelente poesía idioma cobra a dimensión totalizadora dunha divinidade social e atea. O idioma é este idioma (e non outro), ou sexa o arcano que nos fai diferentes ao resto dos humanos e que, ao propio tempo, nos fai humanos. Un grande acerto deste poema é o de decer idioma no lugar de lingua. Outra das virtudes do texto é a de non mencionar nunca o nome do idioma de que se trata e ten que ser o lector o que percure no centro da conciencia e supla o valeiro coa palabra galego. O orgullo, daquela, pode unirse á conmoción lírica. En realidade na nosa literatura non existen moitos poemas cuxo tema sexa o propio idioma. E mesmo resulta curioso constar que un sonado de Celso Emilio ("Lingua proletaria do meu pobo...") foi escrito e publicado orixinalmente en castelán e no libro "Voz y Voto". Dame no corpo que os poetas, en tempos xerais, deteñen a súa pluma dediante do idioma que aman, coñecen e cultivan, coma posuídos dunha sorte de terror mistérico.
Constitúe o idioma un tabú literario para os nosos autores? Doe tanto a perda do idioma que o poeta garda silencio a respecto del? A forza do poema de Penelas radicará no feito de que desafía e transgrede un tabú? Ninguén ignora que estamos a vivir un conflicto lingüístico que é de natureza política pro tamén de índole vivencial. Os que pretenden que o idioma de Castela sexa tamén o idioma de Galicia e cos mesmos merecementos que o galego atoparán no texto que hoxe nos ocupa unha dificultade insuperábel. Pode alguén escribir algo semellante ao poema de Carlos Penela sobre o idioma castelán falado en Galicia? Va que non?Naturalmente este non é un artigo de crítica literaria. O libro Sombra, rosas, sombras contén outros valiosos poemas cuxa lectura eu me limito hoxe a recomendarlles a Vostedes.
Parabéns ao mestre polo seu Premio Nacional de Literatura 2008.

sexta-feira, 9 de maio de 2008

Presentación en Vigo

Continuando as súas presentacións polo País, tócalle agora a Vigo. O vindeiro mércores 14 ás 20.00 horas e na Casa do Libro. Acompañarán a Camilo na presentación: Carlos Lema e Amada Traba.

segunda-feira, 5 de maio de 2008

Presentación novos ensaios de Camilo Nogueira en Compostela

O vindeiro xoves 8 ás 20:30 horas terá lugar en Compostela a presentación dos dous novos ensaios publicados por Camilo Nogueira.

"GALIZA NA UNIÓN. A PORTA ATLÁNTICA"

e
"EUROPA, O CONTINENTE PENSADO".

Presenta:

Victor F.Freixanes director da Editorial Galaxia

O acto terá lugar na Fundación Caixa Galicia (Rúa do Vilar 19)

Relevo na Comarca de Vigo

Na Asemblea Comarcal de Vigo realizada o pasado día 2 de Maio de 2008, por unanimidade chegáronse aos seguintes acordos:

Solicitar reiteradamente ao ata o de agora Secretario Comarcal en Vigo de Esquerda Nacionalista, el Sr. D. Pedro Gómez-Valadés a súa continuidade no posto neste novo período. Rexeitamento que tamén foi feito reiteradamente argumentado a saturación de traballo que lle suporía ser Secretario de Comunicación de Esquerda Nacionalista e Secretario Comarcal en Vigo.

Realizouse entón un repaso a magnifica labor ao fronte da Comarca de Vigo do Sr. D. Pedro Gómez-Valadés e valorouse como excepcional a súa achega dende o traballo constante na comarca de Vigo ao Nacionalismo Galego e polo tanto a Galiza.

O Secretario Comarcal en funcións fixo unha proposta de novo Secretario e Vice-secretario Comarcal que foi aprobada por unanimidade, quedando polo tanto nos postos designados pola Asemblea o seguintes nomes:

Secretario Comarcal de Vigo
Fernando R. Dacosta

Vice-secretario Comarcal de Vigo
Quico Recondo