quinta-feira, 21 de fevereiro de 2008

10 de Marzo (Día da Clase Obreira Galega).

Como cada 10 de marzo, a CIG conmemora este ano o Día da Clase Obreira Galega cunha manifestación nacional en Ferrol, unha ofrenda floral ante o monumento ao 10 de Marzo e unha asemblea e posterior manifestación en Vigo. Ademais, o día 4 de marzo, celebrarase a II edición dos Premios do Día da Clase Obreira Galega, nun acto que terá lugar en Compostela.

A denuncia da perda da capacidade administrativa dos salarios, das altas taxas de eventualidade e o aumento da xornada laboral serán, xunto á histórica reclamación da plena soberanía nacional, os eixes arredor dos que a CIG centrará ás súas reivindicacións nesta significativa data.

Pero alén das reivindicacións, para a Confederación Intersindical Galega este é un día para a memoria. Unha data na que dos traballadores, Daniel Niebla e Amador Rei, foron asasinados pola Dictadura franquista polo simple feito de loitar, xunto cos seu compañeiros, pola súa dignidade.

O xermolo do movemento obreiro galego.

O detonante daqueles feitos foi a negociación do convenio de Bazán. Os traballadores do estaleiro reclamaban a súa negociación en Galiza, pero o 7 de marzo recibían o comunicado de que fora asinado en Madrid. Isto provocou a súa mobilización e o paro da factoría, o día 9 de marzo, na súa totalidade.

Como resposta, a empresa anuncia a suspensión de emprego e soldo e a prohibición, a varios representantes sindicais, de entrar nas instalacións da empresa pública. Ante isto, os traballadores acordan ocupar as instalacións, pero o réxime non tarda en reaccionar. Perante a mobilización envía ao estaleiro ás forzas policiais, que cargan contra os traballadores deixando como resultado numerosos feridos por golpes e esmagamentos.

A primeira hora da mañá do día seguinte, xa 10 de marzo, os traballadores concentráronse diante das portas do estaleiro, que permanece pechado e acordan percorrer a cidade, explicar o que está a acontecer e demandar a solidariedade doutras fabricas.

Arredor de 4.000 obreiros parten cara a ponte das Pías. Ao chegaren ao cruce coa estrada de Castela a Policía armada ordena que se deteñan, prodúcese un enfrontamento e dous traballadores, Amador e Daniel, son asasinados e máis de corenta, resultan feridos.

O soterramento dos asasinados convértese nunha masiva manifestación de solidariedade que se estende non só por Ferrol, senón tamén por toda Galiza. Prodúcense paros en Varreras, Vulcano, Citröen, Freire, Reyman, Santo Domingo, Censa, Yarza, Refrey e Ascón. Convócase unha folga xeral en Galiza e unha gran manifestación, o día 15 de marzo, en Vigo.

As mobilizacións xeneralízanse en Ferrol e prolónganse ate o día 20 e a cidade chea a quedar incomunicada por tren, por estrada e teléfono. Ese día, ábrense as portas do estaleiro e os traballadores reincorpóranse aos seu postos de traballo baixo o control da policía armada, que vixía o acceso ao estaleiro.

O Día da Clase Obreira Galega é, polo tanto, unha data na que se conmemora a loita pola liberdade e polos dereitos laborais. A loita, en síntese, pola dignidade como pobo e como clase traballadora.

(CIG – Boletín Sindical. Nº8)

Nenhum comentário: