domingo, 27 de janeiro de 2008

Unha acitude lamentábel


Eis unha nota emitida pola Asociación Galega de Amizade con Israel que pola gravidade dos feitos reproducimos na súa integridade:
--------------------------------
O BNG IMPIDE QUE O PARLAMENTO CONDENE O NAZISMO E HONRE A MEMORIA DAS VITIMAS

O BNG impediu que a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia aprobara con motivo do Día Internacional de Recordo das Vítimas do Holocausto. unha declaración institucional de condea do nazismo e lembranza dos seus millóns de vítimas, ao oporse a un texto que contaba co respaldo do PSOE e do PP. O BNG tampouco aceptou sumarse á Declaración en Memoria das Vítimas do Holocausto que o ano pasado sí fora aprobado cos votos dos tres grupos parlamentarios.

A postura do BNG contrasta moi chamativamente co feito de que o Congreso dos Deputados, o Parlament de Catalunya ou na Asemblea de Madrid levan entre 4 e sete anos celebrando o 27 de xaneiro -día da liberación de Auschwitz- non só con declaracións institucionais senón mesmo con actos emotivos nos que participan superviventes do Holocausto e políticos de todos os partidos, entre eles Esquerra Republicana de Catalunya, CiU. ou PNV.

A estrataxema do BNG para conseguir que o Parlamento Galego fora protagonista do vergoñento acto de omisión, consistiu en propor un texto alternativo ao que respaldaban socialistas e populares, sabedor o BNG de que non sería aceptado e que, ao non conseguirse a unanimidade, o texto final non sairía adiante, como finalmente así foi.

Na súa miopía a todas luces inxustificábel, tentaron mesturar un documento que honraba a memoria das vítimas do Holocausto (incluídos os republicanos españois, xitanos e homosexuais) sen citar sequera as palabras “xudeo”, coa situación actual do conflito de Oriente Próximo.

Convidado o portavoz do BNG, Carlos Aymerich, a presentar unha iniciativa parlamentar diferenciada referida ao devandito conflito, o representante do BNG desbotou tal posibilidade e consagrou finalmente a vergonza de sumarse ao carro dos negacionistas de extrema dereita deixando no aire a pregunta de que clase de catadura ética pode ter quen actúa dun xeito semellante.

A Asociación Galega de Amizade con Israel manifesta a súa máis enérxica desconformidade con actitudes que deshonran a quen, como parte do cogoberno de Galicia, debe representar a todos os galegos e galegas sen exclusións por motivos ideolóxicos ou xenófobos

Vigo, 27 de Xaneiro de 2008

sexta-feira, 25 de janeiro de 2008

As expectativas incumpridas do cambio

Personaxes da cultura falan de mudanza nas formas pero non no fondo.

Carlos Santiago, da asociación socio cultural Arredemo, explícao sen medias tintas: 'Despois de que sectores amplos da cultura nos implicásemos no cambio político, constatamos unha certa apertura, unha certa vontade de diálogo, mais non unha modificación substancial nas políticas culturais'. A caída do goberno de Manuel Fraga, logo de 16 anos de maiorías absolutas, abriu unha serie de expectativas entre diversos axentes culturais que, dous anos e medio máis tarde e segundo gran parte dos consultados, non se cumpriron. As tensións e mesmo a ruptura dominan as complexas relacións entre o campo cultural e o poder público na Galiza. Xustamente Arredemo convocaba o pasado sábado, no Instituto Galego de Información en Santiago de Compostela, a numerosos colectivos sociais so o lema 'a necesidade de gobernar o descontento'.

'O problema reside en que este goberno asumiu o triángulo cultural do fraguismo', sinala, con asomos de indignación, o catedrático de Historia Antiga da Universidade de Santiago, José Carlos Bermejo. 'Primeiro, o fenómeno Xacobeo, que o bipartito non só recolle, senón que se amosan máis papistas que o Papa e dobran o orzamento', degraña. 'Segundo, a idea de cultura unida ao turismo; e, terceiro, a Cidade da Cultura'. Bermejo, que vén de publicar a contundente escolma de ensaios ¿Para que serve a historia de Galicia?, párase no miúdo: 'O Xacobeo é a grande impostura da cultura galega, ¿que demo é iso das peregrinacións laicas?; e xuntar, sen máis, cultura e turismo resulta especialmente perverso neste país', di, 'porque isto non é Alemaña: hai un 23 % de persoas baixo o limiar da pobreza'. O profesor refírese á 'OPA de Fraga sobre a tradición cultural galeguista' que, ao seu ver, provocou a 'igualación do discurso cultural dos tres partidos do Parlamento'.

'Pero o cambio de goberno incidiu nunha ampliación das liberdades', recalca a escritora viguesa María Xosé Queizán, 'por exemplo, a Lei de Traballo da Muller Galega é un fito, ou a Lei contra a Violencia de Xénero; a isto eu chámolle cultura'. A óptica de Queizán arrédase da ollada estrita sobre o campo cultural: 'Para min a cultura é o comportamento das persoas e niso estou satisfeita co bipartito'. E apunta unha certa confesión: 'É certo que cando houbo un goberno tan de dereitas como o de Fraga Iribarne, a xente está menos disposta á critica, malia a que esta sexa precisa'.

O xornalista Luís Álvarez Pousa, que dirixe a revista mensual Tempos Novos e foi director xeral de Cultura, comeza a súa reflexión con mención, tamén, ao anterior presidente da Xunta. 'Unha etapa como a do fraguismo é difícil de botar abaixo', afirma, 'un tempo no que se levou adiante unha estratexia para anestesiar toda proposta cultural de tensión ou contestación'. Álvarez Pousa defende a actual xestión cultural: 'Quen hoxe ostentan as responsabilidades de dirección política da cultura saben que a cultura non debe ser, como dicía Roland Barthes, un campo de conciliación, senón de dispersión, de tensión'.

Para o historiador ourensán Marcos Valcárcel, porén, existiu unha 'sobredimensión das expectativas' en relación ao novo goberno. 'Os creadores agardaban máis iniciativas novidosas, máis imaxinación nas instancias culturais', considera, aínda que recoñece 'inercias herdadas en certos campos'. Valcárcel repasa o programa cultural histórico do nacionalismo: 'O nacionalismo, que agora leva a política cultural na Xunta, sempre baseou a crítica na falta de democracia, mais a xestión non se diferencia demasiado do anterior, con grandes espectáculos e falta de participación das asociacións de base'.

O poeta Xosé María Álvarez Cáccamo expón unha opinión case oposta ao historiador ourensán. 'Por contraste co anterior poder, no que a relación dos axentes culturais co poder institucional era nula', apunta, 'si mudou a filosofía política, iso é así'. Segundo Álvarez Cáccamo, a concepción cultural do PP 'atópase a anos luz do que debe ser a cultura' e recunca na denuncia da 'cultura espectáculo' promovida polos sucesivos executivos de Fraga. Con todo, Cáccamo posiciónase a prol de que o departamento de Cultura 'intensifique a interlocución cos colectivos culturais, que sexa máis áxil'.

'Vázquez Portomeñe foi o último conselleiro que tratou con respecto o mundo cultural'. Fala o escritor Alfredo Conde, que entre 1987 e 1990 encabezou, polo PSdeG, a Consellaría de Cultura na Xunta tripartita, e anos despois situouse na órbita do PP. 'O intelectual ten que estar sempre demostrando independencia, pero é complicado: cáese na crítica total ou na adhesión total'. 'O cambio de goberno influíu, por suposto, pero non para mellor', di, 'cambiáronse uns intelectuais orgánicos, como se dicía antes, por outros'. Para o autor de Xa vai o griffón no vento, a cultura rexida polo bipartito 'procedeu á paralización de determinadas accións e a unha supresión de actividades inexplicábel'. Conde pon o exemplo do Instituto Galego das Artes Escénicas, pendente de integración na futura Axencia Galega de Industrias Culturais. O escritor cualifica de 'disparate, algo que se sabe mesmo en instancias do BNG, o que está a facer a consellaría', contrapón 'unha cultura que sempre funcionou á marxe do poder' e menciona 'fundacións privadas que se comprometen máis coa cultura que o propio departamento' gobernamental.

A crítica do dramaturgo Gustavo Pernas ás políticas culturais do cambio aparece dende un ángulo exactamente contrario ao de Alfredo Conde. 'Precisamos unha política cultural máis claramente de esquerdas, sen ambigüidades, e menos preocupada polas supostas leis do mercado', pensa. Pernas advirte que 'non hai que confundir a marxe de confianza a un novo goberno cun cheque en branco' e saca a cuestión das expectativas: 'Agardabamos moito máis'. Final de película titúlase a súa última obra, premio Rafael Dieste en 2005. 'Detecto un certo malestar na cultura, por retomar termos de Freud, unha teima de apoiar aos novos só por ser novos ou unha estética de novo rico que incide no sucursalismo'. 'Falan de que existe maior accesibilidade ao poder', continúa, 'pero o burocratismo atravésao todo'. Gustavo Pernas teme a confusión entre industria cultural e cultura, e amósase contundente á hora de definir a política cultural da actual Xunta: 'Entre o comisariado político e a ética neocon; isto déixanos aos creadores no medio, un pouco desconcertados, máis ben'.

Esa retórica neocon tamén se atopa no punto de mira do catedrático Bermejo. 'Cando se fala de cultura emprendedora e da ideoloxía da xestión, en realidade, e isto está estudado, cáese na manifestación ideolóxica do capitalismo salvaxe', afirma, 'por- que, ¿que discurso crítico pode saír de quen pasa de estar na contracultura a dicir que o importante é ter unha empresa cultural?'. José Carlos Bermejo ofrece a súa ollada do que debe ser a cultura: 'A cultura é que haxa centros culturais, que haxa bibliotecas, porque onde hai bibliotecas úsanse, eh?, porque un señor que ten 500 euros de pensión, dificilmente vai gastar en libros ou xornais'. E o profesor anóxase, en referencia ao alcalde Santiago de Compostela: 'A quen se lle pode ocorrer pedir que a Cidade da Cultura sexa declarada Patrimonio da Humanidade?'.

O complexo de edificios posmodernos do monte Gaiás sae nas opinións de varios dos consultados. Para Álvarez Cáccamo, 'a Cidade da Cultura é unha rémora que está a recibir non só demasiados fondos, senón tamén demasiados esforzos', mentres Marcos Valcárcel anota 'a continuidade' da obra fraguiá por excelencia. Bermejo pon o ramo: 'Ao falar da Cidade da Cultura ninguén fala de cómo vai mellorar a cultura dos galegos, senón de turismo e negocio'.

Uxia Pedreira canta no grupo Marful e no trio Nordestin@s. A súa experiencia na xestión cultural cínxese aos labores de dirección no Conservatorio Folque de Lalín. 'Somos conscientes, a nova xeracións de músicos que decidimos profesionalizarnos, que o mundo político non está para o que sirvamos, senón para servirnos', opina. Mais Pedreira afasta das institucións 'o proceso de construción colectivo que vive a cultura galega dende hai moitos anos'. 'Nótoo porque eu comecei hai xa 12 anos a participar na escena musical e realizamos moitos proxectos, fixemos moitas cousas', conclúe unha Uxia Pedreira que expresa o seu desacordo coa Sociedade General de Autores e a súa confianza 'na nova xeración de técnicos culturais, ben preparados' que traballan na administración municipal. Para Uxia Pedreira, 'a nova fornada de técnicos relacionarase coa procura doutra caste de experiencias culturais'.

Carlos Santiago, que se situou á cabeza das accións de apoio a Isaac Díaz Pardo no conflito cos administradores actuais de Sargadelos, fala do 'desenvolvemento comunitario necesario fronte á cultura do espectáculo que este goberno herdou do anterior'. Santiago, activista no movemento Nunca Máis de resposta á catástrofe do Prestige, coloca o asunto 'da calidade laboral dos traballadores da cultura' no debate. 'Nesa cuestión non se avanzou absolutamente nada', comenta, e remata concluíndo: 'De todos os xeitos, levamos sobrevivindo fóra do poder 30 anos; a cultura non depende dos políticos para a súa supervivencia'.

Na distancia entre cultura e poder párase Luís Álvarez Pousa. 'Unha tarefa urxente é a democratización do acceso á cultura e dos procesos de producción cultural', puntualiza, 'que a cultura gañe en independencia resprecto do poder público e doutras entidades [fundación pertencentes a corporacións financeiras] que non responden a ninguén'. Álvarez Pousa, que no primeiro goberno autonómico, presidido por Xerardo Fernández Albor [AP] exerceu de director xeral de Cultura, reclama unha ampliación de funcións nun órgano como o Consello da Cultura Galega: 'Debe exceder o seu carácter consultivo, ten que absorber competencias da política institucional e dotarse de mebros independentes, sen relación coas industrias culturais nin cos partidos'. Segundo o veterano xornalista, 'é preciso agardar, a ver se se materializa a política proposta coa creación de Agadic [Axencia Galega de Industrias Culturais], malia a dificultades evidentes, como por exemplo a escandalosa división de competencias entre os partidos de goberno en materia audiovisual'.

Ensaísta de sona no ámbito feminista e integrante da Nova Narrativa Galega, María Xosé Queizán chama a atención para 'determinados cadros do bipartito, que ao que parece non se decatan de que goberna e quere seguir sendo, ao mesmo tempo, oposición'. 'Iso é negativo', afirma, 'como a tendencia a sentir o poder con distancia; o goberno somos nós e está aí porque nós o dixemos; os cartos non caen do ceo, nós enchemos os cofres e debemos contribuír a que o orzamento se distribúa axeitadamente'. Mais, para Ugia Pedreira, unha idea que partilla o seu coetáneo Carlos Santiago, 'dicir o que lle parece fai parte da propia condición do artista, poder falar claramente'.

Gustavo Pernas preocúpase: 'Nas industrias culturais estanse a adoptar modelos alleos que mesmo se cuestionan noutras latitudes; a produción cultural topa demasiados xestores e intermediarios antes de chegar ao receptor'. 'Hai responsábeis na nova Xunta que confunden modernidade con neoliberalismo', sentencia. De 'simulacro' alcuma Carlos Santiago unha industria cultural 'que só ten a Administración como cliente'. 'Non se traballa para crear un mercado cultural nin se debate de algo tan importante como a propiedade intelectual'.

Malia a que Xosé María Álvarez Cáccamo admite 'un cambio de modais, e iso é importante' e diga que 'agora existe diálogo', pide 'un gran debate interdisciplinar propiciado pola Xunta, para definir por onde deben ir as políticas culturais'. É Carlos Santiago quen lembra 'a ausencia dunha reflexión profunda sobre o que é a cultura e, daquela, non se poden deseñar estratexias sólidas'.

quinta-feira, 24 de janeiro de 2008

Violencia de Xénero.

Público comprométese: Decálogo para informar sobre violencia de xénero.

Por primeira vez en España un xornal, Público, dótase dun Código autorregulatorio para informar sobre a violencia de xénero. Desde que este grave problema social saíu á luz grazas aos medios de comunicación, publicáronse varias guías con recomendacións e normas para o seu tratamento xornalístico. Con todo, ata agora ninguén se comprometeu a cumprilas. En Público queremos facelo. O noso decálogo recolle algunhas propostas dos principais especialistas na materia e conta co asesoramento de Pilar López Díez, experta en comunicación e xénero.

A partir de agora, os redactores de Público comprometémonos a que o noso decálogo sexa de obrigado cumprimento e pedimos aos nosos lectores que así nolo esixan.


DECÁLOGO

Usaremos os termos “violencia de xénero”, “violencia machista”, “violencia sexista” e “violencia masculina contra as mulleres”, por esta orde. Rexeitamos as expresións “violencia doméstica”, “violencia de parella” e “violencia familiar”.

A violencia de xénero non é un suceso, senón un problema social. Por iso, non lle daremos este tratamento. Non publicaremos fotos nin detalles morbosos.

Nunca identificaremos ás víctimas nin incluiremos información que poida prexudicalas a elas ou á súa contorna.

Respectaremos sempre a presunción de inocencia dos agresores. Unha vez haxa sentencia condenatoria, identificarémolos debidamente, destacaremos o castigo e intentaremos incluílo nos titulares.

Nunca buscaremos xustificacións ou “motivos” (alcol, drogas, discusións...). A causa da violencia de xénero é o control e o dominio que determinados homes exercen contra as súas compañeiras.

Evitaremos as opinións de veciños ou familiares que non sexan testemuñas directas dos feitos. En calquera caso, nunca recolleremos opinións positivas sobre o agresor ou a parella.

Intentaremos ofrecer opinións de persoas expertas na materia. Priorizaremos as fontes policiais e da investigación. Non se informará con precipitación.

Só incluiremos testemuños de víctimas de malos tratos cando non se achen en situación de urxencia ou baixo calquera tipo de presión.

Denunciaremos tamén a chamada violencia continuada (agresións, malos tratos psicolóxicos... aínda que non teña resultado de morte).

Sempre incluiremos na noticia o teléfono gratuíto de axuda ás víctima (016) e calquera outra información que lles poida ser útil.

http://www.publico.es/039014/publico/compromete/decalogo/ionformar/violencia/genero

quarta-feira, 23 de janeiro de 2008

COMUNICACIÓN DA EXECUTIVA NACIONAL:


COMUNICACIÓN DA EXECUTIVA NACIONAL:
Na Mesa Nacional celebrada o pasado venres 19 e a proposta do Secretario Nacional, aprobouse a remodelación da Executiva Nacional. Ficando esta do seguinte xeito:


Secretario Nacional: Alberte Xullo Rodríguez Feixóo
Xoán Manuel Rama Trillo: Coordinador Excutivo
Xavier Freire Chico: Secretario de Organización
Xosé Chorén Vázquez: Secretario de Finanzas
César Pázos Carreiro: Secretario de Comunicación
Natalia Costas Alonso: Secretaría de Acción Social
Vitor Manuel Martíns Cacharrom: Secretario de Iniciativas Políticas
Paulo López López: Secretario de Mocidade
Pilar Insua Coo: Secretaría de Muller
Xoaquín de Acosta Beiras: Secretario de Relacións Institicionais
Pedro Gómez-Valadés: Secretario de Afiliación
Na mesma xuntanza da MN aprobouse tamén a convocatoria de Asemblea Nacional extraordinaria para o vindeiro 30 de marzo.
Compostela, 20 de xaneiro de 2008
Executiva Nacional de Esquerda Nacionalista