quinta-feira, 14 de fevereiro de 2008

A sondaxe do CIS para o 9-M dálle a vitoria ao PSOE por un suspiro

O PSOE vencería nos comicios cunha vantaxe moi apertada con repecto do PP, de entre 1 e 10 escanos ·· Só o 15,3% dos entrevistados cre que gañarán os populares.

Gráfico: Enquisa preelectoral do CIS

O PSOE gañaría as eleccións xerais o próximo 9 de marzo cunha vantaxe de 1,5 puntos sobre o PP, que se traduciría nunha diferenza de entre 1 e 10 escanos no Congreso, segundo os datos de estimación de voto do CIS.

Os datos do Centro de Investigacións Sociolóxicas correspondentes ó mes de xaneiro, feitos públicos onte, reflicten que o PSOE obtería o 40,2 por cento dos votos (entre 158 e 163 escanos), fronte ó 38,7 por cento do PP (153-157).

O PSOE gañou os comicios do 14 de marzo do 2004 cunha vantaxe de 4,8 puntos (42,59 por cento-37,71 por cento) sobre o PP e 16 escanos máis (164-148).

O presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, obtén unha nota de 5,36 na súa xestión, fronte ó 3,95 que os españois lle dan ó labor de Mariano Rajoy.

IU, co 5,8 por cento, sería a terceira forza política, aínda que se vería superada en número de escanos por CIU, PNV e ERC.

Así, CIU obtería 10 escanos -os mesmos que agora- e un 3 por cento dos votos; o PNV, 7 -igual que agora- e 1,7 por cento dos votos; ERC lograría 2,1 por cento dos votos e 6 escanos -perdería 2- e IU podería conseguir 5 ou 6 postos no Congreso -5 na actualidade-.

O BNG, co 0,9 por cento dos votos, mantería os seus 2 deputados; Coalición Canaria, co 0,6, 1 ó 2 parlamentarios -agora 3-; Eusko Alkartasuna, 0,4 por cento e mantería o escano; Na-Bai, 0,3 por cento dos votos e un escano como na actualidade.

O novo partido Unión, Progreso e Democracia (UPyD), liderado por Rosa Díez, podería obter o 0,6 por cento dos votos aínda que non tería garantido o escano e, segundo o CIS, a Chunta Aragonesista perdería o seu.

As diferenzas entre os dous principais partidos amplíanse no caso da intención directa de voto -as respostas directas sen as proxeccións do CIS-, xa que, daquela, o PSOE avantaxaría en 9,9 puntos ó PP.

18.000 persoas consultadas entre xaneiro e febreiro.

Segundo a sondaxe, realizada a partir de máis de 18.000 entrevistas presenciais entre o 21 de xaneiro e o 4 de febreiro, un 72,2 por cento dos entrevistados asegura que acudirá a votar o próximo 9 de marzo, ós que se engade un 12,5 por cento que responde que 'probablemente si'. Por contra, un 6,8 por cento responde que ten decidido non votar e un 4,9 por cento di que 'probablemente' non o fará. A participación electoral nas últimas eleccións xerais foi do 75,66 por cento do censo.

Se se lles pregunta quen cre que gañará, vaia ou non votar o 9 de marzo, o 52,4 indica o PSOE e só o 15,3 por cento o PP.

Ademais, o 68,9 por cento asegura que xa decidiu o seu voto, en tanto que un 30,1 non tomou unha decisión.

Entre os indecisos, un 38 por cento confesa que dubida entre votar o PSOE ou o PP; un 8,3 non sabe se votar os socialistas ou a IU e un 2,2 por cento debátese entre apoiar o PSOE ou a CIU.

VALORACIÓNS DE LÍDERES

Zapatero obtén unha nota de 5,36 sobre 10 e Rajoy queda cun 3,95

O CIS somete ademais á opinión dos cidadáns a confianza que lles merecen o presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, e o líder do PP, Mariano Rajoy. A un 40,1% merécelle 'moita' ou 'bastante' confianza Zapatero -que mellora o 37,1% que tiña en outubro- e 'pouca' ou 'ningunha' ó 56,4% (antes era do 59,3). É moito menor o grao de confianza en Rajoy (21,4% fronte ó 19,6%) e tamén maior o nivel de desconfianza (agora queda no 74,5 e anteriormente tiña un 75,8 por cento).

Respecto da imaxe dos líderes políticos, Zapatero continúa na cabeza (obtén unha media de 5,36 puntos e é o único que 'aproba') a 1,41 puntos de Mariano Rajoy, que con 3,95 puntos, o líder do PP ocupa un quinto lugar.

Destaca o portavoz de CIU, Josep Antoni Duran Lleida, que se sitúa o segundo con 4,74 puntos; despois figuran empatados a 4,26 puntos Paulino Rivero e Iñigo Urkullu (que entra por vez primeira nesta enquisa e mellora a nota de Josu Jon Imaz). Tras eles sitúase Josep Lluis Carod-Rovira (3,72), Rajoy e, en último posto, o dirixente de IU Gaspar Llamazares, que cae a esta posición desde o segundo lugar que tiña en outubro do ano pasado.

Á hora de elixir ó próximo presidente do Goberno, un 50,4 di que opta por Zapatero e un 26,2 apoia a Rajoy; ademais, o 52,4 prefire que venza o PSOE e o 25,3 o PP.

REACCIÓN

De la Vega, satisfeita

A vicepresidenta primeira do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, destacou onte que 'o denominador común de todas as enquisas, incluída esta é que con maior ou menor vantaxe que o partido socialista está en condicións de gañar as próximas eleccións.

Na roda de prensa posterior ó Consello de Ministros, De la Vega non quixo valorar especificamente a enquisa publicada onte polo CIS porque dixo que esta foi a súa actitude en toda a lexislatura.

No mesmo sentido, fontes consultadas polo BNG tamén declinaron, 'continuando coa súa tradición política', valorar a sondaxe.

Nenhum comentário: