sábado, 27 de agosto de 2011

Cambiar o sistema



Por Ignacio Ramonet

Por toda Europa dá en estenderse agora a “doutrina da austeridade expansiva”, que os seus propagandistas presentan como un elixir económico universal cando en realidade está causando un estrepitoso dano social. Peor aínda, esas políticas de recortes agravan a crise, asfixian ás empresas de todo tamaño ao encarecer o seu financiamento, e enterran a perspectiva dunha pronta recuperación económica. Os eurófilos máis extasiados repíteno teimudamente: se non dispuxésemos do euro, din, as consecuencias da crise serían peores para moitos países europeos. Divinizan un euro “forte e protector”. É a súa doutrina e deféndena fanaticamente. Pero o certo é que terían que explicarlles aos gregos (e aos irlandeses, aos portugueses, aos españois, aos italianos e a tantos outros cidadáns europeos vareados polos plans de axuste) que entenden por “consecuencias peores”... De feito, estas consecuencias son xa tan inaturábeis socialmente que, en varios países da eurozona, está subindo, e non sen argumentos, unha radical hostilidade cara á moeda única e cara á propia Unión Europea (UE).
Non lles falta razón a estes indignados. Porque o euro, moeda de 17 países e dos seus 350 millóns de habitantes, é unha ferramenta cun obxectivo: a consolidación dos dogmas neoliberais (1) nos que se fundamenta a UE. Estes dogmas, que o Pacto de Estabilidade (1997) ratifica e que o Banco Central Europeo (BCE) sanciona, son esencialmente tres: estabilidade dos prezos, equilibrio orzamentario e estímulo da competencia. Ningunha preocupación social, ningún propósito de reducir o paro, ningunha vontade de garantir o crecemento, e obviamente ningún empeño en defender o Estado de benestar. Co vórtice actual, os cidadáns van entendendo que tanto o corsé da Unión Europea, como o propio euro, foron dous calotes para facelos entrar nunha trampa neoliberal da que non hai fácil saída. Están agora en mans dos mercados porque así o quixeron explicitamente os dirixentes políticos (de esquerda e dereita) que, desde hai tres decenios, edifican a Unión Europea. Eles organizaron sistematicamente a impotencia dos Estados co fin de conceder cada vez máis espazo e maior marxe de manobra a mercados e especuladores.
Por iso, decidiuse (a insistencia de Alemaña) que o BCE fose “totalmente independente” dos Gobernos (2). O cal concretamente significa que queda fóra do perímetro da democracia. Dese xeito, nin os cidadáns nin os Gobernos elixidos por estes poden entorpecer as súas opcións liberais.
Hoxe, esas características (impotencia dos políticos, independencia do BCE) son en parte responsábeis da incapacidade europea para resolver o drama da débeda grega. A outra causa é que, baixo a súa aparente unidade, a UE (neste caso particular a eurozona) está profundamente dividida en dous bandos case irreconciliábeis: por unha banda, Alemaña e a súa área de influencia (Benelux, Austria e Finlandia); pola outra: Francia, Italia, o Estado español, Irlanda, Portugal e Grecia. A orixe da débeda grega (como o da dos demais países periféricos afectados pola crise da débeda soberana, incluída o Estado español) é coñecida. Cando Grecia foi admitida na zona euro (3), as institucións financeiras consideraron inmediatamente que este pequeno Estado presentaba, malia a súa evidente fraxilidade e dos seus escasos recursos, todas as garantías necesarias para recibir créditos masivos e baratos. Choveron sobre Atenas ofertas de financiamento a tipos de xuros de ganga, en particular por parte de bancos alemáns e franceses que incitaron os gobernantes helenos a endebedárense a baixo custo e a longo prazo para adquirir principalmente material militar (4) alemán e francés...
Cando estoura a crise financeira de 2008 (chamada ‘das subprimes’), esta esténdese rapidamente ao sector bancario europeo. Os establecementos financeiros carecen axiña de liquidez e restrinxen drasticamente o crédito. O que ameaza con asfixiar o conxunto da economía. Para evitalo, os Estados axudan masivamente á banca. E sálvana. Para iso, endebédanse aínda máis comprando diñeiro no mercado internacional (xa que o BCE se nega a axudalos). Aí, de súpeto, interveñen as axencias de cualificación que sancionan o excesivo endebedamento dos Estados (realizado para salvar os bancos!)... Inmediatamente os tipos de xuros dos empréstitos aos Estados máis endebedados dispáranse... E prodúcese a crise da débeda soberana.
En si mesma, a débeda grega é insignificante se se ten en conta que o PIB de Grecia representa menos do 3% do PIB da eurozona. O problema, tecnicamente, podíase ter resolto hai xa máis dun ano sen gran dificultade. Pero o goberno conservador alemán, que enfrontaba daquela unhas complicadas eleccións locais (finalmente perdidas), estimou que non sería moralmente xusto que os gregos, acusados de “corrupción” e de “laxismo”, saísen tan rapidamente do mal paso. Había que castigalos para que non rendese “o mal exemplo”. Unha axuda demasiado rápida a Atenas, declarou Angela Merkel, 2ten o efecto negativo de que outros países en dificultades poderían deixar de facer esforzos” (5). Por iso, co apoio dos seus aliados, Berlín empezou a pór atrancos de todo tipo. Deixando pasar os meses.
Prazo que os mercados, excitados polo desacordo político europeo, aproveitaron para cebarse en Grecia. Todo se complicou entón. Finalmente, Alemaña acabou por aceptar un (incompleto) plan de axuda cunha condición: que participase nel o Fondo Monetario Internacional (FMI). Por que? Por dúas razóns. Primeiro porque se estimaba que as institucións europeas carecían dun verdugo o suficientemente severo para escarmentar os gregos. Segundo, porque a especialidade do FMI, desde hai corenta anos, consiste en esixir sempre esforzos antisociais aos países endebedados. As súas receitas (aplicadas con saña en América Latina durante os anos 1970 e 1980) son sempre as mesmas: alza das taxas ao consumo, recortes brutais dos orzamentos públicos, estrito control dos salarios, privatizacións masivas...(6).
O Goberno de Papandreu tivo que se resignar a adoptar un salvaxe plan de austeridade. Pero o mal estaba feito. O ritmo da política europea é lento e longo, cando o dos mercados é inmediato. Os especuladores entenderon que a Unión Europea era un xigante sen cerebro político, e o euro unha “moeda forte” con estrutura débil (non hai exemplo na historia, dunha moeda que non estea encadrada por unha autoridade política). Atacaron a Irlanda, pasou o mesmo e volveron gañar. Atacaron a Portugal e ídem. Atacaron ao Estado español e a Italia, e os Gobernos destes países apresuráronse a autoimpoñeerse as impopulares receitas do FMI. Por toda Europa dá en estenderse agora a “doutrina da austeridade expansiva”, que os seus propagandistas presentan como un elixir económico universal cando en realidade está causando un estrepitoso dano social. Peor aínda, esas políticas de recortes agravan a crise, asfixian ás empresas de todo tamaño ao encarecer o seu financiamento, e enterran a perspectiva dunha pronta recuperación económica. Empurran os Estados cara á espiral da autodestrución, os seus ingresos redúcense, o crecemento non arrinca, o paro aumenta, as (impresentábeis) axencias de cualificación rebaixan a súa nota de confianza, os xuros da débeda soberana aumentan, a situación xeral empeora e os países volven solicitar axuda (7). Tanto Grecia, como Irlanda e Portugal -os tres únicos Estados “axudados” até o de agora pola Unión Europea (mediante o Fondo Europeo de Estabilización) e o FMI- foron precipitados, polos que Paul Krugman chama os “fanáticos da dor” (8), a ese fatal tobogán.
E o “Pacto do euro”, establecido en marzo pasado, tampouco resolve nada. En realidade é unha volta de parafuso suple-mentaria á austeridade, un acordo “de competitividade” que prevé máis recortes do gasto público, máis medidas de disciplina fiscal, e penaliza principalmente -de novo- aos asalariados. Con ameazas de sancións aos Estados que non cumpran o Pacto de Estabilidade (9). Propón a tutela da débeda pública e un ritmo fixo de redución, ou sexa: unha limitación da soberanía. “Os países europeos deben ser menos libres de emitir débeda”, afirma, por exemplo, Lorenzo Bini Smaghi, membro do directorio do BCE. Algúns eurócratas van máis lonxe, propoñen que se lle retire a un goberno que non respecte o Pacto de Estabilidade, a responsabilidade de dirixir as súas propias finanzas públicas. Todo isto é absurdo e nefando. O resultado é unha sociedade europea empobrecida en beneficio da banca, das grandes empresas e da especulación internacional. Polo de agora a lexítima protesta dos cidadáns focalízase contra os seus propios gobernantes, compracentes marionetas dos mercados. Que pasará cando se decidan a concentrar a súa ira contra o verdadeiro responsábel, ou sexa o sistema, é dicir: a Unión Europea?


Notas:
(1) Definidos nos Tratados de Maastricht (1993), de Amsterdam (1999), de Niza (2003) e de Lisboa (2009).
(2) Entre outras limitacións, o BCE non pode prestar diñeiro aos Estados, só á banca privada.
(3) Mercé a un balance da súa situación económica falseado e maquillado polo anterior goberno conservador coa axuda do banco estadounidense Goldman Sachs.
(4) Grecia é o principal importador de material militar da Unión Europea, e o Estado que consagra a súa defensa (por razóns de rivalidade con Turquía) a maior porcentaxe do seu PIB.
(5) El País, Madrid, 18 de xullo de 2011.
(6) Léase Philippe Askenazy, “L’austérité imposée à la Grèce, de Charybde en Scylla”, Le Monde, París, 19 de xullo de 2011.
(7) Aínda que foi recibido con alivio pola prensa neoliberal, o novo plan de rescate a Grecia, anunciado o pasado 21 de xullo, de pouco servirá. Os mercados e os fondos voitres cheiraron o sangue e non deterán os seus ataques mentres non sexan freados con auténticos cambios estruturais.
(8) Paul Krugman, “Cando la austeridad falla”, El País, Madrid, 24 de maio de 2011.
(9) Que fixa o límite para o déficit orzamentario nun 3% do PIB, e o da débeda soberana nun 60% do PIB.


Artigo tirado da web de ‘Le Monde Diplomatique’, agosto de 2011

quarta-feira, 24 de agosto de 2011

A crise da débeda pública: que crise?



Por Vicenç Navarro

.

É importante non perder a perspectiva do que ocorre na Eurozona, pois a enxurrada neoliberal reproducida a través dos medios de maior difusión é tal que ás veces é difícil ver a realidade tal como é a través de tanta desinformación. Vexamos os datos. E o primeiro que aparece con toda claridade é que nin a Unión Europea (UE), nin a Eurozona teñen ningún problema de débeda pública. En realidade, a débeda pública media da UE e da Eurozona é máis baixa que a existente en EEUU. É máis, dentro de EEUU, o déficit e a débeda pública de California é maior que o déficit e a débeda pública de Grecia, dentro da Eurozona. É importante que estes datos se coñezan porque o nivel de alarma sobre o nivel da débeda pública na Unión Europea alcanzou niveis totalmente desproporcionados.
Cal é, pois, o problema? A resposta é fácil de ver, aínda que vostede, lector, non a verá nos medios de maior difusión, e é que o mal chamado “problema da débeda” reside en causas políticas, máis que económicas ou financeiras. De novo, vexamos os datos. Os intereses da débeda dalgúns países europeos na periferia da Eurozona (os mal chamados PIGS) son moi elevados, forzando aos estados destes países a pagar cantidades exuberantes e claramente desorbitadas, que consomen moitos recursos públicos que se poderían utilizar noutras actividades como, por exemplo, en sanidade ou educación públicas (que están moi pouco financiadas nestes países). Pero a pregunta que nos debemos facer é como pode ser que Grecia teña que pagar xuros tan altos e California non? Pois a resposta é que EEUU ten un goberno federal que axuda a California a través dunha serie de medidas realizadas por un conxunto de institucións (incluído o Banco Central Estadounidense, chamado en inglés The Federal Reserve Board) que non existen na Eurozona, nin tampouco na Unión Europea. Aí está a raíz do problema. E non existen porque a banca (que ten nomes e apelidos concretos) nos países da UE e sobre todo no establishment europeo (o Consello de Europa, a Comisión Europea e o Banco Central Europeo) ten un enorme poder sobre as institucións políticas e non permite que se establezan. Así de claro.
O que está ocorrendo na UE é algo similar ao que ocorrería en EEUU no caso de que, a pesar de que os cincuenta estados que compoñen EEUU teñen a mesma moeda (o dólar), non houbese un goberno federal que se responsabilizase diso. Por moi estraño que iso pareza, isto é precisamente o que está ocorrendo na Unión Europea e na Eurozona. É o soño do pensamento neoliberal (que é a ideoloxía sobre todo do capital financeiro), que consiste en eliminar o estado ou diminuír as súas responsabilidades ao mínimo (agás cando se trata de axudas para salvar a banca).
O Banco Central Europeo non é un Banco Central
O lector poderá indicar que a UE ten xa un Banco Central, o Banco Central Europeo, BCE. Pero, por estraño que pareza, tal entidade non é un Banco Central. En realidade, é un lobby da banca e, moi en particular, da banca alemá. Chega a tal extremo, que o BCE presta (en realidade, case regala, diñeiro, pois os xuros son baixísimos, un 1%) aos bancos privados, pero non aos estados con dificultades, como son os estados periféricos da Eurozona. É certo que recentemente comprou de mala gana bonos dos estados con dificultades, pero non os pode comprar directamente aos estados, senón que ten que facelo comprando tales bonos públicos aos bancos, algo que beneficia aos bancos que engolen un bo bocado. Parécelle inxusto? Si, o é, e é moito máis que suficiente para se indignar. Pero o mesmo ocorre no Estado español, onde unha entidade pública, o ICO, estivo prestando 20.000 millóns de euros, non directamente, senón a través de bancos como o Santander e o BBVA, que se foron enriquecendo aínda máis coas consecuentes comisións. Por que o estado necesita da banca privada? En realidade, non a necesita. Podería, e debería, establecer un sistema bancario público, como adoitaba ter, que funcionaba mellor, por certo, que o sistema privado actual.
En realidade, se os gobernos quixesen, o problema da débeda pública resolveríase rápida e doadamente. A UE podería establecer uns bonos propios, chamados eurobonos, que se venderían moi ben, pois recorde que a UE non ten un problema de débeda pública. Son só os países periféricos os que teñen tal problema. E a UE podería permitir que a débeda nacional destes países periféricos se convertese en eurobonos. Os especuladores deixarían de ameazar a aqueles países, do mesmo xeito que non se especula en contra do dólar, en contra de EEUU ou en contra de California. A UE podería establecer unha Autoridade Pública Financeira que crease os bonos que serían comprados e xestionados polo BCE que, por certo, debería transformarse nun Banco Público, responsábel perante as autoridades electas e representativas da Unión Europea, incluído o Parlamento Europeo, que debería ter moito máis poder do que ten agora. E os Bancos Centrais de cada país (hoxe tamén lobbies dos bancos daqueles países) deberían regular, supervisar e intervir o sistema financeiro nacional (que en teoría aparece na súa narrativa, pero non na práctica), estimulando e facilitando, como dixen no parágrafo anterior, o establecemento de bancos públicos que tivesen como obxectivo principal ofrecer créditos a persoas e a empresas, en lugar de aumentar os beneficios dos accionistas. A banca privada xa mostrou que este último obxectivo entra frecuentemente en conflito coa provisión de crédito. A irresponsabilidade e incompetencia da banca privada non a fai acredora do espazo económico que ocupa no Estado español [...].
Artigo tirado do blog do autor

segunda-feira, 22 de agosto de 2011

Acordos da Mesa Nacional


A Mesa Nacional de Esquerda Nacionalista reunida hoxe luns decidiu:

1/
Apoiar o Manifesto dos 18 Alcaldes do BNG
2/
Apoiar que a Asemblea Nacional do BNG sexa nas datas marcadas do 22 e 23 de Outubro
3/
Acórdase propor como cabeceiras de candidaturas para as Xerais do 20-N a:
a/ Xosé Manuel Beiras Torrado - A Coruña
b/ Camilo Nogueira Román- Pontevedra
c/ Alberte X.Rodríguez Feixoo - Lugo
d/ Alfredo Suarez Canal - Ourense

Propostas que serán trasladadas por Esquerda Nacionalista aos organismos do BNG.

Mesa Nacional de Esquerda Nacionalista

Compostela, 22 de Agosto de 2011