terça-feira, 27 de julho de 2010

Novos camiños para a esquerda galega

Programa definitivo da Xornada de Debate

"Novos camiños para a esquerda galega"
Data de celebración
Sábado, 18 de setembro de 2010
Lugar: Auditorio da Fac. de Cc. da Comunicación (USC) - Ver mapa
Horario: 9h. ate ás 20h.
* * * * *
Sesión matinal
09:00 Recepción e distribución de material0
9:15 Benvida e inauguraciónIntervirán un representante do Decanato da Faculdade de Ciencias da Comunicación e Emilio García, en nome da organización.
09:30 Mesa-redonda "Identidade, cultura e comunicación "Ponentes: Fermín Bouza, Manuel Bragado, Antón Dobao, Tati Mancebo, Guillerme Rodríguez Fernández.
11:00 Pausa para café
11:20 Mesa-redonda "Territorio e desenvolvemento sustentable"Ponentes: Carlos Amoedo, Daniel Beiras García-Sabell, Adela Figueroa Panisse, Teresa Nieto, Isabel Villalba.
13:00 Mesa-redonda "Política económica máis alá da crise "Ponentes: Ínhigo Ansotegi, Xoán Doldán, David Peón e dous representantes do ámbito sindical, a definir.
14:30 Pausa para o xantar
Sesión vespertina
16:30 Mesa-redonda "Cidadanía e modelos de participación política"Ponentes: Xosé M. González, Vitoria Iglesias Molares, Manuel M. Barreiro, Carlos Neira, Marcos P. Pena.
18:00 Mesa-redonda de Política Xeral Ponentes: Antón Baamonde, Xosé M. Beiras, Filipe Diez, Camilo Nogueira, Xosé Ramón Quintana Garrido, Teresa Táboas.
Información adicionais
O evento é organizado por un grupo de persoas a título particular e non conta co apoio de ningunha organización ou asociación política, social, financeira, relixiosa ou de calquera outra índole.
A participación no evento está aberta a todas as persoas interesadas, polo que será libre e gratuita. Os organizadores asumimos todos os gastos derivados do evento, e poremos á disposición de quen o desexe bonos de axuda de 5 euros para axudar a cubrir os custos.
Ao final de cada mesa-redonda, haberá un coloquio con participación do público.
Os nomes dos ponentes ora divulgados xa están confirmados. Estamos pendentes da resposta definitiva dalgunhas persoas para pechar completamente o evento.
Para as persoas que non poidan estar presentes no evento, disponibilizaremos online o material da xornada de debate.

sábado, 24 de julho de 2010

Esquerda Nacionalista fai un chamado a participar nos actos convocados con motivo do Día da Patria Galega


Esquerda Nacionalista fai un chamado a participar nos actos convocados con motivo do Día da Patria Galega


A reivindicación da nosa independencia nacional, este 25 de Xullo, cobra máis importancia que nunca pola necesidade urxente de ter competencias políticas efectivas para enfrontar a crise económica.

Esquerda Nacionalista fai un chamado a todos os seus militantes e amigos para que participen das diferentes mobilizacións que mañá 25 de Xullo, Día Nacional de Galicia, se desenvolvan en Compostela, así como de todos os actos que se celebren para reivindicar a Independencia, a Soberanía Nacional e a Xustiza Social.

Esquerda Nacionalista considera que o actual marco xurídico español é claramente insuficiente. Por iso, no actual contexto de crise económica e ofensiva contra o noso idioma, a mobilización para reivindicar un maior autogoberno sustentado no dereito democrático de autodeterminación co obxectivo posto na INDEPENDENCIA nacional dentro da Unión Europea, cobra aínda máis importancia que nunca.
Compostela, 22 de Xullo de 2010

Feijóo e o surrealismo. Por Teresa Táboas


Publicado no Xornal de Galicia - 7 de xullo de 2010
.
Agroman estes días da mán da esperada sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut catalán, despois de dous anos e medio de longas deliberacións, tódalas vellas teimas que sen correcións racionais e sen responder a un razoamento lóxico simplemente van expresando emocións. Curiosa afirmación, cando a propia sentenza deixa claro que a utilización do termo nación é plenamente constitucional máis aló da súa eficacia xurídica, pero é o recoñecemento expreso de que existen máis nacións que a da sentenza do señor Nuñez Feijóo. Surrealismo en estado puro se nos cinximos conceptualmente ao que foi aquel movemento xurdido a principios do século XIX arredor do poeta André Bretón, que se baseaba nos automatismos psíquicos puros, no simple dictado do pensamento, do mesmo xeito que o do presidente galego sen lugar a dúbidas, e que reflicte con clareza os seus complexos, aos que despois tenta poñerlle remedio con intervencións como a que fixo na entrega das medallas Castelao destacando o inconformismo dos galegos. Madia leva este país de que haxa inconformistas coma di, xa que de non ser así o conformismo de persoeiros coma el coas teses españolistas máis rancias rematarían coa existencia dunha realidade galega.

Inconformistas como aqueles artistas que constituiron unha vangarda patriótica galega entre os anos 1925-1936 e na que se atopaban tamén surrealistas como Eugenio Granell ou Maruja Mallo, pero a eles pola contra o dictado automático do seu pensamento faláballe da existencia dunha identidade propia, eran parte do despertar político e cultural do galeguismo, vangarda da que formaban parte outros artistas como Maside, Souto ou Seone, e que estaba vencellada ao discurso do nacionalismo, ademais de exaltar a función popular da arte e a súa potencia concienciadora nun momento convulso como aquel. Fáltalle ao señor Nuñez Feijóo, sen lugar a dúbidas, a valentía para fuxir da súa condición de repetidor automático de certas teses, vocación a do actual presidente galego cuxa acción está nas antípodas da actitude rebelde deses galegos inconformistas como Castelao, cuxa personalidade define moi ben aquela resposta que dera a unha pregunta que lle fixeron sobre porqué nas súas caricaturas sempre representaba unha Galiza pobre, e contestou que el non tiña vocación de estupefaciente. Pero no caso do señor Nuñez Feijóo é xa de sobra coñecida a súa traxectoria perante a defensa da identidade propia, rexeitándoa continuamente e amosando un desmedido culto por Madrid, por iso cando quere imitar ese españolismo caduco dende unha nación como a galega, ese automatismo psíquico que converteu ao surrealismo nunha vangarda artística a el simplemente voltou a retratalo, deixándonos unha frase para a historia que expresa unha forma de ver a realidade deturpada, xa que non lle serve nin lle gusta a que é. Por iso eu definiríao da mesma maneira que fixo o poeta e novelista Apollinaire co surrealismo: “Cando un home quixo imitar a acción de andar, creou a roda que non se parece nada a unha perna, así fixo surrealismo sen sabelo.”