domingo, 10 de fevereiro de 2008

O Puntogal estará na primeira rolda

Camilo Regueiro, vicepresidente da asociación que loita por un dominio de internet para a lingua galega, explica as posibilidades do '.gal' no cumio que comeza o luns na India.

“A nosa idea é ir na primeira rolda, salvo que a ICANN nos pida unha cantidade de diñeiro inasumíbel˝. Así avalía o vicepresidente da
Asociación Puntogal, Camilo Regueiro, a situación da iniciativa galega na carreira por lograr un dominio de internet para a lingua e cultura do país.

Regueiro é un dos tres directivos da Asociación que dende o luns participa no cumio da ICANN - o ente que regula os identificadores de internet- en Nova Delhi. O obxectivo principal da misión galega é coñecer se o organismo mantén o calendario provisional para lanzar a convocatoria de novos dominios. No verán de 2008 está prevista a apertura de solicitudes e o primeiros candidatos poderían aprobarse a comezos de 2009, segundo informou informalmente a ICANN no anterior cumio en Los Ángeles. O que está claro é que haberá varias quendas para avaliar aos candidatos e que Puntogal está listo para presentarse á primeira rolda.


Temor aos retrasos


Con todo, Regueiro teme que a ICANN non ratifique aos prazos definitivos até dentro catro meses, no próximo cumio de París. En todo caso, indica que “imos tentar facer presión para que manteñan o calendario que anunciaron en Los Ángeles”.


Puntogal, “a máis madura”


O vicepresidente de Puntogal salienta que, entre as candidaturas que buscan un dominio para a lingua, a galega é a “máis madura”. En todo caso, existen iniciativas similares en Gales, Euskadi e Bretaña.


A diáspora é clave.


Mentres a ICANN debate os prazos, Puntogal céntrase agora en recoller o apoio dos centros galegos do exterior. E é que o argumento de que o “.gal” pode servir de vencello para galegos de todo o mundo é unha das súas mellores bazas. Regueiro explica que xa lograron que varias ducias de centros comprometeran o seu apoio.


Pendente a declaración do Parlamento.


Lograr que o Parlamento Galego aprobe unha declaración institucional a prol do identificador, como xa fixo a Cámara de Gales, é outra das liñas de traballo. Unha vez asegurado o apoio dos tres partidos con representació n parlamentaria, é probábel que a declaración se acorde unha vez superado o fragor da batalla electoral.

Nenhum comentário: