sábado, 25 de dezembro de 2010

Kurdos, a historia dun pobo sen estado




" Kurdos, a historia dun pobo sen estado "
Charla-coloquio con Yashmina Shawki
.
Xoves, 13 de Xaneiro de 2011 ás 20:00 horas
Salón de Actos de Caixa Galicia, rúa Policarpo Sanz nº 21, Vigo.
Entrada libre
***
Máis información sobre Kurdistán

sábado, 13 de novembro de 2010

O CONFLITO SAHARAUI E AS VAS EXPECTATIVAS MARROQUÍS


Por Lih Beiruk. (Secretario de Xustiza na Cancillería da RASD)
Artigo publicado no número 15 da revista ENCLAVE (2007)

O conflito do Sahara occidental será retido nos anais das Nacións Unidas como un dos conflitos de descolonización que máis se prolongou na axenda do organismo internacional. Catro secretarios xerais, dous dos cales cumpriron os seus dous mandatos, un rosario de Enviados Especiais e de Representantes persoais do secretario xeral, millóns de dólares1, e o drama derivado da invasión e posterior ocupación do territorio.[1] James Baker III , que foi o máis célebre dos Enviados Especiais asumiu o cargo durante sete anos. Pese á súa notoria experiencia nas relacións internacionais, e o seu peso como ex Secretario de Estado americano, tivo que dimitir tras inxentes esforzos por atopar unha solución ao conflito. A súa dimisión, que foi celebrada polos marroquís, confirmou para moitos observadores que se trataba dun conflito de imposible solución. Esta impresión afiánzase aínda máis coa lectura dos informes do Secretario xeral da ONU onde se recorre a miúdo a un repertorio de fraseoloxía, vaga, ambigua e de equívoca intencionalidade que, con todo, non chega a ocultar a permanente e deliberada ausencia de vontade do responsable internacional de recorrer aos termos e medios perfectamente establecidos pola longa e rica experiencia do organismo internacional para impoñer o respecto dunha das normas estelares do ordenamento xurídico internacional, isto é, o dereito dos pobos á libre determinación (resolución 1514, decembro de 1960).

Pero se hai que facer xustiza á actitude das Nacións unidas e os seus sucesivos secretarios xerais, hai que recoñecer que a ultima deriva de Kofi Anan (informe de abril de 2006), que consiste nun intento, tímido quizais, de suplantar o que dita a norma de descolonización, resolución 1514, por un acomodamento á realpolitik, en claro xesto de prevaricación fáctica, inscríbese nun comportamento que caracterizou ao organismo internacional desde as súas primeiras resolucións sobre o problema do Sahara Occidental, en particular desde os inicios da Marcha Verde, a finais de 1975.2

A característica común á maioría das posteriores resolucións, con raras excepcións, é o recurso a unha linguaxe pusilánime, ambivalente, e no mellor dos casos sitúa por igual a Marrocos, país que violou un dos principios básicos do dereito internacional grazas ao cal a maioría dos países colonizados tiveron acceso á súa independencia: o dereito dos pobos á autodeterminación e independencia, e ao frente POLISARIO, movemento de liberación cuxa única responsabilidade consiste en erixirse en defensor dos lexítimos dereitos do pobo saharauí a recuperar o seu territorio, e a instaurar os seus dereitos recoñecidos como tales por toda a comunidade internacional.

Detrás desta actitude reincidente e permisiva do organismo internacional, subxace o propósito rumoreado por Marrocos e defendido na instancia internacional polo seu principal valedor, Francia, de aprazar, sine die, toda solución que poida ser lesiva aos intereses do reino alaui e, en espera de tempos mellores, deixar que as duras condicións en que viven os saharauís, tanto nos campamentos de refuxiados, como nas zonas ocupadas, enfraquezan as súas capacidades de resistencia e estes terminen resignándose a aceptar propostas de almoeda como o actual proxecto de “ampla autonomía”.

Apostar polo cansazo dos saharauís; polas frustracións ante a sempiterna prórroga dos mandatos da MINURSO; pola inercia destes efectivos internacionais ante as diarias e flagrantes violacións dos dereitos humanos das poboacións civís indefensas que se cometen ante os propios narices dos cuarteis xerais da MINURSO; as presións internacionais, instigadas tamén polo reino co apoio de Francia ante os organismos internacionais, para reducir as axudas humanitarias que estes fornecen ás poboacións refuxiadas nos campamentos, foron o arsenal ao que recorreu Marrocos desde que constatou sobre o terreo a imposibilidade dun desenlace militar favorable ás súas teses.

Con todo, tanto a ONU como Marrocos deberían recoñecer xa que esta estratexia mostrou os seus límites. Seica é preciso recordarlles que foi o propio Hassan II, no seu discurso para anunciar o inicio da Marcha Verde, en outubro de 1975, quen dixo ao seu querido pobo que a anexión dos territorios saharauís se faría, como máximo, nun par de semanas, e que a tarefa ocuparía escasos días ás Forzas Armadas Reais. ¿Ou seica non se fixo célebre o prognóstico do que foi o alter ego de Hassan II durante a maior parte do longo reinado deste, Dris Basri, quen dixo , referíndose á capacidade de resistencia dos saharauís: “Eles están ao sol , e nós na sombra. Veremos quen resistirá máis.”

Hassan II morreu o 23 de xullo de 1999, é dicir 24 anos despois sen ver realizarse os seus pronósticos. Dris Basri, leva xa sete anos como incómodo exiliado en Francia onde segue con angustias a fin de reigne do seu protector e valedor tamén da monarquía, Jacques Chirac, quen abandonará o cargo en marzo próximo.

O manido cliché, amplamente difundido polos medios de prensa marroquís durante os primeiros anos do conflito, de que a guerra do Sahara occidental se inscribe na lóxica da guerra fría, e que Hassan II se erixíra no defensor dos intereses occidentais na rexión, defensa xenerosamente retribuída política , económica e militarmente, quedou feito anacos coa caída do muro de Berlín, en 1989.

A inestabilidade que coñeceu Alxeria, principal aliado da causa saharauí, durante as décadas dos oitenta e os noventa, e a incerteza derivada da mesma alimentaron as expectativas marroquís e francesas de que nalgún momento, a problemática interna obrigaría a Alxeria a ceder no seu apoio aos saharauís. Posteriormente, cando irrompeu na escena internacional o fenómeno do terrorismo islamista, as autoridades marroquís, orfas dunha argumentación seria para xustificar a súa empresa colonial no Sahara, non dubidaron, en contra de toda evidencia, en atopar vínculos entre o Frente POLISARIO e a nova que ameaza occidente, Al Qaeda.

E, para a promoción desta nova falacia, aí están o plumíferos de sempre, a soldo do Majzen, que desde os seus confortables despachos europeos se autoproclaman expertos do conflito saharauí e das ameazas que segundo eles se cernen sobre o Frente POLISARIO de converterse nunha ramificación do movemento integrista armado, por citar dous exemplos: Aymery Chauprade, profesor da Sorbone cuxas entrevistas son ampla e exclusivamente cubertas polos medios de prensa marroquís, e o suposto estudo elaborado por un dubidoso instituto de estudos estratéxicos con sé en Bruxelas, ESISC. Estudo cuxa mediocre calidade e absoluta falta de obxectividade merecéronlle, por parte dun semanario político propiamente marroquí, (Lle journal Hebdo, do 3 ao 9 de decembro de 2005) a sarcástica cualificación de estar feito “á medida do que desexan as autoridades de Marrocos”.

Toda esta parafernalia propagandista fixo augas, e a Fronte POLISARIO segue sendo o que sempre foi: un movemento de liberación nacional que soubo, nas tres longas décadas de loita desigual, non ceder ás sereas que noutros lugares arroxaron a outros movementos, igualmente asistidos pola xustiza do seu combate, a recorrer a métodos de violencia indiscriminada.
É hora xa de que os estrategos do Majzen se rendan á evidencia de que as frenéticas, inverosímiles e recorrentes campañas de calumnia, de denigración e de descualificación non puideron resistir ao transcurso do tempo. Paradoxicamente, ao mesmo tempo que as autoridades do reino marroquí crían crebaría a resistencia e determinación dos saharauís.
Se houbo momentos, na longa historia do conflito, en que a falta de perspectivas e as difíciles condicións de resistencia abrandarían a determinación dos saharauís, e hóuboos, estes tempos quedaron atrás. Pola contra, os saharauís teñen hoxe, máis que nunca antes, maiores razóns para seguir alimentando o seu optimismo. Velaquí o por que.

Toda evolución do conflito esta estreitamente ligada primeiro, á situación interna (territorios ocupados e interior mesmo de Marrocos), e ao contexto rexional e internacional. Respecto da situación interna, as condicións de resistencia dos saharauís cambiaron radicalmente. O asedio militar do territorio e súa total incomunicación co exterior que caracterizaron as dúas primeiras décadas da ocupación, e ao socairo do cal se cometían as maiores atrocidades contra unha poboación totalmente indefensa, xa non é posible hoxe. Grazas ás innovacións que coñeceron os medios de comunicación, aos teléfonos móbiles e ás redes de Internet, verdadeira revolución prometeica para os saharauís, as informacións e imaxes do que alí ocorre percorren o mundo ao instante. Xa quedaron atrás as épocas en que miles de civís inocentes languidecían nos tristes cárceres clandestinos do reino na ignorancia total da comunidade internacional. Marrocos xa non pode negar a represión e brutalidade con que conseguiu a permanencia dun réxime autocrático e liberticida, nin a impunidade polos excesos que comete nos territorios ocupados. Outrora, a existencia dun vínculo de parentesco con algún membro da Fronte POLISARIO podía constituír motivo de detención, torturas e ata de desaparición física. Hoxe, grazas á Intifada saharaui e aos seus simultáneos ecos no exterior, son centenares de homes, mulleres e ata nenos os que se lanzan ás rúas gritando aos catro ventos, non só a súa pertenza á fronte POLISARIO, senón tamén enarborando a bandeira saharauí fronte aos establecemento públicos marroquís e esixindo a independencia e a fin da ocupación.

As redadas de detencións masivas e as consecuentes torturas nas comisarías de policía, seguen sendo unha práctica habitual, pero grazas ás inmediatas denuncias que invaden as oficinas das organización dos dereitos humanos e a conseguintes presións que estas exercen desde o exterior, estes detidos recobran pronto a súa liberdade, e os estigmas do maltrato recibido son exhibidos con orgullo aos medios de prensa. Aí está a foto do mozo Mouloud sueidi, ao que hai menos de dous meses un comisario da policía marroquí, nun xesto de desesperación , seguramente farto da ineficacia patente de práctica común da tortura, prendeu lume, consciente de que a víctima, ao non morrer, denunciaría estes abusos. Ante o auxe sen precedente da Intifada saharauí, as autoridades marroquís atópanse hoxe fronte ao dilema do Asno de Buridan:

Seguir a política de recurso á crúa represión que caracterizou todo o período da ocupación xa non poderá arredar aos saharauís, conscientes de que xa non predican no deserto. Hai escasos meses un grupo de activistas entrevistado por un corresponsal de Le Figaro foron categóricos: “ Xa non estamos dispostos a asumir a resignación dos nosos pais. Loitaremos día e noite contra a ocupación . Marrocos ten que abandonar o Sahara Occidental”. Por outra banda , Marrocos se segue a política represiva corre o risco máis que probable de verse levado á picota polos organismos de defensa dos dereitos humanos e dar así ao traste coa imaxe que as autoridades do reino, e os seus protectores no exterior, se desviven por facer chegar á opinión publica internacional de que Marrocos quere enterrar definitivamente o triste pasado dos “anos de chumbo” e desfacerse así do oneroso legado de Hassan II e o seu factotum Dris Basri; ou dar satisfacción ás esixencias da comunidade internacional dando maiores espazos de apertura, de liberdade de expresión, de movemento e de asociación , co conseguinte auxe das reivindicacións independentistas e maior radicalización das esixencias da fin da ocupación, e, last but not the lest, o probable efecto de contaxio dos aires de liberdade que non tardasen en varrer a outras rexións propiamente marroquís agrilloadas tamén desde hai décadas.

Ademais, a nivel da situación interna do país, e máis alá dos panexíricos dos cortesáns , locais e estranxeiros, Marrocos sabe que atravesa un dos momentos máis difíciles da súa historia. Con máis da metade da súa poboación totalmente analfabeta ( ¡15 millóns¡); cunha economía exsangüe e en total dependencia da azarosa meteoroloxía ; descrédito total dunha clase política que se sabe enfastiada do eterno papel de figurante; cunha mocidade, que constitúe a maioría da poboación, ávida dunha vida mellor no exterior, todo iso constitúe o mellor fertilizante dun islamismo radical que xa gañou amplos sectores da desamparada poboación marroquí. Se a iso se lle engade o amateurismo dos círculos máis próximos do poder, está servida a catástrofe no reino da que ningún suposto “colchón de intereses” poderá salvar.

O contexto rexional e internacional que durante moitos anos levou auga ao muíño marroquí, tampouco é optimista para as autoridades do reino. Alxeria, principal aliado dos saharauís recuperou a súa estabilidade interna e está restaurando a súa preponderancia na palestra internacional como parceiro da maioría das grandes potencias mundiais. Grazas ás súas prodixiosas potencialidades económicas, á súa veciñanza xeográfica con Europa, á súa experiencia na loita contra o terrorismo, e ás habilidades do seu actual presidente, Abdelaziz Bouteflika, converteuse nun referente obrigatorio máis alá dos espazos propiamente africanos .

No escenario internacional, imposible non facer referencia á importancia cardinal que supón para Marrocos o indefectible e multifacético apoio de Francia, non só para a estabilidade interna do reino, senón tamén para o seu defensa sen concesións a nivel das instancias internacionais, en particular a ONU e a Unión Europea. Esta defensa adquiriu maior ímpeto nos dous últimos mandatos da presidencia de Jacques Chirac, a quen , ironicamente, o xornalista español Ignacio Cembrero, chego a chamar Chirac O Alaui por devoción á familia reinante en Marrocos.. Sen o apoio incondicional francés desde os primeiros momentos, é probable que Marrocos non se lanzase á aventura colonial do Sahara Occidental.

Excepción feita dun curto período durante a presidencia socialista de Mitterrand, no que o estragafestas de Gilles Perrault publicou o seu libro-denuncia , Notre Ami le Roi, e o ruxe-ruxe que supuxo tanto no interior do propio Marrocos como a nivel de Francia, as relacións de franco-marroquís nunca coñeceron maiores altibaixos. O núcleo desta relación sempre o foi a dereita francesa: UDF do expresidente Giscard D`Estaing, e o RPR, hoxe UMP de Jacques Chirac. Ambos partidos imbuídos dunha concepción das relacións de Francia coas súas antigas colonias impregnada de paternalismo, clientelismo e complicidade coas máis tristes ditaduras do continente africano3. Esta política, coñecida nos medios diplomáticos franceses de Francafrique, baseada en sistema de redes herdado da época Faucart ( conselleiro de asuntos africanos do Eliseo desde a época de De Gaulle), está dando os seus últimos estertores co final do ultimo mandato de Chirac quen abandonará o cargo en marzo próximo. ¿Cambiará a natureza das relacións franco-marroquís cando Chirac abandone a escena política internacional? É posible que isto non sexa estritamente certo, pero o que si é probable é que Marrocos xa non terá o apoio, sen reticencias, que tivo durante estas tres últimas décadas, e os desaforos do réxime marroquí terán maiores ecos na escena internacional.

Tanto Chirac como os seus predecesores, nunca seguiron no Magreb Árabe a política que corresponde á condición de Francia de gran potencia á que unen sólidos vínculos sentimentais, históricos e culturais cos países da rexión. Todas estas bazas que se podían poñer ao servizo dunha relación equilibrada, con beneficios compartidos desde as dúas beiras do mediterráneo, foron tiradas pola borda en pos de salvagardar unhas relacións, case obscenas pola súa lixeireza, cunha monarquía medieval que debe a súa supervivencia á represión máis desapiadada e ao indefectible apoio francés.

Os novos mandatarios do Eliseo, xa sexa Nicolas Sarkozy, do UMP, ou a socialista Segolene Royale, tratarán, para devolver a Francia a súa respectabilidade no Magreb Árabe, particularmente en Alxeria, de instaurar unhas relacións máis equilibradas con todos os seus socios onde prevalezan os intereses estratéxicos mutuos, e onde Francia tomo conciencia xa da necesidade de recobrar “le temps perdu”.

Basri, como pouco coñecedor da sociedade saharauí, ignoraba o proverbio nómade que di: “Ao que saiba esperar achegaráselle a sombra”.

________________________________________
1 ./ Kurt Waldheim, 1972/1981; Perez de Cuellar, 1982/1991; Boutrous Gali, 1992/1997; Kofi Anan, 1997 culminará o seu mandato en decembro próximo.
2 .- Resolución 377, 22 de novembro de 1975; resolución 379 (2 de nov.1975); resolución 380 ( 16 nov.1975). Todas elas dunha ambigüidade patente.
3 .- Segundo o Center for Global Development (CGD), no seu informe de agosto de 2006. “As axudas que Francia fornece aos países subdesenvolvidos vai sobre todo a países, pouco democráticos, non tan pobres...e é ( Francia) o campión da venda de armas ás ditaduras”. Le Monde, 14 de agosto de 2006.

terça-feira, 27 de julho de 2010

Novos camiños para a esquerda galega

Programa definitivo da Xornada de Debate

"Novos camiños para a esquerda galega"
Data de celebración
Sábado, 18 de setembro de 2010
Lugar: Auditorio da Fac. de Cc. da Comunicación (USC) - Ver mapa
Horario: 9h. ate ás 20h.
* * * * *
Sesión matinal
09:00 Recepción e distribución de material0
9:15 Benvida e inauguraciónIntervirán un representante do Decanato da Faculdade de Ciencias da Comunicación e Emilio García, en nome da organización.
09:30 Mesa-redonda "Identidade, cultura e comunicación "Ponentes: Fermín Bouza, Manuel Bragado, Antón Dobao, Tati Mancebo, Guillerme Rodríguez Fernández.
11:00 Pausa para café
11:20 Mesa-redonda "Territorio e desenvolvemento sustentable"Ponentes: Carlos Amoedo, Daniel Beiras García-Sabell, Adela Figueroa Panisse, Teresa Nieto, Isabel Villalba.
13:00 Mesa-redonda "Política económica máis alá da crise "Ponentes: Ínhigo Ansotegi, Xoán Doldán, David Peón e dous representantes do ámbito sindical, a definir.
14:30 Pausa para o xantar
Sesión vespertina
16:30 Mesa-redonda "Cidadanía e modelos de participación política"Ponentes: Xosé M. González, Vitoria Iglesias Molares, Manuel M. Barreiro, Carlos Neira, Marcos P. Pena.
18:00 Mesa-redonda de Política Xeral Ponentes: Antón Baamonde, Xosé M. Beiras, Filipe Diez, Camilo Nogueira, Xosé Ramón Quintana Garrido, Teresa Táboas.
Información adicionais
O evento é organizado por un grupo de persoas a título particular e non conta co apoio de ningunha organización ou asociación política, social, financeira, relixiosa ou de calquera outra índole.
A participación no evento está aberta a todas as persoas interesadas, polo que será libre e gratuita. Os organizadores asumimos todos os gastos derivados do evento, e poremos á disposición de quen o desexe bonos de axuda de 5 euros para axudar a cubrir os custos.
Ao final de cada mesa-redonda, haberá un coloquio con participación do público.
Os nomes dos ponentes ora divulgados xa están confirmados. Estamos pendentes da resposta definitiva dalgunhas persoas para pechar completamente o evento.
Para as persoas que non poidan estar presentes no evento, disponibilizaremos online o material da xornada de debate.

sábado, 24 de julho de 2010

Esquerda Nacionalista fai un chamado a participar nos actos convocados con motivo do Día da Patria Galega


Esquerda Nacionalista fai un chamado a participar nos actos convocados con motivo do Día da Patria Galega


A reivindicación da nosa independencia nacional, este 25 de Xullo, cobra máis importancia que nunca pola necesidade urxente de ter competencias políticas efectivas para enfrontar a crise económica.

Esquerda Nacionalista fai un chamado a todos os seus militantes e amigos para que participen das diferentes mobilizacións que mañá 25 de Xullo, Día Nacional de Galicia, se desenvolvan en Compostela, así como de todos os actos que se celebren para reivindicar a Independencia, a Soberanía Nacional e a Xustiza Social.

Esquerda Nacionalista considera que o actual marco xurídico español é claramente insuficiente. Por iso, no actual contexto de crise económica e ofensiva contra o noso idioma, a mobilización para reivindicar un maior autogoberno sustentado no dereito democrático de autodeterminación co obxectivo posto na INDEPENDENCIA nacional dentro da Unión Europea, cobra aínda máis importancia que nunca.
Compostela, 22 de Xullo de 2010

Feijóo e o surrealismo. Por Teresa Táboas


Publicado no Xornal de Galicia - 7 de xullo de 2010
.
Agroman estes días da mán da esperada sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut catalán, despois de dous anos e medio de longas deliberacións, tódalas vellas teimas que sen correcións racionais e sen responder a un razoamento lóxico simplemente van expresando emocións. Curiosa afirmación, cando a propia sentenza deixa claro que a utilización do termo nación é plenamente constitucional máis aló da súa eficacia xurídica, pero é o recoñecemento expreso de que existen máis nacións que a da sentenza do señor Nuñez Feijóo. Surrealismo en estado puro se nos cinximos conceptualmente ao que foi aquel movemento xurdido a principios do século XIX arredor do poeta André Bretón, que se baseaba nos automatismos psíquicos puros, no simple dictado do pensamento, do mesmo xeito que o do presidente galego sen lugar a dúbidas, e que reflicte con clareza os seus complexos, aos que despois tenta poñerlle remedio con intervencións como a que fixo na entrega das medallas Castelao destacando o inconformismo dos galegos. Madia leva este país de que haxa inconformistas coma di, xa que de non ser así o conformismo de persoeiros coma el coas teses españolistas máis rancias rematarían coa existencia dunha realidade galega.

Inconformistas como aqueles artistas que constituiron unha vangarda patriótica galega entre os anos 1925-1936 e na que se atopaban tamén surrealistas como Eugenio Granell ou Maruja Mallo, pero a eles pola contra o dictado automático do seu pensamento faláballe da existencia dunha identidade propia, eran parte do despertar político e cultural do galeguismo, vangarda da que formaban parte outros artistas como Maside, Souto ou Seone, e que estaba vencellada ao discurso do nacionalismo, ademais de exaltar a función popular da arte e a súa potencia concienciadora nun momento convulso como aquel. Fáltalle ao señor Nuñez Feijóo, sen lugar a dúbidas, a valentía para fuxir da súa condición de repetidor automático de certas teses, vocación a do actual presidente galego cuxa acción está nas antípodas da actitude rebelde deses galegos inconformistas como Castelao, cuxa personalidade define moi ben aquela resposta que dera a unha pregunta que lle fixeron sobre porqué nas súas caricaturas sempre representaba unha Galiza pobre, e contestou que el non tiña vocación de estupefaciente. Pero no caso do señor Nuñez Feijóo é xa de sobra coñecida a súa traxectoria perante a defensa da identidade propia, rexeitándoa continuamente e amosando un desmedido culto por Madrid, por iso cando quere imitar ese españolismo caduco dende unha nación como a galega, ese automatismo psíquico que converteu ao surrealismo nunha vangarda artística a el simplemente voltou a retratalo, deixándonos unha frase para a historia que expresa unha forma de ver a realidade deturpada, xa que non lle serve nin lle gusta a que é. Por iso eu definiríao da mesma maneira que fixo o poeta e novelista Apollinaire co surrealismo: “Cando un home quixo imitar a acción de andar, creou a roda que non se parece nada a unha perna, así fixo surrealismo sen sabelo.”

sábado, 5 de junho de 2010

Torres Queiruga e a vietnamita


Por Xoán Rama Trillo.
Coordinador executivo de Esquerda Nacionalista
.
A vietnamita estaba tras un dos altares da Catedral. A ollada, a aquel home alto, grande e rexo, enriba do púlpito, cos brazos en alto predicando, semellaba estares ante o mesmo Torquemada imaxinario. Vaia alarde de vaídade. Disparaba palabras coma unha metralladora que atronaba todos e cada un dos arcos da Sé de Compostela. “Perante Deus todos valemos”, pensaba él, pequeno, frouxo e ferreño; asi e todo era o seu irmán.Magoábao e enfurruñábao. “Un, varudo batallador das Cruzadas o outro, valente loitador dos humildes. As duas caras da mesma moeda”, laiábase él nos seus adentros. A policia axexaba. No Seminario Maior corría o Vaticano II, a Teoría da Liberación, a galeguización da igrexa, a actuación libre da igrexa na sociedade, a defensa dos pobres …rexía ainda o Cardeal Quiroga Palacios.
.
Chao, Moncho, Carballo, O Fuguillas, O cura de Aguiño que daba misa pola tardiña a hora que voltaba do mar cos seus mariñeiros ou Susa Juanatey e @s amig@s que andaban de misioneir@s nas aldeas do Monte Iroite a carón da base militar do Barbanza, carecendo os seus veciños até do máis estrictamente necesario, e tantos e tantas outras ao traballo no longo do tempo (Coloquios, Encrucillada, Irimia, Romaxes, Encontros …traballo coa comunidade a pé de obra). Parecían apóstolos: curas-mariñeiros, curas- labregos, … curas- traballadores. Todo un bulir na sacro santa Casa. E en plena xolda “ fumata branca”, cae Torres Queiruga en desgraza. O Arcebispo Suquia apuntaba e coa valiosa “habilidade diplomática vaticana” saida de xente do seminario, desgaleguizació n da igrexa, pequenos empuxes cara a porta de fóra aos “curas roxos”, fuxida cara a Ámerica e a África á busqueda de osíxeno. Logo veu o Bispo Rouco e seguiu a mesma liña doutrinal.
.
Hoxe máis de 50 curas valorosos do colectivo Encontros reivindican, de novo, derrubar, para aqueles que asi o queiran, o muro do celibato tan daniño á plenitude do ser humano. Segundo eles, o meu tan prezado Xoán XXIII co seu Vaticano II algo anduvo rosmando a prol do cambio e o Paulo VI algo deixou escrito, mais o Wojtyla prefiriu derribar o Muro de Berlín. A ver se haí sorte e coa vida do Bieito XVI a Santiago, xa que xa non ten nada que esborrallar en Berlín, lles fai caso, falanos en galego- feliz fará ao padre Isorna e os galegos de seu- e abole o celibato obrigatorio. O Monseñor Barrio ía lle quedar ben agradecido, xa que está, entre o eixe e a roda, pagando os custes daqueles “recortes”.
.
Artigo publicado no xornal El Correo Gallego – 05.06.10

sábado, 22 de maio de 2010

Entrevista con Manuel Portas


Manuel Portas, autor literario e ex concelleiro de Esquerda Nacionalista Santiago de Compostela.

"Saldei unha débeda moral coa miña xeración"
Carolina Carballedo
SantiagoSiete - 06.05.10
Foi concelleiro en Raxoi polo BNG dentro de Esquerda Nacionalista durante dúas lexislaturas -en Participación Cidadá, Normalización Lingüística e en Deportes- e, dende hai uns anos, centra case todo o seu tempo no mundo das letras. Ademais de ser profesor de literatura no instituto compostelán Xelmírez I, Manuel Portas, vén agora de debutar na creación literaria con ‘Denso arrecendo a salgado’, a súa primeira novela, presentada hai uns días na Feira do Libro, na que rinde a súa particular homenaxe a toda unha xeración.
.
Por que decidiu escribir esta novela?
Xa facía un tempo que tiña ganas, tiña o reto de facer literatura, pero nunca atopaba o momento ata que tiven esta fase máis tranquila. Ademais, tamén tiña unha certa débeda moral cunha xeración que é a miña xeración, que pretendía saldar ao escribir a novela. A verdade é que foi un proceso que non deixou de ser estrano, porque eu pensei que ía ser máis complicado e difícil. Escoitara que o oficio de escritor é dos máis duros e eu, sen embargo, quedeime cunha sensación estrana ao terminar, porque eu paseino moi ben.
Pode ser ésta a primeira de moitas outras novelas?
Pode ser. Pero eu tampouco quero garantir que me vaia a dedicar a isto. Por agora, xa vou tendo algo escrito. Vou seguir traballando porque me apetece, porque a verdade é que son moi hedonista. Me encantan todos os praceres e un deles é escribir, non só ler. Así que probablemente non todo quede aquí.
E que queda da súa etapa como concelleiro en Raxoi? Ten pensado volver?
Agora, andando por volta dos 50 teño obxectivos máis ou menos inmediatos e, aínda que un nunca debe dicir nunca xamais, a verdade é que me sinto moi a gusto dando as miñas clases, disfrutando na lectura e agora con esta nova faceta de producir non me prantexo, nestes momentos, ningún outro horixonte.
Tras a súa saída do BNG, algúns ven en vostede a un novo Xaquín Fernández Leiceaga, acadando, como tivo el, un acomodo no PSOE...
Bueno, somos persoas diferentes, con traxectorias diferentes e con maneiras de comportarnos diferentes. Sempre admirei a valía de ‘Xocas’. É un economista magnífico e un político con moita capacidade de actuación e creo que está facendo nestes momentos un moi bo labor no Parlamento. Que somos diferentes resulta obvio.
Agora que está do outro lado. Como ve a nosa política municipal?
Son un observador privilexiado, por ter estado toureando alí e velo agora dende o burladeiro. Creo que nestes momentos o goberno municipal é o mellor que pode ter Santiago, que se podería mellorar, como todos, pero hai unha estabilidade que creo que notan os cidadáns. O que si que se bota en falta é unha actitude máis constructiva e xenerosa por parte de quen fai oposición, algo que curiosamente si había nos mandatos nos que eu participei. Había unha actitude máis positiva e menos agresiva do que se ve agora.
Cre que se podería repetir a estrutura actual do Concello tras as eleccións de 2011?
É perfectamente verosímil. Santiago ten unha sociedade moi madura e todo fainos agoirar que unha situación como esta se pode perpetuar, a non ser que houbese un desastre gubernamental, que, sinceramente, eu creo que non se está producindo.
.
“En Galicia faise unha literatura moi boa pero é lamentable que non teña moito eco na súa propia sociedade ” Portas lamenta que pese a que a literatura galega goza, a día de hoxe, de boa saúde “cun volume de escritores de alto nivel”, moitas veces “non teñen eco na súa propia sociedade e é unha verdadeira lástima”. Pon como exemplo a Suso de Toro, “que é tan desfrutado e querido na sociedade catalá, pero anda polas rúas de Santiago como un anónimo para os seus conveciños e a min paréceme lamentable, sobre todo cando é un creador que vai levando o nome de Galicia, do galego e de Santiago polo mundo adiante”, explica.

Que é o que falla? “Se os nosos pensadores e escritores están facendo cultura con maiúsculas é obrigación non só da sociedade, senón tamén das institucións e dos medios de comunicación, de colaborar na difusión para axudar a evitar que sexamos ignorantes de nós mesmos, que é algo dramático”, sentenza Portas.

quarta-feira, 24 de fevereiro de 2010

A xenofobia antigalega de Rosa Diez

"Zapatero podría ser gallego en el sentido más peyorativo de la palabra"


A líder de UPyD, Rosa Díez, utilizou o termo "galego" como insulto ao presidente do Goberno español. Está é xa a segunda vez que fai declaracións así e, non rectificou nin a primeira ocasión e seica non pensa rectificar nesta segunda. As súas declaración tiveron lugar durante unha entrevista emitida en CNN+ co xornalista Iñaki Gabilondo. "Y de Rajoy?", preguntalle logo o xornalista. "Ya es gallego". Miserábel e indignante actitude galegófoba a desta señora deputada que non teñen xustificación posíbel. Pode ver as súas declaracións nesta entrevista emitida pola canle CNN+ a partir do minuto 5.00


terça-feira, 26 de janeiro de 2010

No Día da Memoria do Holocausto


Por Pedro Gómez-Valadés
.
Nunha entrevista emitida pola televisión poucos anos antes da súa morte, Violela Friedman, (Transilvania 1930 - Madrid 2000) dicía que o principar reto, a encomenda que ela quería transmitir ás novas xeracións, era a de que o que ela denominaba “o ruído insoportábel da historia” non conseguira apagar as voces dos sobreviventes do Holocausto. Da Soáh na milenaria lingua Hebrea. Esa é a principal tarefa que como demócratas e militantes na nosa condición humana, debemos marcarnos cada 27 de xaneiro.

Hai agora 65 anos que a División 100 do Exército Vermello entrou en Auschwitz-Birkenau. Esa inmensa fábrica de morte que é símbolo perpetuo e universal da infamia. E digo entrou en Auschwitz porque entendo excesivo denominar liberación á entrada nun campo de exterminio, no que ficaban neses intres só pouco máis de 2000 xudeus vivos, nunha factoría que tivo nos anos a pleno rendimento a negra marca de aniquilar a máis de millón e medio de seres humanos. Homes, mulleres e nenos.

Preguntábanme amigos que sentira cando visitei Auschwitz por ver primeira. En verdade é moi dificil de explicar, debería ser eu un orfebre da palabra que non son, para poder transmitir en verbas, algo tan humano, ao que pisando a terra de Auschwitz sentín. Mais se tivera que trasladar a unha frase os pensamentos que me invadiron neses momentos, eses foron que Auschwitz era fisterra. Que ese inmenso campo non era parte deste mundo. Porque Auschwitz-Birkenau foi un proxecto destinado e eficientemente programado para o esquecemento: non tiña que ficar nin rastro das vítimas. Porque sen soporte físico, debía así desaparecer a significación cultural do Pobo Xudeu e a súa contribución á historia de Europa e da humanidade. Tratábase de perpetrar un crime de tal magnitude que, aínda que alguén conseguira eludir a cámara de gas e poidese dar testemuño, ninguén podería darlle credito pola desmesura do contado.

A persecución e o asasinato sistemático, burocráticamente organizado e auspiciado polo Estado de millóns de seres humanos, polo “delicto” de ser e non por “ter cometido” é a culminación da maldade a que uns homes poden someter a outros homes.

Atribúese ao historiador Simón Dubnow dicirlle aos xudeus que aínda seguían con vida no guetto de Riga cando era conducido para ser asasinado o 8 de decembro de 1941: "Yidn, schreibt!!" (Xudeus, escriban!!).

Esa é a nosa labor. Ler e sentir o que escribiron e manter o facho aceso da súa memoria. Porque esquecelos, esquecer no que no corazón das nosas Europas sucedeu hai agora só 65 anos é asasinar por segunda vez aos mortos na barbarie nazi.

Quero aproveitar, non podo rematar estas liñas, sen demandar da nosa Casa Común como galegas e galegos, do noso Parlamento de Galicia, sensibilidade. Que este ano 2010 non cometa o erro sen nome do esquecemento.

Primo Levi. Sobrevivente do Holocausto en Auschwitz.

Se isto é un home

Os que vivides seguros
Nas vosas casas caldeadas
Os que vos atopades, ao volver pola tarde,
A comida quente e os rostros amigos:
Considerade se isto é un home
Quen traballa na lama
Quen non coñece a paz
Quen loita pola metade dun paneciño
Quen morre por un si ou por un non.
Considerade se é unha muller
Quen non ten cabelos nin nome
Nin forzas para lembralo
Baleira a mirada e frío o regazo
Como unha ra invernal.
Pensade que isto sucedeu:
Encoméndovos estas palabras.
Gravádeas nos vosos corazóns
Ao estar na casa, ao ir pola rúa,
Ao deitarvos, ao levantarvos;
Repetídellas aos vosos fillos.
Ou que a vosa casa se derrube,
A enfermidade vos imposibilíte,
Que os vosos descendentes vos viren o rostro.