quinta-feira, 8 de outubro de 2009

O idoma galego, primeira lingua sen estado no Twitter



A pesares dos seus case tres millóns de falantes, o galego posicionase nas redes sociais… Segundo nos informa Opaco, hai uns días a Web Ecology Project publicaba na rede os resultados da pesquisa que fixeran para saber cales son as línguas máis faladas no twitter. E o máis chamativo, tal e como aparece na gráfica, é que o galego aparece no posto 22 de entre as máis utilizadas en twitter e a única das que aparece que non é lingua oficial de estado ningún. Neste ranquing, que xurde de analisar un millón de tweets usando o sistema de detección de idiomas do Google a través dun módulo python, resultou que a língua máis utilizada é o inglés, que chega case ao 63%, seguida do portugués, cun 9,5% dos tweets.

Israel e nós. Por Josep-Lluis Carod-Rovira


Por Josep-Lluis Carod-Rovira
AVIU - 07.10.09.
.
A Israel pásalle, no mundo, algo semellantemente a aquilo que, en España, ocórrelle a Catalunya. Todo é escoitar ou ver as palabras-faísca (Israel, xudeus, Catalunya, cataláns) e ao momento préndese o lume da prevención, da sospeita ou da criminalización inmediata. A súa simple mención ten a virtude de provocar reaccións irracionais de rexeitamento, alerta ou culpabilización, de pór en garda todo o mundo, polo si ou polo non... En ausencia de xudeus na paisaxe española, os cataláns fixeron a función ("os xudeus de España", dicía Pio Baroja), converténdose en xudeus sobrevindos, aos cales se aplican todos os reproches, tópicos e prexuízos do antisemitismo, quitado de matar a Cristo, cando menos até agora: xente avariciosa, interesada só polo diñeiro, etc...
.
Moitos medos e inseguridades da uniformidade identitaria máis rancia en relación co outro, cara a aquilo que é diferente, canalizáronse, en España, contra xudeus e cataláns, facendo a miúdo unha soa cousa. O mesmo Quevedo era quen de escribir, case á vez, un libelo antixudeu e outro de anticatalá, quizais un con cada man. Todo o rexeitamento do conservadurismo máis enfrentado de cabeza ao progreso, á modernidade, aos cambios, tivo tamén os mesmos destinatarios: industria, cultura, cidade, ciencia, palabras craves tamén do catalanismo, recibiron por todas partes.
.
Tras a barbarie da Shoáh, do Holocausto, a esquerda europea e os sectores máis ilustrados e liberais eran claramente proisraelis, seguramente pola mala conciencia e a vergoña de todo o que Europa permitira ao nazismo e tamén pola hexemonía socialista no movemento sionista de entón. Tamén, á saída da ditadura, a esquerda, e unha parte da sociedade españolas do momento, tiñan respecto e unha certa admiración por Catalunya. Pero unha actitude e a outra hai xa tempo que cambiaron de signo. Onte e hoxe, en España, xudeofobia e catalanofobia van do brazo. Máis aló da pegada xudía na nosa historia nacional, o catalanismo sempre se sentiu atraído pola historia do pobo xudeu: a conciencia e complicidade de grupo, a tenacidade para transmitir a identidade aos descendentes, en calquera lugar do mundo e en contextos moi difíciles e dramáticos, a fascinación pola construción do propio Estado nacional con xente chegada de todas partes, etc.
.
Non é estraño, pois, que, o 1929, Rovira e Virgili se referíse ao "pútrido e fétido antisemitismo (que) aínda está vivo"; que, ao nacer "Edicións 62", en pleno franquismo, se o seu primeiro libro editado era "Nós os valencianos", de Joan Fuster, o segundo título impreso foi "O Estado de Israel". Nin tampouco que, o 1992, na conmemoración do cincocentos aniversario da expulsión dos xudeus de Sefarad, o Parlament de Catalunya fose o único, dos dezanove existentes a todo o Estado, onde se presentou, e foi aprobado por total unanimidade, unha resolución de condena daquel feito, resolución que eu mesmo tiven a honra de redactar.
.
O antisemitismo de onte, a xudeofobia de hoxe, teñen, de feito, raíces relixiosas, onte instaladas no integrismo católico, hoxe tamén no integrismo islámico. Por isto sorprende, e só se entende como resultado da desinformación e a simplicidade con que se adoptan certas actitudes, que, ademais da ultradereita, sexan, xustamente, certas esquerdas, as abandeiradas do anti-Israel. Non quedaramos en que a laicidade era un valor de civilización? Como non parece que certas posicións se puxesen baixo a advocación do Vaticano nin tampouco da Meca, as razóns deben buscarse noutro lugar: o factor palestino, como pretexto por expresar, tamén, un antiamericanismo primario e visceral, nun momento de desorientación ideolóxica.
.
Lamentabelmente, España é o Estado máis antisemita de Europa, pero Barcelona xa apareceu en dúas ocasions, en pouco tempo, no mesmo mapa. Sempre defendín e defendo o dereito do pobo palestino á construción do seu propio Estado nacional independente e que Israel debe retirarse de Cisxordania. Pero tamén defendín e defendo o dereito á existencia do Estado de Israel e o seu dereito a defenderse dos ataques terroristas. Hamás, con quen agora se entrevistan algúns grupos políticos españois, sen que ninguén o cuestione, como a cousa máis normal do mundo, a pesar de estar considerado como organización terrorista pola Unión Europea e Estados Unidos, é, precisamente, un dos obstáculos máis grandes para a creación do Estado palestino. Pero isto non converte a todos os palestinos en terroristas. Como tampouco que a máxima autoridade islámica de Xerusalén aproveitase a radio berlinesa, na Alemaña de Hitler, para facer chamamentos reiterados a matar aos xudeus.
.
Nin todos os xudeus son malos, nin todos os palestinos son bos, e ao revés. Nin todos os cidadáns de Israel pensan o mesmo do seu goberno, nin todos os musulmáns poden ser sospeitosos de nada polo feito de ter esta relixión. Os problemas só serán resoltos pola vía política, non polas armas e o terrorismo. A coexistencia pacífica dos dous pobos só chegará polo acordo e a negociación, non polos atentados de suicidas ou polo derribo das casas destes. Por isto, certas actitudes e compañías non benefician nada a solución do conflito e, menos aínda, ao dereito lexítimo dos palestinos a ser Estado.
.
Non deixa de ser sospeitoso ademais, que os únicos musulmáns obxecto de simpatía política sexan, precisamente, aqueles que teñen un conflito aberto en Israel. Onde están as voces da esquerda europea en Chechenia, ante Darfur, ante o Sahara e, ao seu momento, en Bosnia, musulmáns todos eles? Aínda lembro aquel esotérico "bombardean Serbia porque son de esquerdas", en boca dun político de "esquerdas". Non ten sentido, pois, castigar e criminalizar a todo un pobo e un país, polo simple feito de ser o pobo que é e o país que é. E, moito menos aínda, facelo desde Catalunya.
Aviu, 7 de Setembro de 2009

sábado, 3 de outubro de 2009

Eire di que si


Por Xosé Antón Ferrón (desde Dublín)
.
As cinco desta tarde, hora irlandesa, faránse oficiais os resultados do referendum polo que o povo irladés ratifica o Tratado de Lisboa. Esta é a segunda vez que os irlandeses son chamados as urnas coa mesma pregunta, logo de que en Xuño de 2008 o "non" gañase por un apretado marxe do 53.4% contra do 46.6% que votora afirmativamente. Nesta ocasión todo fai indicar que o "Sí" acadou máis do 60% dos votos emitidos, pero, por qué este troco no parecer dos irlandeses?
.
En primeiro lugar habería que destacar o posicionamento claro dos principais partidos do pais a prol do si. Se na anterior consulta, fora Finna Fail case que en solitario o que fixese campaña pola ratificación do tratado, nesta ocasión tanto Finne Gael, Partido Laborista e Os Verdes, deixaron ó marxe cuestións de política doméstica e deron a cara. Os principais opositores a Lisboa, Sinn Fein, Partido Socialista e People before Profit ( Xente antes de gañancias), non fixeron unha boa campaña, con declaracións contradictorias, e moitas veces demasiado catastrofistas. O Sinn Fein sobre todo, trabucouse ó centrar á súa campaña en acosar ó Taoiseach, Brian Cowen, e non saber coma achegar á xente ás verdadeiras razóns de por qué non querían o Tratado.
.
O lema da campaña do Sí, Yes to jobs, yes to recovery, Yes to Europe, ( Sí a traballos, sí á recuperación, sí a Europa, cuallou na xente, que teme represalias das instancias europeas se o tratado non é ratificado por culpa deste pais, e a conseguinte e posible Europa de dúás velocidades. Mentres o lema dos partidos opostos ó tratado foi "No more lies" ( Non máis mentiras), que non foi interpretado pola xente do xeito esperado. Nun ámbeto máis mundano, a pé de rúa, é doado que xente que votou non no 2008, dígache sen maior rubor, que ían votar sí desta volta, porque total, se votaban non, seguro que habería unha terceira consulta, así que mellor rematar canto antes. Pero sobre todo, esta illa que hai non pouco presumía de ser o Tigre Celta, e que neste intres non é máis que un miquiño cunha gaita, un pais que pasou de case que o preno emprego a tasas de paro non coñecidas dende os 80, ten medo a quedar á marxe dos paises que poden liderar a recuperación económica. Unha recente visita de Nicolas Sarkocy, na que veladamente ameazaba a Irlanda con quedar fora das axudas europeas en caso de non ratificar o tratado, fixo máis polo sí que toda a campaña gubernamental. En definitiva, Irlanda dí que sí a Lisboa, inda que case ninguén na illa ten a máis remota idea de que significa e que repercusión pode ter o tratado que veñen de ratificar.
Xose A. Ferrón
Dublín - Baile atha Cliath
Eire

sábado, 15 de agosto de 2009

Pola peonalización da Praza de Fefiñáns‏

A Praza de Fefiñáns (s.XVI), unha das máis fermosas de Galicia, atópase aínda na actualidade aberta ao tráfico rodado, maila que hai anos que se contruíu unha estrada alternativa. Na mesma teñen cabida o Pazo de Fefiñáns (s.XVI) e a Igrexa de San Bieito (1618-1634), e nela se celebraba antigamente o mercado.

A campaña Pola peonalización da Praza de Fefiñáns ten coma obxetivo propoñer medidas que posibiliten que ese espazo se deixe de utilizar coma estrada e aparcamento. Para elo conta cunha páxina onde se pode consultar o estado actual da praza, os elementos que a compoñen, e posibles solucións aos problemas que implicaría pechala ao tráfico. Dende ela pódese acceder ao grupo de apoio na rede social Facebook e, sobre todo, á recollida de sinaturas en liña. Por descontado, agradezo a todas as persoas que se van adherindo o seu respaldo.

Ata o dagora, os medios de comunicación que se fixeron eco da mesma foron dous. O primeiro, O Aturuxo, un xornal gratuíto que cubre novas da comarca do Salnés, publicou unha entrevista sobre a iniciativa o venres 7 de agosto do 2009 (Ano II, nº 23). Pola súa banda, o xornal El País, adicoulle o sábado 15 de agosto de 2009 un artigo na páxina 4 do seu suplemento para Galicia, que a maiores de atoparse na súa edición dixital vai coma arquivo adxunto neste correo.

Saúdos de novo, e agradecería que axudasen a divulgar esta campaña entre quenes crean que poden estar interesados.

Atentamente,
Iago Pillado Losada

quinta-feira, 9 de julho de 2009

A propósito do financiamento autonómico


Por Camilo Nogueira
.
Se durante a Ditadura a visión de Galiza como Noroeste servía para ocultar ese país pobre, lonxano, cuxos habitantes estaban adoecidos por emigrar, agora ten outro carácter, mais a opinión preconcebida perdura, tendo protagonistas externos e, ¡ai!, internos.

Ha pouco máis dunha semana no Faro de Vigo, nunha interesante entrevista feita por Selina Otero ao xornalista de La Vanguardia Enric Juliana con ocasión da publicación do seu libro La deriva de España, este afirmaba que agora "o verdadeiro sur de España é o noroeste, que ficou estancado", integrando nese espazo interpretativo ás catro provincias galegas, con Zamora, Palencia, León, Salamanca, Asturias e parte de Cantabria. Galiza "lonxe de Madrid, do Mediterráneo, de África, das rotas navais que enlazan Europa con Oriente, sendo Portugal a única viciñanza", reproducíanse así as apreciacións da obra do xornalista catalán. O que o relato non incorporou é que Galiza fica perto de Inglaterra e de Franza por mar, mirando ao Atlántico frente a Norteamérica e virando á esquerda para Brasil, pasando por ese horizonte unha parte fundamental do tráfego marítimo mundial.
Nen incluíu a realidade singular de ser o país da chuva, o vento e o sol e dos 1.500 quilómetros de costa, tantos como todo o mediterráneo peninsular. Puido dicir, ademais, que a viciñanza con Portugal non é apenas cuestión de xeografía senón tamén de intercambio comercial, situándose a galega como a primeira Comunidade Autónoma na importación e exportación á nación portuguesa, máis que Cataluña ou Madrid. Sería demais que Juliana encimase a todo iso a noticia, desconcertante, de que Galiza é a Comunidade Autónoma máis exportadora ao estranxeiro, depois de Navarra, destinando produtos equivalentes a 30% do seu PIB, unha cifra varias veces superior á de Madrid, que vive doutras cousas. Pudo dicer todo isto, mais é preciso recoñecer que resulta demasiado exixente reclamar a alguén que analisa "a deriva de España" que Galiza sexa xuzgada por sí mesma e non de acordo co preconceito español que toma por centro a excéntrica posición de Madrid a respeito de Europa e do mundo ou seguindo a interiorizada representación do Estado como mediterráneo.

Ainda que preso da visión ideolóxica oficial, Enric Juliana demanda un novo equilibrio económico no Estado español. Porén, para situar as cousas no sitio debido, debería ter en conta que Galiza é hoxe un dos paises máis industrializados do Estado, tendo unha proporción de emprego no sector industrial superior á media estatal e que lidera múltiples sectores económicos na Península, dispondo de sectores primarios especialmente capaces, grazas ao esforzo da súa xente e a pesar da sangría demográfica causada pola marxinación e a emigración consecuente, que continúa. Tería que saber que Galiza non ten unha especial relación comercial con Madrid, nen posibelmente a vaia ter, exportando a ese lugar do poder político, económico e mediático, iso sí, a maioría dos tributos que aquí se arrecadan. Que este país non precisa tanto axudas como autogoverno e a instrumentación do remedio final dos obstáculos da comunicación por terra, mar e ar que ainda padece. Galiza debe ser solidaria cos territorios próximos, de Asturias a Salamanca, cos que tivo relacións históricas tan importantes como ignoradas pola cultura política dominante, como tamén con todos os demais. Non obstante ha que dicer que a situación económica e os problemas galegos son específicos, non tendo sentido integralos naquel pacote político-territorial.

Non resulta estraño que desde fora nos perceban simplesmente como parte da simpleza do Noroeste "deprimido". Depois de todo esa visión forma parte da ideoloxía dos que governan en Galiza. Cren que o problema económico a resolver é o de ser mellor tratados por un poder madrileño que non se pon en causa. Non pensan máis que en como chegar axiña a Madrid no canto de avanzar na integración interna de Galiza e na relación con toda Europa e co mundo. A visión da Galiza excéntrica e pobre tivo sempre un carácter político. Mantense agora malia que foi superada contra vento e maré polos axentes económicos e sociais do noso país, pola nosa xente. Mais informa ainda as propostas de financiamento da autonomía que procura o Presidente do Governo Galego, fundamentándoas apenas nos cartos suplementarios que deben chegar a conta do avenllentamento, a dispersión da povoación e emigración -demandas que non poden esquecerse, cando no que habería que pór o acento principal é na competencia política sobre a participación e regulamentación no arrecadamento dos grandes tributos e sobre a criazón de impostos proprios. Galiza ten unha renda por habitante próxima ao 90% da media da UE de 27 Estados. Porqué non había de dispór así de recursos de sobra para atender a un Orzamento de gasto que hoxe non sobrepasa o equivalente a 24% do Produto Interior Bruto galego?
Coda 1: A dispersión da povoación merece ser considerada no financiamento autonómica, mais herdada da estrutura económica e social tradicional, agora constitui unha fortuna a protexer e non unha desgraza a superar. É preciso superar o avellentamento, mais os que reclaman xustamente un financiamento especifíco farían ben en praticar unha política de crecimento demográfico que estiver entre as maís importantes, senón a máis importante, das praticadas polo Governo Galego.
Coda 2: Cristóbal Montoro, antigo ministro de Aznar e eurodeputado de traballo descoñecido, agora portavoz económico do seu partido no Congreso dos Deputados, propugna a fusión de Caixa Galicia con Caja Madrid e Caja de Ahorros del Mediterráneo. Resolveríanse así todos os nosos problemas: solucionaríamos a crise financeira, ficaríamos enganchados á prosperidade e abriríamos definitivamente unha canle cara o centro e o Mediterráneo, sempre costa abaixo.
Coda 3: Podo equivocarme e estou disposto a recoñecelo con tristeza antes de seguir adiante, mais intúo de que a grande maioría dos pais que enviaron a enquisa sobre as línguas no ensino contestaron en favor da língua galega, sabendo por riba que en Galiza ese é o camiño para saber muitas máis.

sábado, 4 de julho de 2009

Quo vadimus


Por Alberte Brenlla
Galicia-Hoxe (26.06.09)
.
É ben sabido que os acontecementos políticos son tremendamente dinámicos e cambiantes e que adoitan estar enmarcados nun contexto social determinado. Vén ao caso lembrar como, por equivocacións concretas e irreversíbeis, operacións partidistas de gran calado remataron no cemiterio malia gozaren dunha posición de privilexio no tempo da súa lenta morte. Na transición política española tivo grande importancia unha que algúns de vostedes lembrarán, a Unión de Centro Democrático, coalición primeiro, partido político único despois, que acadou o goberno do Estado no ano setenta e sete e setenta e nove. A UCD primixenia, composta por partidos de raíz socialdemócrata, democratacristiá e liberal, elementos do poder político dos sectores máis modernos da última etapa do franquismo e por sectores políticos non esquerdistas das loitas antifranquistas, confluíron nunha medida operación que se denominou Unión de Centro Democrático.
.
As fortes leas internas e a carencia duns principios ideolóxicos comúns, que lle deran cohesión á organización centrista, deron lugar a que a mesma se esnaquizase no ano 82, todo isto precedido de previas escisións por capelas ideolóxicas. Un dos grandes erros da UCD e dos seus dirixentes foi converter o que foi unha triunfante coalición de partidos nun partido único que nunca foi tal. Só os soños políticos dalgúns e, sobre todo, as ambicións doutros deron ao traste co partido que, malia vivir unha posición de privilexio dende o goberno, non puido evitar o seu esfarelamento. Na Galiza, a implantación local e provincial da propia UCD en coalición co Partido Galeguista deu lugar á operación coaga que, liderada polo que foi deputado nacionalista, Pablo González Mariñas, obtivo unha posición parlamentaria decisiva na Asemblea Lexislativa Galega. As tensións internas e novamente es eivas ideolóxicas deron ao traste con Coalición Galega, após de que esta previamente disolvera os partidos integrantes e convertera a CG nun único partido.
.
A conversión de intereses políticos nunha única opción partidaria non serviu absolutamente de nada e o enterro coaga foi inevitábel, despois de sucesivas vicisitudes, coa aparición de Fraga Iribarne na Galiza aló polos arredados oitenta. Recentemente e con ilusión sincera por parte dalgúns recibiuse a nova de que a plataforma +BNG se conformaba inicialmente coma corrente dentro da fronte nacionalista. Segundo declaracións do seu líder natural, Carlos Aymerich, +BNG tentaba abranguer a socialdemócratas, progresistas e moderados na organización nacionalista. A primeira fase do trampolín político que se está a crear vai tomando forma. Podemos coidar -non sen certo esforzo- que no actual Bloque atópanse dous polos: aqueles que se protexen politicamente ao abeiro do liderado de Aymerich e Teresa Táboas e os que seguen a esteira do partido político hexemónico no Bloque, a UPG. A lícita e irremediábel confrontación política entre estes dous polos fai felices a algúns e sérvelles para alimentar a creación dun novo partido político nacionalista único, organización que podería albergar no seu seo as tres devanditas tendencias, segundo as declaracións xa mencionadas. ¿Que ideoloxía serve de amalgama a esta nova formación ? Nin se sabe. Podería entenderse que se conformase unha federación de partidos políticos nacionalistas dende a plataforma +BNG. A lenda -que pode resultar unha broma pesada-, de que os moderados, hoxe minoritarios na fronte, se poden situar nun sector dun partido único promovido dende máis BNG, soan a falso remedio que os propios integrantes da devandita plataforma xa irán resolvendo. Non é doado ver a liberais, socialdemócratas e moi pequenos sectores social-cristiáns compartindo unha organización política. É sinxelamente imposíbel.

terça-feira, 3 de março de 2009

Dimisión de Anxo Quintana e convocatoria urxente dunha Asemblea Nacional do BNG aberta


COMUNICADO DA EXECUTIVA DE ESQUERDA NACIONALISTA A TODA A MILITANCIA


No día de hoxe 2 de Marzo de 2009, reunida a comisión executiva de Esquerda Nacionalista en sesión ordinaria, tendo como punto único da orde do día a avaliación do resultado electoral da convocatoria nacional celebrada no día onte, esta decidiu trasladar ao conxunto da militancia as seguintes conclusións que son o resultado da valoración feita:
PRIMEIRO.- A Executiva de Esquerda Nacionalista considera que o resultado colleitado polo BNG neste proceso electoral é un fracaso estrepitoso e absoluto, sobre todo si se ten en conta que eramos goberno, e que polo tanto se tiñan a disposición todos os resortes, loxísticos e económicos propios de quen exerce o poder. Nen sequer o multimillonario investimento da campaña foi quen de paliar minimamente o rotundo fracaso.
SEGUNDO.- A xuízo de esta Executiva, as razóns de índole endóxena, que acarretaron estos nefastos resultados para o nacionalismo teñen a ver entre outras coas seguintes razóns:
· Ausencia, en xeral, de ideoloxía na práctica da acción de goberno limitándose en boa medida, a xestionar o herdado.
· Ausencia de participación da militancia propiciada desde a dirección da organización o que se traduciu nunha perfecta disfunción entre a militancia e a acción do goberno
· Reforma asemblear de consecuencias funestas para a convivencia interna da frente
· Existencia de un corpus de militantes asalariados limitados só a transmitir ordes, e que pouco ou nada aportaron a divulgación interna do traballo feito desde o goberno, a fornecer de argumentos á militancia para que ésta cumplirá o seu papel de testemuña de esa acción.
· Non saber comunicar á cidadanía os logros conseguidos nas distintas áreas gobernadas polo BNG, e as súas consecuencias para o país.
· Exceso de soberbia no exercicio do poder.
TERCEIRO.- A actual dirección do BNG ten sido advertida desde os albores da lexislatura, nomeadamente polos representantes de Esquerda Nacionalista nos órganos de goberno, dos perigos de este tipo de prácticas e do que isto podería acarretar. Constátase que sempre se fixo caso omiso de estos avisos.
CUARTO.- Os custos de perder o goberno, de defraudar a cidadanía en nome do nacionalismo,vai supor, a xuízo de esta Executiva, un trauma difícilmente superabel nun longo período, e consecuentemente a pérdida dunha formidabel oportunidade de levar ao BNG a ser a forza capaz de dirixir os destinos de Galiza como nazón.
QUINTO.- Para a Executiva de Esquerda Nacionalista o futuro pasa por comezar un proceso serio de rexeneración democrática interna. Este proceso ten que permitir necesariamente a participación de TODA a militancia. E preciso que sexa certo o eslogan de que todos e todas somos necesarios e necesarias.
SEXTO.- Como propostas concretas a actual dirección considera as dúas seguintes:
· A convocatoria urxente dunha Asemblea Xeral Extraordinaria aberta a toda militancia
· A dimisión do Portavoz Nacional entendendo que éste debe asumir en primeira persoa as responsabilidades derivadas dos nefastos resultados colleitados no dia de onte, e preservar de este xeito ao BNG das consecuencias dun proceso de desgaste que lastren a sua visualización como alternativa de goberno, que só será, como froito da preceptiva rexeneración democrática interna que reclamamos.
Este comunicado será distribuido entre toda a militancia e divulgado na páxina web do partido.
En Compostela a 2 de Marzo de 2009


www.esquerda-nacionalista.eu