quinta-feira, 9 de julho de 2009

A propósito do financiamento autonómico


Por Camilo Nogueira
.
Se durante a Ditadura a visión de Galiza como Noroeste servía para ocultar ese país pobre, lonxano, cuxos habitantes estaban adoecidos por emigrar, agora ten outro carácter, mais a opinión preconcebida perdura, tendo protagonistas externos e, ¡ai!, internos.

Ha pouco máis dunha semana no Faro de Vigo, nunha interesante entrevista feita por Selina Otero ao xornalista de La Vanguardia Enric Juliana con ocasión da publicación do seu libro La deriva de España, este afirmaba que agora "o verdadeiro sur de España é o noroeste, que ficou estancado", integrando nese espazo interpretativo ás catro provincias galegas, con Zamora, Palencia, León, Salamanca, Asturias e parte de Cantabria. Galiza "lonxe de Madrid, do Mediterráneo, de África, das rotas navais que enlazan Europa con Oriente, sendo Portugal a única viciñanza", reproducíanse así as apreciacións da obra do xornalista catalán. O que o relato non incorporou é que Galiza fica perto de Inglaterra e de Franza por mar, mirando ao Atlántico frente a Norteamérica e virando á esquerda para Brasil, pasando por ese horizonte unha parte fundamental do tráfego marítimo mundial.
Nen incluíu a realidade singular de ser o país da chuva, o vento e o sol e dos 1.500 quilómetros de costa, tantos como todo o mediterráneo peninsular. Puido dicir, ademais, que a viciñanza con Portugal non é apenas cuestión de xeografía senón tamén de intercambio comercial, situándose a galega como a primeira Comunidade Autónoma na importación e exportación á nación portuguesa, máis que Cataluña ou Madrid. Sería demais que Juliana encimase a todo iso a noticia, desconcertante, de que Galiza é a Comunidade Autónoma máis exportadora ao estranxeiro, depois de Navarra, destinando produtos equivalentes a 30% do seu PIB, unha cifra varias veces superior á de Madrid, que vive doutras cousas. Pudo dicer todo isto, mais é preciso recoñecer que resulta demasiado exixente reclamar a alguén que analisa "a deriva de España" que Galiza sexa xuzgada por sí mesma e non de acordo co preconceito español que toma por centro a excéntrica posición de Madrid a respeito de Europa e do mundo ou seguindo a interiorizada representación do Estado como mediterráneo.

Ainda que preso da visión ideolóxica oficial, Enric Juliana demanda un novo equilibrio económico no Estado español. Porén, para situar as cousas no sitio debido, debería ter en conta que Galiza é hoxe un dos paises máis industrializados do Estado, tendo unha proporción de emprego no sector industrial superior á media estatal e que lidera múltiples sectores económicos na Península, dispondo de sectores primarios especialmente capaces, grazas ao esforzo da súa xente e a pesar da sangría demográfica causada pola marxinación e a emigración consecuente, que continúa. Tería que saber que Galiza non ten unha especial relación comercial con Madrid, nen posibelmente a vaia ter, exportando a ese lugar do poder político, económico e mediático, iso sí, a maioría dos tributos que aquí se arrecadan. Que este país non precisa tanto axudas como autogoverno e a instrumentación do remedio final dos obstáculos da comunicación por terra, mar e ar que ainda padece. Galiza debe ser solidaria cos territorios próximos, de Asturias a Salamanca, cos que tivo relacións históricas tan importantes como ignoradas pola cultura política dominante, como tamén con todos os demais. Non obstante ha que dicer que a situación económica e os problemas galegos son específicos, non tendo sentido integralos naquel pacote político-territorial.

Non resulta estraño que desde fora nos perceban simplesmente como parte da simpleza do Noroeste "deprimido". Depois de todo esa visión forma parte da ideoloxía dos que governan en Galiza. Cren que o problema económico a resolver é o de ser mellor tratados por un poder madrileño que non se pon en causa. Non pensan máis que en como chegar axiña a Madrid no canto de avanzar na integración interna de Galiza e na relación con toda Europa e co mundo. A visión da Galiza excéntrica e pobre tivo sempre un carácter político. Mantense agora malia que foi superada contra vento e maré polos axentes económicos e sociais do noso país, pola nosa xente. Mais informa ainda as propostas de financiamento da autonomía que procura o Presidente do Governo Galego, fundamentándoas apenas nos cartos suplementarios que deben chegar a conta do avenllentamento, a dispersión da povoación e emigración -demandas que non poden esquecerse, cando no que habería que pór o acento principal é na competencia política sobre a participación e regulamentación no arrecadamento dos grandes tributos e sobre a criazón de impostos proprios. Galiza ten unha renda por habitante próxima ao 90% da media da UE de 27 Estados. Porqué non había de dispór así de recursos de sobra para atender a un Orzamento de gasto que hoxe non sobrepasa o equivalente a 24% do Produto Interior Bruto galego?
Coda 1: A dispersión da povoación merece ser considerada no financiamento autonómica, mais herdada da estrutura económica e social tradicional, agora constitui unha fortuna a protexer e non unha desgraza a superar. É preciso superar o avellentamento, mais os que reclaman xustamente un financiamento especifíco farían ben en praticar unha política de crecimento demográfico que estiver entre as maís importantes, senón a máis importante, das praticadas polo Governo Galego.
Coda 2: Cristóbal Montoro, antigo ministro de Aznar e eurodeputado de traballo descoñecido, agora portavoz económico do seu partido no Congreso dos Deputados, propugna a fusión de Caixa Galicia con Caja Madrid e Caja de Ahorros del Mediterráneo. Resolveríanse así todos os nosos problemas: solucionaríamos a crise financeira, ficaríamos enganchados á prosperidade e abriríamos definitivamente unha canle cara o centro e o Mediterráneo, sempre costa abaixo.
Coda 3: Podo equivocarme e estou disposto a recoñecelo con tristeza antes de seguir adiante, mais intúo de que a grande maioría dos pais que enviaron a enquisa sobre as línguas no ensino contestaron en favor da língua galega, sabendo por riba que en Galiza ese é o camiño para saber muitas máis.

sábado, 4 de julho de 2009

Quo vadimus


Por Alberte Brenlla
Galicia-Hoxe (26.06.09)
.
É ben sabido que os acontecementos políticos son tremendamente dinámicos e cambiantes e que adoitan estar enmarcados nun contexto social determinado. Vén ao caso lembrar como, por equivocacións concretas e irreversíbeis, operacións partidistas de gran calado remataron no cemiterio malia gozaren dunha posición de privilexio no tempo da súa lenta morte. Na transición política española tivo grande importancia unha que algúns de vostedes lembrarán, a Unión de Centro Democrático, coalición primeiro, partido político único despois, que acadou o goberno do Estado no ano setenta e sete e setenta e nove. A UCD primixenia, composta por partidos de raíz socialdemócrata, democratacristiá e liberal, elementos do poder político dos sectores máis modernos da última etapa do franquismo e por sectores políticos non esquerdistas das loitas antifranquistas, confluíron nunha medida operación que se denominou Unión de Centro Democrático.
.
As fortes leas internas e a carencia duns principios ideolóxicos comúns, que lle deran cohesión á organización centrista, deron lugar a que a mesma se esnaquizase no ano 82, todo isto precedido de previas escisións por capelas ideolóxicas. Un dos grandes erros da UCD e dos seus dirixentes foi converter o que foi unha triunfante coalición de partidos nun partido único que nunca foi tal. Só os soños políticos dalgúns e, sobre todo, as ambicións doutros deron ao traste co partido que, malia vivir unha posición de privilexio dende o goberno, non puido evitar o seu esfarelamento. Na Galiza, a implantación local e provincial da propia UCD en coalición co Partido Galeguista deu lugar á operación coaga que, liderada polo que foi deputado nacionalista, Pablo González Mariñas, obtivo unha posición parlamentaria decisiva na Asemblea Lexislativa Galega. As tensións internas e novamente es eivas ideolóxicas deron ao traste con Coalición Galega, após de que esta previamente disolvera os partidos integrantes e convertera a CG nun único partido.
.
A conversión de intereses políticos nunha única opción partidaria non serviu absolutamente de nada e o enterro coaga foi inevitábel, despois de sucesivas vicisitudes, coa aparición de Fraga Iribarne na Galiza aló polos arredados oitenta. Recentemente e con ilusión sincera por parte dalgúns recibiuse a nova de que a plataforma +BNG se conformaba inicialmente coma corrente dentro da fronte nacionalista. Segundo declaracións do seu líder natural, Carlos Aymerich, +BNG tentaba abranguer a socialdemócratas, progresistas e moderados na organización nacionalista. A primeira fase do trampolín político que se está a crear vai tomando forma. Podemos coidar -non sen certo esforzo- que no actual Bloque atópanse dous polos: aqueles que se protexen politicamente ao abeiro do liderado de Aymerich e Teresa Táboas e os que seguen a esteira do partido político hexemónico no Bloque, a UPG. A lícita e irremediábel confrontación política entre estes dous polos fai felices a algúns e sérvelles para alimentar a creación dun novo partido político nacionalista único, organización que podería albergar no seu seo as tres devanditas tendencias, segundo as declaracións xa mencionadas. ¿Que ideoloxía serve de amalgama a esta nova formación ? Nin se sabe. Podería entenderse que se conformase unha federación de partidos políticos nacionalistas dende a plataforma +BNG. A lenda -que pode resultar unha broma pesada-, de que os moderados, hoxe minoritarios na fronte, se poden situar nun sector dun partido único promovido dende máis BNG, soan a falso remedio que os propios integrantes da devandita plataforma xa irán resolvendo. Non é doado ver a liberais, socialdemócratas e moi pequenos sectores social-cristiáns compartindo unha organización política. É sinxelamente imposíbel.