sexta-feira, 15 de fevereiro de 2008

Europeizarse

Felipe Senén

Europeizarse é verbo moi conxugado no presente, que implica a gobernantes e gobernados da "reserva espiritual" do Vello Mundo, como pregoaba a arroutada nacionalcatolicista. Os precedentes pérdense na antigüidade romana, logo metarfoséanse en imperios carolinxios, napoleonicos, nazis e chegan a nós a un tempo que Salvador de Madariaga militaba por unha Europa unida e pola paz, namentres o Festival de Eurovisión divertía ós novos televidentes cada Pacua Frorida. As cousas teñen mudado, dende 1986, cando se asinou o Tratado de Adhesión de España a la Comunidad Europea. Sobre os sentidos está que nos imos europeizando aceleradamente, punto de arranque para unha globalización máis mudializada (na linguaxe paranoica). Cambios demográficos, presión medioambiental, seguridade e máis seguridade... limar minifundios, fronteiras, moedas, idiomas... están nas mensaxes para uniformarse. Abúsase da democracia para sumirnos no consumo e convertirnos nun rebaño. Europeización que se nota en algo máis que na inxenua bandeira azul i estrelada pendurada sobre a porta dos concellos. Está en algo máis que na movilidade dunha diplomacia máis sutil, interesada en vencellos con latinoamérica, nos continxente de soldados en misións de paz e guerra, na atención ás estadísticas á eufórica hora do peche da Bolsa, nos proxectos de portos, aeroportos e vías que unen as metrópolis. Ou mesmo se evidencia na proliferación de bandas de alumnos do Erasmus que descobren por aquí o botellón e o que pode dar de si unha noite.... e ate polo paradóxico proceso de Bolonia, que atenta contra a formación na Historia do clasicismo greco-latino, que esquece ó Meditarraneo, ó mesmo mito da púnica Europa que lle da nome, moza raptada por Zeus en forma de touro, e que provocou a xenialidade de Picasso... que ignora a misión dos frades bieitos, franciscanos, dominicos, ó Renacemento e ó humanismo que, para ben ou para mal, están na mesma raiceira.

Os do común queixámonos da europeización na subida alarmante dos prezos. Pese á variedade de productos que hai neses supermercados con nomes alleos que se espallan pola periferia das cidades, con augas minerais e conservas francesas, viños italianos, yogures gregos, mobles nórdicos... e os nosos camións cargados con productos da terra chamuscados ó pasar os Pirineos. Si, pero tamén ollamos os escaparates e concorridos establecementos de Zara nas grandes rúas das cidades mundiais, e a Fadesa construindo por aquí e por acolá, trailers cargados de aceiro traballado en Galicia para a construcción da estación de Liexa, outros con xeradores eólicos... O cine, a moda, a arte, entran de cheo e de xeito varil neses cambiantes códigos. Tamén nos europeizamos neso de estar abertos e repartir inmigración chegada dese outro mundo marxinal, para revitalizar tanto desgaste e marcar xerarquías neofeudais.

E ata nos europeizamos en nimiedades, que son importantes para a cultura: madrúgase moito máis, á hora dos repartidores dos periódicos e dos donuts; o xantar é un tente en pé, para recollerse á hora das pitas no puleiro. Moitas vilas de estrada, que noutrora tiveron vida no ir e vir, nas súas tabernas e cafeterías, no luscofusco xa aparecen desertas, como as francesas. Moitas tradicións enxebres van quedando na memoria literaria ou na etnografía. Velaí a hispánica da tan reparadora siesta de despois de xantar. Xa dificilmente se pode facer, pois se non ataca o teléfono, chama á porta algún buscavida.

Equiparamos europeización a modernidade. E xa quixéramos ese equilibrio entre a tradición e busca innovadora. Por aquí confundimos con cementalo ou asfaltalo todo para acabar con canta bichería da a natureza, e rematar co humanismo como xeito de entender o mundo. Na Europa madura son conservacionistas que conservan. E arredor do intocable planifican o escenario vital: rehabilitación e revitalización do centro, áreas comerciais, escolares, de lecer, empresariais... e lánzanse á busca da contemporaneidade con novas arquitecturas, mostrario de novas tecnoloxías constructivas para ofrecer como modelos a outros. Namentre por aquí ándase ó rives: primeiro constrúese e logo, traese ós urbanistas para planificar (¿?). Apréndese esnafrándose varias veces contra a mesma pedra posta por nós. Algúns gobernantes aínda non superaron a protohistoria daquela tiranía de creerse os máis listos, teoricos e urbanistas da súa mesma cidade, que confunden coa súa casa. A modernidade está en consensuar democraticamente saberes, en crear equipos en base ás necesidades e adiantarse ó futuro. E a universidade, si quere regar dentro do testo, debe tramar democraticamente redes de colaboración, envestigando a fin de respostar ás necesidades, equilibrar os perigos dos excesos globais e tamén dos locais.

Europeizamonos porque viaxamos máis, tamén internauticamente e televisivamente. Hoxe educan os medios. O mundo está cada vez a menos horas de distancia por ceo, mar e terra, aberto a todas as idades, clases e por infindos motivos que a xestión turística se preocupa por reinventar. Estrasburgo, Bruxelas, París, Berlín, Londres, reclaman a presencia por política, negocios, congresos, exposicións, concertos, ou simplemente pola curiosidade de quen quere sair das cavernas. Así atopamos con cidades amantes de seus núcleos orixinarios, as vielle ville, atopando seu espíritu en feiras, liturxas, escenificacións de rememoración histórica. Onde os carrilóns dos reloxios dan as horas, as campanas tocan como facía séculos... e algúns comercios mostran tradicións anovadas, queixos, viños, froitos secos empaquetados en caixas, tecidos ou cestos artesanais. Cidades con áreas industriais ben organizadas e caviladas en futuro, próximas a todas as vías... parques inmensos, recorridos por ríos limpos de ribeiras coidadas, con parruliños e peixes. Xardíns onde os escolares aprenden arte floral; inmensos mercados de frores, verdes, murchas, concursos, premios, negocio... que aquí reducimos ás liturxas de feles defuntos. Os chips para saber dar, recibir e compartir vanse mudando.

Felipe Senén López Gómez é museólogo e técnico de Xestión Cultural
.

Nenhum comentário: