quinta-feira, 24 de abril de 2008

Alberte Xullo Rodríguez Feixoo

Última intervención perante a VI Asemblea Nacional de ESQUERDA NACIONALISTA como Secretario Nacional.
.
Compostela, 30 de Marzo de 2008.
.
Benqueridas compañeiras
Benqueridos compañeiros

Unha vez máis, a última, tomo a palabra para dirixirme a vós e relatarvos o informe político como Secretario Nacional.

Dende hai dous anos para eiquí, dende a nosa anterior Asemblea Nacional celebrada en maio de 2006 no Hotel Araguaney de Compostela, viñemos proseguindo o noso deambular no habitual deserto que nos ven acollendo dende a nosa fundación aló polo ano 1992. Si, compañeiras e compañeiros, son xa dezaseis anos de Esquerda Nacionalista, dunha forza política, un partido político, o noso, que inda nascido dentro do B. N. G., manifestou dende o mesmo día do seu parto, 4 de abril de 1992 en Compostela, a súa vocación de independenza e rebeldía. Independeza e ausencia de ataduras que durante toda a nosa existenza, e hoxe máis que nunca, nos ten costado sacrificio manter. O doado, o acomodaticio, é cair nas fauces sempre insaciábeis do poder, da opulencia, ainda a custe de perder a liberdade individual e colectiva e a propia identidade renunciando ás ideas e fundamentos ideolóxico-políticos que pudieran albergarse no pasado. Rebeldía ante a inxustiza, ante a opresión, ante o ánimo controlador e absorvente que non ve en nós a compañía axeitada para conseguir o que certamente é o noso obxectivo e inxenuamente pensabamos que era tamén o dos demáis, a liberación nacional e social da nosa Patria.

Pois esí foi, compañeiras e compañeiros. Dende 1992, soñando con gobernar o noso país cun nacionalismo unido e hexémónico e despertando hoxe cunha realidade ben distinta.

Pero non quero adiantarme no tempo.

En maio de 2006 celebramos a nosa V Asemblea Nacional e todas e todos coincidimos en que fora unha magnífica asemblea na que o noso partido amosou o seu músculo vital con maior vigor que en anteriores ocasións. Demos por superados os carosos momentos que tiveramos que aturar na asemblea do B. N. G. celebrada na Coruña e na nosa propia celebrada en Lugo. Tanto nas cuestións de fondo político como nas puramente estéticas tivemos ocasión de amosar un partido político moi vivo e moi compacto. Como dispóis veremos, pura ficción. En calquer caso, nisa mesma asemblea afortalamos a idea de seguir sendo o xermolo do que viñamos denominando polo socialista do B. N. G.. Coincidimos, nas nosas teses políticas, na necesidade de constituir unha alternativa á dirección do B. N. G. e conformamos, expectantes e ilusionados, o proxecto que ao fin sería esí mesmo denominado, A Alternativa. Xunto con outras compañeiras e compañeiros nacionalistas, militantes do B. N. G., constituimos un programa alternativo e unha candidatura propia para conformar o novo Consello Nacional do B. N. G. na asemblea celebrada a finais do ano 2006 no Pazo de Congresos de Compostela. O resultado obtido non respondeu ás nosas expectativas e supuxo un motivo de desilusión en todas e todos nós. De calquer xeito, o conxunto dos resultados obtidos por cada unha das catro candidaturas apresentadas demostrou claramente a existencia dunha oposición á dirección do B. N. G. desunida pero cuantiosa. En números redondos, a proporción foi de 60 % a favor da candidatura encabezada polo Portavoz Nacional e 40 % a favor das posicións alternativas ou de oposición. Non foi un resultado baladí ou ausente de interpretación. Sen dúbida a valoración expresada nas urnas polo conxunto da militancia nacionalista organizada no B. N. G. deixou constancia da súa discrepancia co xeito de facer política da equipa dirigente do B. N. G. co seu Portavoz Nacional á cabeza. Coido, sinceiramente, que non se tomou a debida nota dise resultado e que a práctica política que se deu dende aquela até hoxe inda abondou máis nos mesmos erros denunciados naquela asemblea polas candidaturas disidentes como a nosa.

De calquer xeito, quería sobrancear especialmente que foi a primeira vez na historia do B. N. G. que se apresentaron catro candidaturas para conformar o Consello Nacional do B. N. G. e que isto constitúe un clarísimo síntoma de que rematou o camiño emprendido a finais da década dos 80, completado durante a década seguinte, da constitución do proxecto común dentro da casa común. É claro que hoxe a casa, polo de agora, segue sendo común, ainda que non todos somos donos dela, pero proxectos xa hai varios, entre iles o noso propio, o da Alternativa.

Tamén quero facer referenza a outro feito suliñábel. Xosé Manuel Beiras, por fin, presentou candidatura propia sen ir acompañado pola U. P. G.. Como ben sabemos, os nosos intentos dende 1992, para conseguir que dera ise paso, non obtiveron éxito. En 2006, cando xa non era Portavoz Nacional e cando xa non militaba en Esquerda Nacionalista, por fin atreveuse a retar ao partido político que sempre o tivo no seu ponto de mira, aproveitándose dil cando conviña e desfacéndose dil cando xa non era maior o proveito que a desventaxe.

Outro feito relevante foi a escisión sufrida pola U. P. G. ca conformación da candidatura do Movemento pola Base. Tamén isto era a primeira vez que acontecía. Non é tampouco de esquecer xa que o seu resultado non foi nimio e, quizáis a data de hoxe, non estea minguado en absoluto.

Por último, tamén nós, Esquerda Nacionalista, presentamos por primeira vez candidatura propia ao Consello Nacional, ben é certo que baixo o nome de A Alternativa e xunto cos compañeiros que consideraron que a nosa proposta de socialismo democrático galego, oposta á tradicional visión política do B. N. G., era a máis axeitada e a que conviña á organización frentista e ao conxunto do País. Como xa anticipei, o resultado numérico obtido pola nosa candidatura non foi o que agradabamos. Nembargantes, cualitativamente demos un avance importantísimo ao conseguir obter dous postos na Executiva Nacional do B. N. G., algo que non acontecía dende había moitos anos, dende antes de 2002. Ao Portavoz Nacional non lle gostou ren e todas e todos lembramos que non gostaba de que na foto oficial da asamblea apareceramos dous membros de Esquerda Nacionalista na composición da nova Exectutiva Nacional e, unha vez máis, fixo trampa para que esí non fora, conseguindo convencer, xa nise intre, a algúns dos que daquela inda eran nosos compañeiro e compañeira de partido, para que se convertiran en cómplices indispensábeis de tal falcatruada que por certo denunciei tanto interna como externamente ao noso partido.

Pero non pode rematar eí a análise do acontecido naquela asemblea do B. N. G.. Teño tamén que facer mención do acontecido na fase previa á presentación de candidaturas. Como ben coñecestes, Esquerda Nacionalista e a Alternativa fixemos múltiples e intensos esforzos para conseguir conformar unha candidatura unitaria con quen dispóis constituiron a candidatura do Encontro Irmandiño. A pesares do noso esforzo e do noso sacrificio esí como das cesións que fixemos para que ise proceso poidese froitificar, a cerrazón e os intereses personalistas dalgún dos representantes disa candidatura deron ao traste con ise desexado obxectivo. É curioso que non nos quitemos de enrriba o noso persoal alcume de insolidarios e interesados cando a nosa práctica de achegamento a outros sectores do B. N. G. é constante e reiterada. Falaremos disto máis adiante.

Rematada a Asamblea Nacional do B. N. G., a vida política diaria seguíu dando mostras de que o xeito de gobernar dos nacionalistas non se diferencia tanto como se pregonaba do resto de forzas políticas que optan a dirixir a Xunta de Galiza. A realidade é teimuda e imponse sobre os desexos ou as ilusións. Hoxe, unha parte importante da tradicional base social do B. N. G. amosa públicamente o seu descontento, a súa desilusión e, incluso, a súa defraudación de expectativas polo xeito de practicar a política dende a Xunta de Galiza por parte do B. N. G.. É certo que non é unha situación cómoda a do nacionalismo na Xunta de Galiza xa que ten que compartir decisións de goberno cunha forza política como o P. S. O. E., españolista onde as haxa e cunha práctica política no terreo social ben coñecida, pero isto non pode ser óbice para demostrar, se se quere e se ten gañas, que a práctica política do B. N. G. se diferencia da do P. P. e do P. S. O. E.. Hoxe, a percepción dise corpo social e electoral que tradicionalmente apoiou ao B. N. G., é que non se percibe isa diferenciación. A práctica política baseada en reproducir as merendas e os bailes do Partido Popular con Fraga á cabeza, o reparto de prebendas a amigos e familiares, o uso indebido do erario público, o mantemento como programa estrela da televisión pública galega do Luar e a reposición do señor Super Piñeiro como presentador non só televisivo senón tamén político polo mérito de ser alaricano non pode ser ben vista nen aplausada por quen toda a nosa existencia aspiramos a chegar á Xunta de Galicia para mudar iste noso País. E todo isto para conservar unha incidencia do 10 % dos electores! A miña desconfianza de que prime o interese persoal sobre o colectivo ou de que o interese nacional e do conxunto da cidadanía estea supeditado a ises intereses persoais xa a teño manifestado ante vós e é ben coñecida. Non mudei de opinión. Os feitos que se desenvolvan no futuro daranme ou riparanme a razón. Teño liberdade persoal dabondo para poder manter ista opinión pero non por iso desboto nen desatendo outras. Xa se verá.

En calquer caso, se unimos o antedito ca mención anteriormente realizada sobre a falla de interese colectivo doutros grupos, a verdade é que o panorama non axuda a ser optimista (quero dicir, non me axuda a ser optimista). Chamádeme utópico, iluso ou desnortado pero son dos que inda cre na irmandade que os nosos devanceiros políticos articularon como base para a práctica política do nacionalismo galego. Si, benqueridas compañeiras e compañeiros, as irmandades dos primeiros anos do século XX foron quen de axuntar e afortalar os primeiros grupos de homes e mulleres que tiñan en común o recoñecemento da persoalidade propia da nosa Patria, de Galiza, o primeiro nacionalismo. Iles autoproclamábanse irmaos e irmás. Eu proclámome tamén irmao de todas e todos vós, e ise sentimento de irmandade vai en min máis aló do propio interese político. Por iso, un B. N. G. que non me considere un irmao, un membro da irmandade nacionalista senón un contrincante, cando non un inimigo, e que só precise de min para abonar a cota mensual, non me interesa en absoluto. Xa sabedes da miña opinión ao respeito: o B. N. G. non é noso, o B. N. G. creouse para proveito dos seus creadores e nós estamos de inquilinos pero en precario. Xa sei que a política é esí e que ou se toma ou se deixa, pero non quería perder ista ocasión para transmitírvolo de xeito persoal e directo.

Ista miña opinión que pode ser compartida ou non, e non por iso deixarei de ser voso irmao, está hoxe máis de actualidade que nunca dentro do noso partido. Como sabedes, un grupo de compañeiras e compañeiros optaron por non acompañarnos no día de hoxe na celebración da nosa Asemblea Nacional. Con independenza do seu comportamento persoal, que non pode facerme perder o tempo, si debemos puntualizar os aspectos políticos que defenden como prioritarios pero que non se atreveron a defender ante todas e todos vós en asemblea nacional. Cos dados que ten hoxe a nosa executiva e a nosa mesa nacional, sabemos que se conformou unha actuación perfectamente estructurada e programada para facerse ca dirección do noso partido e entregalo completamente desarmado e de xeito incondicional ao Portavoz Nacional ou, alternativamente, e se iso non fora posíbel, destruilo de xeito que non poidera proseguir como tal partido político libre, independente e alternativo. Á cabeza disa operación e baixo a batuta política de sobranceiros persoeiros achegados ao Portavoz Nacional, áchanse compañeiras e compañeiros nosos que ostentan hoxe cárregos institucionais ou orgánicos do B. N. G. que conseguiron por decisión e empeño do conxunto do noso partido, Esquerda Nacionalista. Esí, quen encabezou a candidatura da Alternativa na última asemblea do B. N. G., e hoxe é membro da Executiva Nacional da frente, por decisión e empeño de Esquerda Nacionalista, forma parte disa operación conspiratoria. É curioso sobrancera que hoxe mantén xustamente o contrario do que mantivo no seu discurso, en nome da Alternativa, pronunciado ante a asemblea nacional do B. N. G. hai pouco máis dun ano. Ista mesma compañeira, xunto co seu home, apropiáronse do foro creado e pagado por Esquerda Nacionalista EN_grupo, pesie a ser requeridos, hai xa algúns meses, para que fixeran entrega das claves do mesmo. É dicir, literalmente un acto puro e duro de piratería e de ficar de xeito persoal con algo que non é da súa propiedade. O delegado provincial dunha consellaría gobernada polo B. N. G. na provincia da Coruña, que anteriormente fora membro da executiva do B. N. G. a proposta de Esquerda Nacionalista dándose a coñecer políticamente a toda a militancia por decisión da dirección do noso partido. O único deputado co que contaba Esquerda Nacionalista no Parlamento de Galiza e que fora proposto como condición sine qua non polo noso partido nas anteriores eleccións autonómicas. Quero sobrancear que iste compañeiro, pesie a ser membro da Mesa Nacional e da Comisión Executiva do noso partido, nunca acudiu ás convocatorias dos citados organismos, agás a partir de recibir as correspondentes instruccións para conspirar e reventar o partido. Tamén a páxina web creada polo partido foi birlada por outro militante que de xeito ladino e absolutamente indigno aproveitou a confianza nil depositada por todos e todas nós para apropiarse, indignamente, de algo que formaba parte do acerbo partidario de todas e todos nós. Serían moitos os detalles que poderiamos contar e trasladarvos. Tal e como vos anticipei na carta que vos remesei hai un mes, estou en disposición de facervos sabedores de todos os pormenores e de aclararvos claquera dúbida ao respeito, ao igoal que o resto dos compañeiros e compañeiras que forman parte dos órganos da dirección do partido. En calquer caso, quen seguira a evolución dos debates que se deron no chat, antes de ser secuestrado, coñecen xa as lindezas, insultos, terxiversacións, dislates e burradas que se dirixiron, sen argumentación política nengunha, contra determinadas compañeiras e compañeiros que ostentaban cárregos nos citados organismos de dirección elexidos democráticamente por todas e todos vós na anterior asemblea nacional e sen contestación nengunha.

Cando non hai argumentos e só se obedece a intereses persoais, atendendo de xeito mezquino e traidor instruccións de quen ten intereses alleos ao noso partido e desexa a nosa destrucción, acontece o que temos agora ocasión de observar con tristura e decepción. Non houbo máis que iso, unha acción traidora e insolidaria cos compañeiros e compañeiras que permanecemos fideis aos principios políticos e ideolóxicos do partido político nacido en 1992, Esquerda Nacionalista, que orgullosamente seguimos mantendo. A cobardía de non atreverse a defender ante a asemblea os seus postulados xa o dí todo. Non hai razóns nen argumentos, só traizón e cobardía a cambio de promesas de futura colocación política por parte de quen ostenta (nunca millor dito) o poder no B. N. G.. Que lles vaia ben! Adeus, ex compañeiros!

Os documentos que hoxe imos debater deben abrir unha expectativa nova e ilusionante para o futuro de Esquerda Nacionalista. Non podemos, nen debemos, cair no desánimo. O futuro está eí fora e podemos, si nolo propoñemos, alcanzalo. Veredes que os documentos teñen unha magnífica articulación e están cheos de propostas de futuro. A súa elaboración demostra a validez dos seus autores, a quen aproveito para felicitar polo seu traballo. Por ises textos veredes que o partido conserva tamén sabiduría e experiencia política dabondo.

Non quero deixar de manifestarvos unha vella intención non materializada pero que non por iso debe cair no meu esquecemento. O noso partido ten que buscar fora das nosas fronteiras afinidades políticas ao igoal que o teñen feito outros partidos que tamén están conosco na frente. Que a poítica exterior sexa cuestión que se dirixa dende os órganos de dirección do B. N. G. non debe ser impedimento para que nós podamos explorar contactos con forzas políticas de nacións irmás que teñen posíbel homologación idelolóxica con nós. Fique eiquí iste apunte de futuro por se alguén o quere recoller.

Miñas irmás, meus irmaos.

Chega o momento do adeus dista miña alocución. Teño a fortuna de crer na ética, na honestidade, na solidariedade, no compañeirismo. Como moitos de vós sabedes, o meu proxecto perosal prevía a miña retirada na idade de 50 anos. Teño xa 53. Estou maior. Xa na anterior asemblea non era a miña intención repetir no cárrego de Secretario Nacional. Si accedín daquela foi porque vós, compañeiras e compañeiros, considerastes que era o millor para o noso partido. Quero, facervos sabedores de que, en particular, as mocidades do partido, co seu portavoz nacional ao frente, xunto con outros tres dirixentes (entre os que se atopaban dous ex portavoces nacionais membros da executiva nacional do partido) convidáronme a reunirme con iles para convencerme de que aceptara de novo o cárrego de Secretario Nacional de Esquerda Nacionalista. Nisa entrevista trasladeilles a miña intención de non facelo e argumentei, a maiores do antedito, que non era eu a persoa idónea para manter unha boa relación co Portavoz Nacional do B. N. G.. Como nisa primeira entrevista non accedín, houbo unha segunda, no mesmo lugar e co mesmo cenario. Ise apoio, o da mocidade, foi quizais determinante para que eu aceptara de novo ser Secretario Nacional. Sabedes quen encabezaba isa delegación e quen máis insistíu para que eu accedera? O ex compañeiro Xoán Báscuas. Sinceiramente, coido que hoxe xa sei porqué o facía. Se a política é isto, eu quero baixarme. Por certo, se alguén dubida do que vos relatei, pode preguntarlle si é certo a dous compañeiros que asistiron a isas dúas entrevistas e que hoxe están conosco nista sá. Alégrame vervos e felicítovos pola vosa honestidade, meus irmaos.

Despídomes pois como Secretario Nacional. Miñas irmás e meus irmaos, compañeiros da ialma, eiquí estou, en pe, erguido ante vós e comprometido con vós até o último alento. Estou eiquí porque me peta, como deixou dito he escrito o meu conveciño Celso Emilio Ferreiro a respeito do uso da súa lingua que tamén é a miña, e non choro nengún dos esforzos nen sacrificios que conlevou ser o voso Secretario Nacional. A vosa presenza e a vosa compañía compensa calquer dises esforzos, sacrificios ou sinsabores. En calquer caso, a miña capacidade de soportar traizóns e cobardías chegou ao seu límite. Fico ca vosa amizade e iso percúrame a felicidade de tervos coñecido e de compartir convosco iste magnífico proxecto político para poder algún día proclamar a independenza da nosa Patria.
.
Viva Esquerda Nacionalista!

segunda-feira, 21 de abril de 2008

OITAVO MANDAMENTO: MENTIRÁS

Os expertos corrixen algúns “pequenos erros” dos informes anteriores.

Eduardo Galéano

Ata fai un intre, os grandes medios regalábannos, cada día, cifras alegres sobre a loita internacional contra a pobreza. A pobreza estábase batendo en retirada, aínda que os pobres, mal informados, non se decataban da boa noticia. Os burócratas mellor pagos do planeta están confesando, agora, que os mal informados eran eles.

O Banco Mundial deu a coñecer a actualización da súa International Comparison Program. No traballo participaron, xunto ao Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional, as Nacións Unidas, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e outras institucións filantrópicas.

Aí os expertos corrixen algúns erros pequeniños dos informes anteriores.

Entre outras cousas, decatámonos agora de que os pobres máis pobres do mundo, os chamados “indixentes”, suman cincocentos millóns máis que os que aparecían nas estatísticas.

Ademais, almorzámonos de que os países pobres son bastante máis pobres do que os numeriños dicían, e que a súa desgracia empeorou mentres o Banco Mundial vendíalles a pílula da felicidade do mercado libre.

E por se todo iso fose pouco, resulta que a desigualdade universal entre pobres e ricos fora mal medida, e en escala planetaria o abismo é aínda máis fondo que o de Brasil, país inxusto se os hai.

Outra mentira Ao mesmo tempo, un ex vicepresidente do Banco Mundial, Joseph Stiglitz, nun traballo conxunto con Linda Bilmes, investigou os custos da guerra de Iraq.

O presidente George W. Bush anunciara que a guerra podería custar, como moito, 50 mil millóns de dólares, o que a primeira vista non parecía demasiado caro tratándose da conquista dun país tan rico en petróleo. Eran números redondos, ou máis ben cadrados. A carnicería de Iraq leva máis de cinco anos, e neste período os Estados Unidos gastaron un millón de millóns de dólares matando civís inocentes. Desde as nubes, as bombas matan sen saber a quen. Baixo a mortalla de fume, os mortos morren sen saber por que. Aquela cifra de Bush alcanza para financiar so un trimestre de crimes e discursos. A cifra mentía, ao servizo desta guerra, nacida dunha mentira, que mentindo sigue.

E outra mentira máis Cando xa todo o mundo sabía que en Iraq non había máis armas de destrucción masiva que as que usaban os seus invasores, a guerra continuou, aínda que esquecera os seus pretextos.

Entón, o 14 de decembro do ano 2005, os xornalistas preguntaron cantos iraquís morreran nos dous primeiros anos de guerra.

E o presidente Bush falou do tema por primeira vez. Contestou: “Uns trinta mil, máis ou menos”.

E a continuación fixo un chiste, confirmando o seu sempre oportuno sentido do humor, e os xornalistas ríronse.

Ao ano seguinte, reiterou a cifra.

Non aclarou que os trinta mil referíanse aos civís iraquís cuxa morte había aparecido nos diarios. A cifra real era moito maior, como el ben sabía, porque a maioría das mortes non se publica, e ben sabía tamén que entre as víctimas había moitos vellos e nenos.

Esa foi a única información proporcionada polo goberno dos Estados Unidos sobre a práctica do tiro ao branco contra os civís iraquís. O país invasor só leva a conta, detallada, dos seus soldados caídos. Os demais son inimigos, ou danos colaterais, que non merecen ser contados. E, en todo caso, contalos resultaría perigoso: esa montaña de cadáveres podería causar mala impresión.

E unha verdade Bush vivía os seus primeiros tempos na presidencia cando o 27 de xullo do ano 2001 preguntou aos seus compatriotas: “Poden vostedes imaxinar un país que non fose capaz de cultivar alimentos suficientes para alimentar á súa poboación? Sería unha nación exposta a presións internacionais. Sería unha nación vulnerable. E por iso, cando falamos da agricultura americana, en realidade falamos dunha cuestión de seguridade nacional.”

Esa vez, o presidente non mentiu. O estaba defendendo os fabulosos subsidios que protexen o campo do seu país. “Agricultura americana” significaba, e significa máis nada que “Agricultura dos Estados Unidos”.

Con todo, é México, outro país americano, o que mellor ilustra os seus acertados conceptos. Desde que asinou o tratado de libre comercio con Estados Unidos, México non cultiva alimentos suficientes para as necesidades da súa poboación, é unha nación exposta a presións internacionais e é unha nación vulnerable, cuxa seguridade nacional corre grave perigo: - actualmente, México compra aos Estados Unidos 10 mil millóns de dólares de alimentos que podería producir; - os subsidios proteccionistas fan imposible a competencia; - ao paso que imos, de aquí a pouco as tortillas mexicanas seguirán sendo mexicanas polas bocas que as comen, pero non polo millo que as fai, importado, subsidiado e transxénico; - o tratado prometera prosperidade comercial, pero a carne humana, campesiños arruinados que emigran, é o principal producto mexicano de exportación.

Hai países que saben defenderse. Son poucos. Por iso son ricos. Hai outros países adestrados para traballar pola súa propia perdición. Son case todos os demais.

sábado, 12 de abril de 2008

MESA NACIONAL do 11 de Abril de 2008

Onte, 11 de Abril de 2008, celebrouse en Compostela con carácter extraordinario a 1º Mesa Nacional de Esquerda Nacionalista tras a VI Asemblea Nacional do pasado 30 de Marzo.

Por parte da Mesa Nacional, fíxose unha primeira avaliación moi positiva da VI Asemblea Nacional, e comezáronse a dar os primeiros pasos que o documento “Bases para o establecemento do dialogo coas forzas políticas que integran o BNG” aprobado maioritariamente na IV Asemblea Nacional obriga a dar.

Foi aprobada por unanimidade de toda a Mesa Nacional a proposta de Comisión Executiva Nacional feita polo Secretario Nacional Xosé Chorén Vázquez.

De tal xeito, a
.
COMISIÓN EXECUTIVA NACIONAL DE ESQUERDA NACIONALISTA
.
queda formada da seguinte maneira:

Por designación directa da VI Asemblea Nacional:

Secretario Nacional - Xosé Chorén Vázquez
Presidente – Alberte Xullo Rodríguez Feixóo

E a proposta do Secretario Nacional e tras aprobación por unanimidade de toda a Mesa Nacional:

Xoán Manoel Rama Trillo - Coordinador executivo
Francisco Xavier Freire Chico - Secretario de Organización
Vítor Manuel Martíns Cacharrón - Secretario de Iniciativas Políticas
Pilar Cóo López – Secretaria de Muller
Natalia Costa Alonso – Secretaria de Acción Social
Manuel María Lourido Aguiar – Secretario de Finanzas
Pedro Gómez-Valadés – Secretario de Comunicación
Xoaquín de Acosta Beiras – Secretario de Relacións Institucionais
Adrián Rodríguez Bravo – Secretario de Mocidade
.
Compostela, 12 de Abril de 2008

quinta-feira, 3 de abril de 2008

Galiza, unha Nación no Mundo

Por: Camilo Nogueira.
Filosofía e Utopía.
Galiza realidade e utopía.
Pontevedra. 27 Marzo 2008




As nacións e os Estados

Para alén das circunstancias e motivacións específicas de cada tempo e de cada país, as aspiracións de autogoverno das nacións sen Estado, como as de Galiza, pertencen ao complexo proceso, non pretedeterminado, de configuración dos Estados.

Antes da Revolución Francesa, nun contexto inzado de conflitos bélicos, a delimitación dos Estados e das súas fronteiras se produciu principalmente a través de herdanzas patrimoniais monárquicas ou nobiliarias que afincaban as súas raices na Idade Media. Despois de 1789, tendo tamén as guerras un papel singular, pasaron a primeiro plano as loitas pola soberanía popular e contra a dominación absolutista ou imperial. Foi neste último tempo cando se configuraron a maioría dos actuais Estados europeus.

A configuración dos Estados responde a decursos diversos. Uns constituen o resultado da independencia de nacións antes integradas en monarquías ou imperios alleos, como Irlanda ou Finlandia. Outros déronlle continuidade a antigas monarquías uninacionais, como Dinamarca ou Portugal. Con un territorio movedizo, como en muitos outros paises, Alemaña é o resultado da unificación de paises de cultura e historia común. O Estado español ou a República francesa formáronse no territorio patrimonial restante ou en crecimento de monarquías patrimoniais a través dun proceso de centralización e uniformación baixo un carácter nacional dominante e negando os demais.

Tendo unha tradición institucional e cultural e unha natureza material, económica, xeográfica ou social semellante á de espazos que deviron en Estados, as aspiracións de nacións europeas como Escocia Gales, Flandes, Cataluña, Euskadi ou Galiza, pertencen ao mesmo proceso histórico. Ainda que en circunstancias diferentes, encóntranse agora nunha situación comparábel á que tiñan Noruega ou Eslovenia antes de conseguir unha institución estatal propria.

Porén, dándolle un un carácter determinista ao territorio dos Estados constituidos, atribuíndolles os valores democráticos e constitucionais e mesmo identificando o republicanismo coa uniformidade, os poderes e a ideoloxía estatal dominantes tenden a identificar as aspiracións das nacións sen Estado, non con unha lexítima vontade democrática, senón co afán de retorno a un pasado étnico ou feudal ou, usando lugares comúns contraditorios, cos intereses xenéricos da burguesía e mesmo coa procura da desigualdade frente á suposta vontade igualitaria dos Estados centralizados e uniformizados. Para ideoloxía dominante, os Estados constituidos son a representación da racionalidade e as outras reivindicacións nacionais a da sen-razón.

En realidade, o problema colocado polas nacións sen Estado non ten nada a ver con esta visión mistificadora. Se no que respeita ao pasado todo pertence a un mesmo proceso histórico, no tocante o futuro as aspiracións a un Estado proprio, como as citadas, teñen un sentido máis obxectivo e determinante:

Se os Estados constituidos contan con elementos institucionais e políticos decisivos e tidos como necesarios para afirmar a súa identidade e para pensar, programar e responsabilizarse do seu porvir, as nacións sen Estado non. a estas sonlle básicamente negados, convertindo en problemáticas a expresión da súa vontade politica, a permanencia do seu carácter lingüístico e cultural e a capacidade para o promover libremente o seu progreso económico e social.

Sirva isto de introito para achegármonos á cuestion nacional galega.

A emerxencia da vontade política nacional de Galiza

A vontade nacional emerxeu en Galiza no século XIX, como praticamente en toda Europa, mais o seu desenvolvimento e o seu resultado estivo condicionado por circunstancias específicas que viñan de atrás.

No albor da Idade Moderna o Reino de Galiza contaba con procesos evolutivos e realidades -institucionais, eclesiásticos, económicos, culturais, linguísticos- semellantes aos que estaban a fundamentar as estruturas nacentes dos Estados. Gozara na Idade Media de experiencias históricas similares ás de paises que avanzaban no camiño da estatalidade ou conservaban instituicións que chegado o momento, séculos despois, contribuirían a reivindicar e conseguir un Estado proprio. Mais sendo ainda un Reino autónomo e estando aberta a posibiidade de afirmar ese carácter, no conflito motivado pola sucesión de Henrique IV Trastamara, que incluiu a Castela, á coroa portuguesa e á catalano-aragonesa, sendo ilexitimamente destronada a raiña Xoana, Galiza levou a pior parte. Ficou integrada na monarquía allea dos Reis Católicos no mesmo momento en que se confirmou o arredamento a respeito de Portugal, eran expulsados os xudeus, tomado o Reino de Granada e estabelecida a Inquisición. As clases dirixentes, a nobreza e a xerarquía eclesiástica foron submetidas primeiro no sistema monárquico dominado por Castela, e despois no imperial dos Habsburgo, para acabar no rexime dos Borbon franceses. Mais non foron desposuidas do seu patrimonio territorial. A xerarquía eclesiástica foi ademais totalmente castelanizada. Aqueles acontecimentos condicionaron por séculos o desenvolvimento da sociedade galega.

Logo das formulacións e reivindicacións económicas, culturais e históricas dos ilustrados galegos do XVIII, hoube que agardar ao momento da Revolución Francesa e á primavera das nacións do século XIX para o movimento nacional galego emerxer. Tendo un comezo temperán, tardou décadas en contar con forzas políticas organizadas. Por muito que as reivindicacións socio-económicas e lingüístico-culturais formaran parte das súas propostas, non contou no XIX co apoio de clases burguesas e traballadoras que contasen coa forza necesaria, nen Galiza dispuña, a diferenza do ocorrido noutras nacións europeas, de institucións representativas relixiosas, nobiliarias ou cívicas que asumisen esas reivindicacións e pretendesen un Estado-nación proprio. Ainda que fundamentado tamén en reivindicacións globais o movimento nacional galego tivo, por iso, unha base social intelectual.

A súa evolución dependeu dos avatares da monarquía española. Durante o século XIX e parte do XX no Estado español dominaron forzas políticas clientelares ligadas ao poder monárquico que habían de turnarse no governo, obstaculizando o nacimento e o desenvolvimento das forzas alternativas da periferia e en xeral a expresión política das clases sociais emerxentes. En realidade, as únicas forzas organizadas en todo o territorio eran o Exército e a Igrexa católica. Con resultados eleitorais determinados polo poder real, o rexime monárquico-caciquil constituía un obstáculo formidábel para todo intento de criar forzas políticas proprias en Galiza e nas demais nacións periféricas. O sistema impedía igualmente a participación de partidos republicanos ou republicano-federais.

Despois do Sexenio Democrático (1868-1874) a monarquía da Restauración non foi quen de incorporar ás forzas republicanas e sindicais. A Ditadura de Primo de Rivera e de Afonso XIII constituiu a manifestacion do fracaso daquel rexime monárquico, e a súa queda o anuncio da II República. O golpe militar e fascista dirixido por Franco contra a República foi a tráxica confirmación dun desastre que principiara coa volta do absolutismo e a represión protagonizados desde 1814 polo rei Fernando VII, antes desexado polos deputados de Cádiz.

Coa Constituición e a democracia déuse un primeiro paso na aceitación polos poderes estatais da diversidade nacional peninsular. Porén, non supuxo a asunción do carácter plurinacional do Estado. O pensamento oficial dominante afastouse dos elementos reacionarios do tempo do franquismo, mais non abandonou a idea dunha nación española alicerzada na idea mítica e dominante de Castela e incorporou a confusión argumentativa tópica en contra das aspiracións da nacións sen Estado, pretendendo enfrentalas co constitucionalismo e mesmo coa legalidade e o proxecto da Unión Europea.

Nese contexto global, foi apenas nos raros momentos democráticos da historia estatal cando o movimento nacional galego pudo expresarse a través de organizacións políticas co obxectivo de asumir o poder. Na II República o Partido Galeguista, loitou por un Estatuto de nación nunha República Federal e resultou básico na aprobación do Estatuto de Autonomía de 1936. No exilio, Castelao, co Consello de Galiza, mantivo en alto a reivindicación do autogoverno de Galiza como nación nunha República Federal, confederada con Portugal e apoiou os esforzos que se realizaban despois da Segunda Guerra Mundial a prol da criazón dunha Unión Europea allea ao dominio dos blocos nacentes arredor dos EEUU e Rusia.

Morto Castelao en 1950 e abandonada por parte do galeguismo do interior a idea da existencia de partidos nacionais proprios, nos anos sesenta emerxeu de novo o nacionalismo político a prol da autodeterminación, con novas organizacións e grupos, políticos, culturais e sindicais.

Desde 1981, e como ocorreu na II República, a existencia dun marco político democrático, ademais da autonomía, ainda que restrinxida, favoreceu a expansión do movimento nacional galego.

Frente á vontade estatal de mantela e subordinala como parte dunha nación española, non está ainda consolidada a idea de Galiza como nación en sí mesma, como nación no mundo. Tampouco o movimento nacional galego ten plenamente asumidos, actuando en consecuencia, elementos diferenciais e valores da sociedade galega que resultan fundamentais para impulsionar a autodeterminación.

Quero salientar algúns especialmente determinantes: a memoria histórica, contraditoria coa oficial española; a capacidade económica para sustentar unha institución estatal; o carácter nacional e universal da lingua propria; o significado politico da pertenza á Unión Europea. E, nese marco, o efecto do esvaimento das fronteiras na relación galaico-portuguesa.

A memoria histórica

Se o futuro se construe sobre a memoria do pasado, a realización da vontade política de Galiza como nación entra en contradición coa concepción dun Estado español identificado con España como unha nación única determinada desde un tempo imemorial. Frente a esa concepción castiza érguese unha realidade histórica que fundamenta a aspiración galega e resulta necesaria para compreender o pasado común.

Configurando a súa fasquía no decurso dos acontecimentos que definiron a identidade europea e mudando a dimensión do seu territorio como consecuencia das disputas e contradicións na formación dos reinos e dos Estados peninsulares, Galiza existe institucionalmente co mesmo nome desde hai 2000 anos.

Contando a extensa Gallaecia con personalidade institucional e política propria, a súa con relación con Roma non dependeu de calquer institución da Hispania. Na queda do Imperio Romano os xermanos que arribaron no principio do século V foron os suevos, e non os godos. O Reino galaico-suevo foi o primeiro reino independente entre os xurdidos dentro do territorio do Imperio. A primeira metrópole cristiá galega foi Braga, non Toledo. A segunda foi Santiago de Compostela, chegando a ter un carácter universal xunto con Roma e Xerusalén. O reino medieval galaico, nunca islamizado e abranxendo o groso do cuadrante Nororeste da Península, foi a referencia europea ante o Reino de Al Andalus, implantado no territorio que fora do reino godo. Galiza constituiu a orixe, o corazón e o poder central do Imperio cristián que tiña como capitais a Compostela e León (“civitate vocatur Legione, in Gallaecia”: “a cidade chamada León en Galiza”). Independente durante sete séculos, sen o reino galaico resulta imposíbel explicar as monarquías medievais peninsulares.

Está arreigada a idea de que Europa, tal como hoxe existe territorialmente, ten como unha das súas orixes no Camiño cara o Ocidente galaico
[1].

Foi o Reino de Galiza o que impulsionou o avance dos reinos cristiáns cara o Sur da Península. O reino que deu lugar a Portugal desde 1143 –nun afastamento que no se consumou até 1400 coa Guerra dos Cen Anos e a o Cisma de Occidente- e tamén institucionalmente a Castela como reino en 1157. Compostela foi o berce da cultura medieval, expresada en galego na maior parte da Península. Dinastías de orixe galega governaron os reinos peninsulares centro-ocidentais na Baixa Idade Media e no século XV cos Trastamara tamén o catalano-aragonés.

Falar de Galiza como parte do reino ou da coroa de Castela, como se adoita facer desde a historiografía oficial española e como se remeda habitualmente e de xeito acrítico polos cultivadores académicos da historiografía galega, constitui, por todo iso, un interesado sen-sentido.

A idea oficial de España como “unha grande nación desde hai quiñentos anos” quere ignorar que cos Habsburgo e os Borbon os reinos peninsulares viviron baixo a mesma coroa con paises que hoxe configuran unha boa parte dos Estados europeus e americanos. O suposto nacimento en Cadiz en 1812 da idea nacional e constitucional española contemporánea, esquece que ese momento foi sepultado polo absolutismo reinstaurado por un rei cruel e nefasto, dando paso a dous séculos de predominio dunha monarquía caciquil e de dúas Ditaduras no século XX, con só breves momentos democráticos nas dúas Repúblicas, até chegar á Constituición de 1978.

Galiza careceu durante séculos de institucións políticas e económicas que mirasen polos intereses do país. Ainda así, a súa personalidade permaneceu. Móstrano a resistencia singular da cultura económica agraria, a vida mariñeira e a artesá, a riqueza criativa na arquitetura monumental tanto civil como relixiosa, exemplar en Europa, a conservación da lingua propria pola prática totalidade da povoación. Incluso a súa demografía durante a Idade Moderna: no final do século XVIII era un dos paises máis povoados entre os da Península. Cataluña tiña a metade da populación de Galiza.

Xa no século XIX, as determinacións dun Poder alleo sobre a agricultura e os foros, a industria artesanal, o comercio exterior ou as vias de comunicación impediron que a sociedade galega se somase á primeira industrialización, tendo que transcorrer todo o século XX, coa consecuencia de millóns de emigrantes e unha grave crise demográfica, para chegar a desenvolver unha estrutura industrial e urbana potencialmente á altura da dos paises máis avanzados de Europa.

Unha economía capaz e aberta

O pensamento dominante no Estado español sempre considerou a Galiza como un país excéntrico e necesariamente atrasado, sen ter en conta a súa privilexiada situación na fachada atlántica europea, nen a riqueza dos seus recursos naturais ou a adecuación das actividades económicas tradicionais ás necesidades da xente. No mesmo sentido, contra as aspiracións de autogoverno nacional adúcese ainda hoxe a incapacidade económica e financiera de Galiza para manter por sí mesma un sistema político e institucional proprio.

Frente esa posición hoxe nen siquer é necesario recorrer ao argumento certo, de que o relativo atraso da economía galega respondeu á ausencia de instituicións políticas e económicas nacionais e á marxinación por parte do Estado español. Chega con relatar o carácter presente da súa economía á luz do sucedido en canto Galiza respirou dentro dun sistema democrático e, en especial, nas décadas de presenza na Unión Europea.

Malia que a súa condición nacional e os seus intereses non foran considerados nen polo Governo do Estado español, nen polo Governo autónomo, pasados vinte anos da entrada na CE a economía galega experimentou unha fonda transformación. As condicións da entrada -particularmente nos sectores agrario e pesqueiro, na construción naval e nas vías de comunicación-, foran negativas. Logo, nen as políticas económicas e de infraestruturas praticadas polo Governo do Estado responderon aos intereses estratéxicos de Galiza nen, en concreto, a aplicación do Orzamento estatal ou dos recursos da Política de Coesión da CE tiveron os efectos redistribuidores que precisaba a sociedade galega. Alén diso, a Xunta fixo un mao uso do Orzamento da Comunidade Autónoma que chegara a atinxir un nível equivalente ao 22% do Produto Interior Bruto do país. (O Orzamento autonómico para o ano 2008, 11.556 millóns de euros, non fica lonxe da cuarta parte do PIB de Galiza.)

Porén, como consecuencia do esforzo extrordinario e a intelixencia da xente, a sociedade agraria do século XIX e do primeiros dous terzos do XX transformouse na urbana e de dominancia industrial de principios do XXI. Leva dentro ainda, principalmente na demografía, as feridas causadas pola marxinación e dependencia política e económica e a emigración masiva, mais constitui un corpo social novo, máis capacitado obxectivamente para a autodeterminación.

A transcendencia da mudanza que se produciu fica evidenciada ao considerar a ocupación nos sectores económicos básicos ao principio e ao final do período. No momento da entrada Galiza tiña un carácter preponderantemente rural, representando os 431.900 ocupados na agricultura e na pesca o 41% dos 1.042.000 da ocupación total. Vinte anos despois eran 121.000, non pasando do 10,7% dun conxunto de 1.130. 000 ocupados, representando os estritamente agrarios o 8,1% dos da economía galega. A porcentaxe de povoación ocupada no sector primario baixara tanto nos primeiros vinte anos de pertenza á CE como nos primeiros oitenta e cinco do século XX.

A industria pasou de 159.000 ocupados (15,3%) en 1986 a 217.000 (19,2%) en 2005. O notábel significado desta cifra ponse de relevo se se considera que nese ultimo ano a porcentaxe estatal na industria, o 18,9%, situábase por debaixo da galega.

Se en apenas dúas décadas o sector primario perdera 311.000 empregos, os demais sectores -a industria, a construcción e os servizos- incorporaran 400.200.

Demonstrando a potencialidade da sociedade galega, o sector industrial creceu no seu conxunto e tornouse máis diverso. En 2006 tiña o duplo dos activos do sector agrario.

Galiza conta con multiples ramas económicas que lideran ás correspondentes no Estado. É así na industria do automóvil, a construción naval, a enerxía eléctrica, a confeción, a produción lactea, a pesca e a conserva de peixe, a produción de a aluminio ou as da madeira, granito e a lousa. Dispón de empresas relevantes nas telecomunicacións e na industria farmacéutica e noutros e diversos sectores industriais. Despois de vinte anos a economía galega é máis aberta e máis capaz de estar presente no exterior. Contribuindo co 8,4% ao conxunto das exportacións do Estado.

Non resultaría fácil encontrar en Europa un país que contando cunha renda por habitante semellante -resultado ainda da experiencia de décadas ou séculos de marxinación- dispoña dunha base industrial tan diversa como a galega.

Esta visión global non debe ocultar a realidade significativa e mesmo determinante do diferente comportamento da empresas ou grupos empresariais. Medraron e diversificáronse os grupos, empresas e sectores empresariais autóctonos, sabendo situarse no contexto europeu e internacional. As empresas públicas do Estado ou as dependentes de grupos privados estatais non fixeron outra cousa máis que aproveitárense das avantaxes estratégicas ou dos recursos naturais galegos, comportándose como industrias de enclave. Foi diferente a evolución de determinadas empresas multinacionais que tiveron un singular desenvolvimento.

Neste contexto, o desemprego (7,57%, dados de meados de 2007) diminuiu até o ponto de porse nun nível similar ás medias estatal (7,95%) e comunitaria (7%). Se a finais de 1985 a renda por habitante estaba en 57,2% da media da CE, agora, considerando a UE de 27 Estados, non esta lonxe do 90% da media europea. Non existen razóns para negar a posibilidade de atinxir axiña esa media. Despois de todo, hai vinte anos Irlanda estaba como Galiza e hoxe ten a renda máis alta da Unión, se se exceptúa o caso especial -unha cidade-Estado- de Luxemburgo.

(Naturalmente, para facer disto unha realidade, e sen perxuizo da coordenación precisa, tanto no Estado español como na UE, as institucións galegas deben contar con plenas competencias económicas e sociais, e particularmente a fiscal -impostos de sociedades, sobre a renda, sobre o comercio e o consumo…- sobre todas as actividades realizadas en territorio galego: Galiza está economicamente capacitada para asumir fiscalmente o seu autogoverno. Isto conlevaría en última instancia unha reforma que afectaría ás estruturas financeiras do Estado: hoxe, producindo só o 17% do PIB estatal, Madrid absorbe praticamente a metade (45%) da recadación total).

O carácter nacional e universal do galego

Na definición nacional, como carácter cultural e elemento sustentador dunha vontade política específica, a língua propria resulta fundamental. Galiza a partilla, ademais, con Portugal, Brasil e Estados de tres océanos e continentes, sendo unha das tres máis estendidas do mundo, entre as intercontinentais. Dificilmente se pode achar unha realidade máis evidente da diferenza galega no Estado español que a do galego-portugués, unha lingua universal que tan represiva como absurdamente a Constitución estatal non recoñece como lingua nacional, tratandoa unicamente como unha das minoritarias do Estado e tendo na propria Galiza un status xurídico inferior e subordinado ao do castelán.

O futuro de Galiza como nación exixe que o galego teña en Galiza o carácter de lingua dun Estado, sen depender o seu carácter xurídico legal, nen o seu uso, de calquer determinación do Poder madrileño. Se a nación galega ha de estar integrada nun Estado plurinacional, o galego ten que ser tamén unha das línguas oficiais do Estado, como ocorre, poñamos por caso, coas diferentes linguas da Confederación Helvética.

A través do galego-portugués a língua galega ten a posibilidade certa de ser plenamente recoñecida como oficial da UE, sen que exista nengunha pexa especial que lle impedir conservar o seu carácter léxico, fonético e morfolóxico como tal. Foi xa utilizada regularmente e durante toda unha lexislatura nas intervencións orais do Parlamento Europeu, sendo traducida nos debates, simultáneamente e sen problemas, ás outras línguas oficiais da Unión
[2].

Neste contexto, resulta insólito que, tendo Galiza unha língua que nacida no seu seo e falada por 220 millóns de persoas, as instituicións políticas e culturais que teñen a responsabilidade de fixar a norma oficial galega teimen en facer do galego unha lingua arredada, en especial cando a converxencia coa norma universal do galego-portugués non violenta en absoluto o carácter diferencial do galego. Só un distanciamento resultado da interiorización da ideoloxía do Estado español pode explicar a negación ou o menosprezo en Galiza dunha realidade de tal valor.

Galiza na Unión Europea

A sociedade e as aspiracions nacionais galegas non se poden interpretar sen considerar a súa pertenza á Unión Europea, entendida esta como unha revolución histórica, política, económica, social e cultural. A Unión muda radicalmente o carácter dos Estados que integran. Cría un novo espazo político e institucional proprio para todos os cidadáns da Unión. Onde reinaba a soberanía absoluta emerxe a partillada. Nela esváense as fronteiras que constituiron a realidade e o símbolo dos poderes estatais. Anula os enfrentamentos históricos das monarquías e os Estados. Superando a uniformización e a centralización propria dos Estados chovinistas ou xacobinos, na Unión emerxe a diversidade nacional e cultural. O Parlamento Europeu, elexido directamente polos cidadáns e cidadás, lexislando para todos nun campo de competencias crecente, constitui o símbolo dunha realidade democráticamente revolucionaria.

A Unión contribui tamén a ampliar o significado de conceitos claves como a autodeterminación, non só na medida en que a consecución da independencia dunha nación interna -legalmente posíbel ainda que hoxe sería necesaria a aceitación unánime dos Estados membros- posa traducirse nunha nova forma de estar presente na Unión, senón tamén porque, arrequecendo ese principio e tendendo a romper un tabú histórico, recoñece o direito dos Estados membros a sairen da UE e o de integrárense de novo de contaren cos requisitos democráticos exixidos a calquer outro Estado.

Para alén das circunstancias da entrada na CE en 1986, a economía galega encontrou nela o lugar dunha expansión singular: un espazo común que hoxe une a perto de 500 millóns de persoas.

A compreensión desta complexidade, no marco histórico da mundialización, permite enxergar para Galiza un novo campo de luita política máis ambicioso que o do espazo fechado do Estado español, na consciencia de que na Unión todo progreso na emancipación nacional, na formulación dun Estado plurinacional e mesmo na conquista dun Estado proprio, non supón xa un arredamento, senón unha integración sen fronteiras nunha morada común.

O feito de a diversidade recoñecida institucionalmente na Unión non incluir ainda expresamente ás nacións sen Estado non pode servir para desprezar o valor transcendente do seu carácter como unha nova forma de estruturación do poder e das relacións políticas en Europa. De facto, fortalecendo as instituicions comúns e esvaindo as fronteiras estatais, a UE cria un campo de xogo político máis favorábel para nacións como a galega.

Neste contexto, carréganse de razón as voces que procurando a emancipación se interrogan democraticamente sobre a razón última de que na UE se aceiten, lexitimamente, os direitos nacionais de Luxemburgo, Malta ou Chipre, Letonia, Eslovenia ou Eslovaquia, entanto que se negan os de Galiza, Euskadi ou Cataluña e as demais nacións sen Estado.

Sendo a primeira potencia económica mundial, e baseando a súa presenza no mundo no seu carácter de potencia civil, fundamentada no diálogo interno e externo, lonxe xa de toda tentación militarista, a Unión favorece a presenza internacional pola paz e a solidariedade dos Estados e as nacións que a configuran.

A entrada na CE instituida en 1957 resultaba congruente coas posicións históricas do movimento nacional galego. Foron europeistas desde Antolín Faraldo e Manuel Murguía, ás Irmandades da Fala e o Partido Galeguista como organizacións, Valentín Paz Andrade, Plácido Castro, Antón Villar Ponte, Ramón Otero Pedrayo e, especialmente, Daniel Rodríguez Castelao nos momentos críticos dos anos coarenta da posguerra. Mais esa tradición común foi rompida cando, coincidindo coa Guerra Fría, nos anos sesenta emerxeron en Galiza dúas correntes nacionalistas básicas que, tendo un pensamento diferente sobre esas circunstancias e tamén sobre o estado da sociedade galega e o proceso de emancipación nacional e social, diverxeron tamén sobre a cuestión da unidade europea, unha enfrontada e outra criticamente a favor, expresando contradicións ainda non resoltas
[3].

A Galiza convenlle a presenza na UE. Será tanto máis nación canto máis sexa recoñecida como tal na Unión. (De pertencer á UE como un Estado, Galiza estaría presente nas institucións comúns. No Parlamento Europeu contaría entón con unha representación propria formada por 10 deputados e deputadas
[4]).

Mais está realidade fica ainda escurecida tanto pola acción das instituicións do Estado español, que como boa parte dos demais, difunde a ilusión de que conserva unha soberanía absoluta, como pola ideoloxía dominante no movimento nacional galego organizado, que mantén formalmente e sen alternativa teórica ou prática as posicións tomadas en circunstancias sobrepasadas.

O esvaimento da fronteira galaico-portuguesa

En todo o caso, a presenza común na CE e a desaparición consecuente dunha fronteira tan absurda e mancadora como a do Miño e a Raia Seca, serviu para potenciar as relacións galaico-portuguesas. Esvaida a fronteira estatal que separou a dous paises da mesma cultura e raíz, a relación entre Galiza e Portugal evidencia a continuidade xeográfica e lingüística que os define, cria un marco singular para as relacións políticas e institucionais e está a facer medrar de xeito extraordinario os fluxos económicos e sociais entre os dous paises.

A pertenza común á Unión Europea fixo subir á tona o territorio conxunto como un espazo supraestatal que, con 13,4 millóns de habitantes constitui un singular continuo urbano e rural, da Ribadeo a Sagres, tendo unha dimensión demográfica superior tanto á do corredor do Ebro que une o Pais Vasco, Navarra, La Rioja, Aragón e Cataluña, como á do Mediterráneo peninsular, que compreende a Cataluña, o País Valenciano, Murcia e ainda unha parte de Andalucía. A presenza dos dous paises do Oeste atlántico na Unión está a pór isto en primeiro plano, mesmo contra a tendencia estratéxica do Estado español a ignorar unha realidade como esta, que o perturba. Para Galiza a relación con Portugal ten tanta senón máis importancia que as que se manteñan con outras zonas do Estado español.

O encontro entre Galiza e Portugal favorece igualmente unha visión alternativa do desenvolvimento económico e social galego frente á estratexia de un Estado español concibido como un país mediterráneo e concentrando en Madrid o poder político e económico.

Con esa relación, e frente á ideoloxía do Estado español, Galiza pode expresar mellor o carácter de nación e a súa realidade internacional, en especial a través da identidade lingüística que a diferencia, xunto con Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Cabo Verde, Guinea Bissau, Timor Leste.

Pensar o futuro

As circunstancias deste tempo e o estado da sociedade galega ofrecen, pois, unha mellor ocasión para pensar outro futuro: para Galiza empreender a senda que conduce a súa plena constitución como nación política, superando a condición de ser apenas unha provincia española. Non é esta unha decisión que se refera, unicamente a aspectos simbólicos ou institucionais. Ser provincia supón subordinar a propria personalidade á estatal dominante, estar presente no mundo só a través do Estado español do seu poder e a súa cultura, aceitar unha historia oficial que nega a propria, dar por boa a consideración ideolóxica de o galego ser unha língua minoritaria, procurar o respeito e a axuda desde a capital estatal, Madrid, como a vía de solución aos problemas, adoptar como propria a idea extraña de Galiza estar situada no cú do mundo. Ser nación é asumir a responsabilidade de valerse económicamente, ser quén de promover un desenvolvimento autocentrado, recoñecer a língua galega como nacional e universal, contar con un autogoverno resultado da autodeterminación, por muito que isto sexa o produto dun pacto histórico que teña en conta a realidade plurinacional da convivencia na Península e en Europa, valorar a riqueza das condicións xeográficas e climáticas galegas, escreber a propria historia sen as mediatizacións do poder e da ideoloxía española. Ser nación é pensar o mundo, ser do mundo, solidariamente e contra o militarismo, desde a propria terra e en dialéctica coas circunstancias de cada tempo.

Non parece que o movimento nacional galego organizado políticamente avance hoxe na boa direción. A corrente dominante abandonou de facto unha perspectiva hexemónica como camiño da construción nacional e a transformación social, tendendo a reducir a súa función en Galiza e no Estado a unha influencia condicionante dun poder de Madrid que non é posto, basicamente, en causa. Paralisada pola teoría da frente nacional popular, non dispón tampouco dun pensamento que abra perspectivas para a existencia dunha pluralidade de organizacións políticas, da esquerda e da direita, que asuman plenamente a construción nacional de Galiza.

Sofrendo nun primeiro momento as consecuencias de visións diferentes sobre o que facer na transición á democracia e a respeito do Estatuto de Autonomía, ainda que con dificuldades e crises o nacionalismo galego medrou admirabelmente no seu conxunto, chegando en 1997 e 2001 a superar eleitoralmente á esquerda de ámbito estatal, aparecendo daquela como alternativa frente á direita conservadora. Padeceu despois un duro retroceso social e eleitoral a causa dunha crise interna, alimentada a maioría interna por unha visión non adecuada sobre as circunstancias políticas, económicas e sociais da Galiza deste tempo. Agora non é quén de recoller a pluralidade de manifestacións sociais, culturais e económicas que situándose na perspectiva de Galiza como nación inzan a sociedade galega. Estáncouse nunha posición política subordinada cando, paradoxalmente, a sociedade galega está mais preparada que nunca para avanzar na construción nacional.

Será necesario pensar de novo o camiño a percorrer. Sempre como nación no mundo.


[1] A imensa e frondosa arbore do Camiño coa raiz en Compostela, abranxía o espazo que vais desde a Illas Británicas a Escandinavia, Franza, Alemaña Italia, os paises eslavos ou Rusia (acabo de ver unha representación da arbore no mosteiro que foi da Orde de Santiago en Uclés, en Cuenca), mais pasando pola faixa norte da Península, carecía de polas no centro e no sur, se se exceptuan o camiño portugués e outras dúas raras vías desde o Sur e o Mediteráneo.

[2] Dito isto, é preciso insistir en que o acordo necesario sobre a identidade do galego e o portugués non ten que producirse por causa de calquer inviabilidade do galego por sí mesmo como língua nacional, como tampouco ocorre en Estados de dimensión demográfica semellante á galega como Dinamarca, Noruega, Eslovenia ou Letonia, ou en nacións sen Estado como Cataluña ou Euskadi.

[3] Unha corrente, concebendo a estruturación interna do nacionalismo galego como a propria dun movimento de liberación nacional dunha colonia, situando a criazón da Comunidade desde a dicotomía imperialismo-antiimperialismo e tendo daquela á URSS como referencia, tomou unha posición de principio contraria á CE. A outra corrente nacionalista, participando das posicións da esquerda superadoras da división do primeiro terzo do século XX entre socialistas e comunistas e dándolle á CE un sentido político e histórico que transcendía á circunstancia da Guerra Fría, formulaba propostas de construción do socialismo desde a hexemonía democrática, defendía a autodeterminación e mesmo a estruturación dun Estado independente pola vía do progresivo autogoverno, considerando o espazo político potenciado pola Comunidade como un lugar proprio de avance político, económico e social.

[4] De acordo coas previsións derivadas do Tratado de Lisboa, Letonia con 2,5 millóns de habitantes terá 9 membros do Parlamento e Lituania con 3,5 millóns de habitantes contará con 12.