terça-feira, 26 de fevereiro de 2008

Esconder o que se ten. De Suso de Toro


De SUSO DE TORO

Vemos ao PP de Galicia aproveitar todos os seus recursos, ate recollendo a políticos que expulsara, para conseguir todos os votos que poida. É lóxico. O PSdG presentar candidatos apoiados por ministerios e ao seu propio secretario de Organización, quere demostrar capacidade e poder para que apoiemos a súa candidatura. É lóxico. E tamén vemos coma o BNG fai o contrario, non é lóxico. Beiras e Nogueira nas Cortes darían a Galicia unha presenza impresionante. Retírase como parlamentario Francisco Rodríguez, moi activo e respectado no Congeso. Alí o BNG formou parte da maioría parlamentar que investiu ao presidente e apoiou orzamentos e leis nesta lexislatura, foi unha forza útil. Pero agora as súas listas electorais non parece que busquen os votos para ampliar ou manter o número de deputados. No canto de ofrecer as candidaturas máis arroupadas e atractivas que pode, esconde os seus mellores activos no soto baixo chave. Referímonos ás súas figuras máis coñecidas en Galicia e España, Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira, que son ademais as máis valoradas e con máis experiencia parlamentar. Sen contar con que ambos son referencias da esquerda, do nacionalismo e da política galega. Xosé Manuel Beiras, da man do galeguista Ramón Piñeiro, foi un fundador do Partido Socialista Galego nos anos sesenta, licenciado en Dereito, catedrático de Economía, candidato do PSG nas primeiras eleccións democráticas, representante na FPS, Federación de Partidos Socialistas española, autor dun libro de referencia (O atraso económico de Galicia), portavoz do BNG no Parlamento galego e candidato a presidente da Xunta en varias lexislaturas. Camilo Nogueira, da Asociación Cultural viguesa pasa nos anos sesenta a fundar Galicia Socialista e participar na organización do sindicalismo vigués, enxeñeiro industrial e economista, é detido, torturado e despedido de Citroën na gran folga do 72, autor da parte económica das "Bases constitucionais da nación galega", dirixente da UPG e AN-PG, fundador do POG e Unidade Galega, de EG, membro da comisión para o Estatuto dous 16, membro do Parlamento galego por Unidade Galega e o PSG-EG, membro do Parlamento europeo polo BNG, autor dun libro (O reino da Gallaecia) que cambiou a historiografía galega.
Méritos e capacidades demostradas.

Tampouco cabe dúbida, visto o que xa demostraron ambos nun parlamento, que serían vistos e oídos. Imaxinalos nas Cortes sería imaxinar unha presenza de Galicia impresionante, farían visible politicamente a Galicia. Como o BNG non os presenta pola Coruña e Pontevedra? Sen dúbida, as organizacións políticas teñen razóns que os demais descoñecemos, non son perfectos, haberá diferenzas, pero se unha forza é incapaz de integrar as súas diferenzas internas como vai gobernar un país. Da a impresión de que o Bloque mira máis cara a dentro, cara ás súas diferenzas, que cara á sociedade, coa que ten unha responsabilidade. Eses dous membros do Bloque practicamente garántenlle manter o resultado anterior ou, máis probablemente, melloralo. Para facernos unha oferta equivalente o BNG terá que buscar moito entre os seus membros; aínda máis, no conxunto do país. Doutra banda dar a Galicia unha gran presenza política no conxunto de España, e non lle sobra. Poida que ao BNG lle sobren Beiras e Camilo, pero a Galicia fanlle falta. É tan evidente que resulta chocante. A diferenza dos outros partidos, non quere o BNG ter un bo resultado electoral? Non desexa os votos realmente da cidadanía? Paréceo. O BNG leva perdendo votos e deputados elección tras elección, quizais se sinta compensado con que, sendo necesario para formar unha maioría, toca poder. Pero a fonte do poder en democracia son os votos, e o único que da lexitimidade e forza. Quen perde apoio electoral, máis tarde ou máis cedo, acaba perdendo tamén as consellerías. Ao non ofrecerlle á cidadanía o mellor que ten dentro e ao tempo pedirlle o voto, é coma se dixésenos que para ter unha forza política propia, algo que boa parte da cidadanía cre necesario, hai que votar inexorablemente calquera lista que nos presente, xa que non hai alternativa. Iso sería unha corrupción das relacións entre unha organización e a sociedade, unha arrogancia que toma aos votantes por reféns, e a sociedade acabaría por facerllo pagar. Non vén ocorrendo iso xa? De volver retroceder electoralmente agora non bastaría con atribuílo á conxuntura ou a inimigos exteriores, o BNG tería que revisar o camiño e os pasos dados.

Nenhum comentário: