sábado, 9 de fevereiro de 2008

Galego en Andalucía


Galego en Andalucía
Un artigo de Manuel Portas, membro da Mesa Nacional de Esquerda Nacionalista.

Que os temas lingüísticos se convirtan en materia de debate político, en especial en época electoral, resulta frecuente e en certo sentido lóxico nas comunidades en que se falan dúas linguas. As propostas sobre modelos lingüísticos, as medidas que os partidos políticos prometen aplicar en materia de política lingüística se acceden ao poder levan á confrontación dialéctica e permiten situar as alternativas perante o mercado de consumidores-votantes, usuarios de unha ou das dúas linguas en cuestión. Mais que ese debate se produza nunha convocatoria de eleccións autonómicas -mesmo coincidindo con unhas xerais- e nun país como o andaluz, socialmente monolingüe, semella, cando menos, insólito. Mais parece que todo vale con tal de pillar o atizador e sacudir ao contrario. Patético, goiesco espectáculo. A proposta electoral do PSOE de Andalucía de crear cátedras universitarias de galego, catalán e eusquera, e oferecer a posibilidade do seu estudo e aprendizado nas cuarenta e seis escolas oficiais de idiomas andaluzas, supón algo que, entrado o século XXI, debería ser xa normal en todo o territorio español: que todos os españois poidan acceder ao coñecemento das linguas que existen dentro do estado, ao igual que deben poder acceder ao estudo de linguas internacionais. En comunidades gobernadas polo PP, como Castela-León ou Madrid, isto viña sendo xa habitual desde hai anos, que eu saiba sen polémica ningunha. Mais non. A proposta trouxo consigo unha furibunda reacción do PP, en boca do candidato Mariano Rajoy, con Arenas ao fondo como marco incomparábel. Como se pode criticar que poidan -ollo: poidan, non deban- ser estudadas nas universidades e nas escolas de idiomas linguas que son oficiais noutros territorios do mesmo estado? Que gaña o PP con este ataque? Fidelizar o voto da derechona de toda a vida que ve na existencia de linguas e culturas diferentes dentro de España un ataque á súa sacrosanta unidade? Seguir envolvéndose na bandeira rojigualda para ser sentidos como os patriotas-fetén e catalizar así o voto de sentimento españolista?

Todo pode ser, nese proceso de radicalización zaplanoacebesca que vive a dereita española? Pero, para alén de cometer un erro político-cultural histórico, que o vencella directamente co pasado predemocrático, o PP continúa o seu proceso de isolamento con esa outra España que fala outros idiomas, que vive con normalidade o seu feito diferencial e non comprende o ninguneo e o desprezo á súa lingua. O sistema democrático precisa dunha dereita civilizada, moderna, con capacidade de interlocución co resto dos interlocutores políticos e profundamente respeitosa coa realidade lingüístico-cultural plural existente na España de hoxe. Pretender volver ás cavernas do uniformismo só pode levar á confrontación e non á progresiva construción dun estado moderno. Lástima que para tan desafortunado episodio, a proposta do PP teña saído da boca, como diría Miguel de Cervantes, dun galego de nación.

Nenhum comentário: