sábado, 22 de maio de 2010

Entrevista con Manuel Portas


Manuel Portas, autor literario e ex concelleiro de Esquerda Nacionalista Santiago de Compostela.

"Saldei unha débeda moral coa miña xeración"
Carolina Carballedo
SantiagoSiete - 06.05.10
Foi concelleiro en Raxoi polo BNG dentro de Esquerda Nacionalista durante dúas lexislaturas -en Participación Cidadá, Normalización Lingüística e en Deportes- e, dende hai uns anos, centra case todo o seu tempo no mundo das letras. Ademais de ser profesor de literatura no instituto compostelán Xelmírez I, Manuel Portas, vén agora de debutar na creación literaria con ‘Denso arrecendo a salgado’, a súa primeira novela, presentada hai uns días na Feira do Libro, na que rinde a súa particular homenaxe a toda unha xeración.
.
Por que decidiu escribir esta novela?
Xa facía un tempo que tiña ganas, tiña o reto de facer literatura, pero nunca atopaba o momento ata que tiven esta fase máis tranquila. Ademais, tamén tiña unha certa débeda moral cunha xeración que é a miña xeración, que pretendía saldar ao escribir a novela. A verdade é que foi un proceso que non deixou de ser estrano, porque eu pensei que ía ser máis complicado e difícil. Escoitara que o oficio de escritor é dos máis duros e eu, sen embargo, quedeime cunha sensación estrana ao terminar, porque eu paseino moi ben.
Pode ser ésta a primeira de moitas outras novelas?
Pode ser. Pero eu tampouco quero garantir que me vaia a dedicar a isto. Por agora, xa vou tendo algo escrito. Vou seguir traballando porque me apetece, porque a verdade é que son moi hedonista. Me encantan todos os praceres e un deles é escribir, non só ler. Así que probablemente non todo quede aquí.
E que queda da súa etapa como concelleiro en Raxoi? Ten pensado volver?
Agora, andando por volta dos 50 teño obxectivos máis ou menos inmediatos e, aínda que un nunca debe dicir nunca xamais, a verdade é que me sinto moi a gusto dando as miñas clases, disfrutando na lectura e agora con esta nova faceta de producir non me prantexo, nestes momentos, ningún outro horixonte.
Tras a súa saída do BNG, algúns ven en vostede a un novo Xaquín Fernández Leiceaga, acadando, como tivo el, un acomodo no PSOE...
Bueno, somos persoas diferentes, con traxectorias diferentes e con maneiras de comportarnos diferentes. Sempre admirei a valía de ‘Xocas’. É un economista magnífico e un político con moita capacidade de actuación e creo que está facendo nestes momentos un moi bo labor no Parlamento. Que somos diferentes resulta obvio.
Agora que está do outro lado. Como ve a nosa política municipal?
Son un observador privilexiado, por ter estado toureando alí e velo agora dende o burladeiro. Creo que nestes momentos o goberno municipal é o mellor que pode ter Santiago, que se podería mellorar, como todos, pero hai unha estabilidade que creo que notan os cidadáns. O que si que se bota en falta é unha actitude máis constructiva e xenerosa por parte de quen fai oposición, algo que curiosamente si había nos mandatos nos que eu participei. Había unha actitude máis positiva e menos agresiva do que se ve agora.
Cre que se podería repetir a estrutura actual do Concello tras as eleccións de 2011?
É perfectamente verosímil. Santiago ten unha sociedade moi madura e todo fainos agoirar que unha situación como esta se pode perpetuar, a non ser que houbese un desastre gubernamental, que, sinceramente, eu creo que non se está producindo.
.
“En Galicia faise unha literatura moi boa pero é lamentable que non teña moito eco na súa propia sociedade ” Portas lamenta que pese a que a literatura galega goza, a día de hoxe, de boa saúde “cun volume de escritores de alto nivel”, moitas veces “non teñen eco na súa propia sociedade e é unha verdadeira lástima”. Pon como exemplo a Suso de Toro, “que é tan desfrutado e querido na sociedade catalá, pero anda polas rúas de Santiago como un anónimo para os seus conveciños e a min paréceme lamentable, sobre todo cando é un creador que vai levando o nome de Galicia, do galego e de Santiago polo mundo adiante”, explica.

Que é o que falla? “Se os nosos pensadores e escritores están facendo cultura con maiúsculas é obrigación non só da sociedade, senón tamén das institucións e dos medios de comunicación, de colaborar na difusión para axudar a evitar que sexamos ignorantes de nós mesmos, que é algo dramático”, sentenza Portas.