sábado, 24 de julho de 2010

Feijóo e o surrealismo. Por Teresa Táboas


Publicado no Xornal de Galicia - 7 de xullo de 2010
.
Agroman estes días da mán da esperada sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut catalán, despois de dous anos e medio de longas deliberacións, tódalas vellas teimas que sen correcións racionais e sen responder a un razoamento lóxico simplemente van expresando emocións. Curiosa afirmación, cando a propia sentenza deixa claro que a utilización do termo nación é plenamente constitucional máis aló da súa eficacia xurídica, pero é o recoñecemento expreso de que existen máis nacións que a da sentenza do señor Nuñez Feijóo. Surrealismo en estado puro se nos cinximos conceptualmente ao que foi aquel movemento xurdido a principios do século XIX arredor do poeta André Bretón, que se baseaba nos automatismos psíquicos puros, no simple dictado do pensamento, do mesmo xeito que o do presidente galego sen lugar a dúbidas, e que reflicte con clareza os seus complexos, aos que despois tenta poñerlle remedio con intervencións como a que fixo na entrega das medallas Castelao destacando o inconformismo dos galegos. Madia leva este país de que haxa inconformistas coma di, xa que de non ser así o conformismo de persoeiros coma el coas teses españolistas máis rancias rematarían coa existencia dunha realidade galega.

Inconformistas como aqueles artistas que constituiron unha vangarda patriótica galega entre os anos 1925-1936 e na que se atopaban tamén surrealistas como Eugenio Granell ou Maruja Mallo, pero a eles pola contra o dictado automático do seu pensamento faláballe da existencia dunha identidade propia, eran parte do despertar político e cultural do galeguismo, vangarda da que formaban parte outros artistas como Maside, Souto ou Seone, e que estaba vencellada ao discurso do nacionalismo, ademais de exaltar a función popular da arte e a súa potencia concienciadora nun momento convulso como aquel. Fáltalle ao señor Nuñez Feijóo, sen lugar a dúbidas, a valentía para fuxir da súa condición de repetidor automático de certas teses, vocación a do actual presidente galego cuxa acción está nas antípodas da actitude rebelde deses galegos inconformistas como Castelao, cuxa personalidade define moi ben aquela resposta que dera a unha pregunta que lle fixeron sobre porqué nas súas caricaturas sempre representaba unha Galiza pobre, e contestou que el non tiña vocación de estupefaciente. Pero no caso do señor Nuñez Feijóo é xa de sobra coñecida a súa traxectoria perante a defensa da identidade propia, rexeitándoa continuamente e amosando un desmedido culto por Madrid, por iso cando quere imitar ese españolismo caduco dende unha nación como a galega, ese automatismo psíquico que converteu ao surrealismo nunha vangarda artística a el simplemente voltou a retratalo, deixándonos unha frase para a historia que expresa unha forma de ver a realidade deturpada, xa que non lle serve nin lle gusta a que é. Por iso eu definiríao da mesma maneira que fixo o poeta e novelista Apollinaire co surrealismo: “Cando un home quixo imitar a acción de andar, creou a roda que non se parece nada a unha perna, así fixo surrealismo sen sabelo.”

Nenhum comentário: