sábado, 4 de julho de 2009

Quo vadimus


Por Alberte Brenlla
Galicia-Hoxe (26.06.09)
.
É ben sabido que os acontecementos políticos son tremendamente dinámicos e cambiantes e que adoitan estar enmarcados nun contexto social determinado. Vén ao caso lembrar como, por equivocacións concretas e irreversíbeis, operacións partidistas de gran calado remataron no cemiterio malia gozaren dunha posición de privilexio no tempo da súa lenta morte. Na transición política española tivo grande importancia unha que algúns de vostedes lembrarán, a Unión de Centro Democrático, coalición primeiro, partido político único despois, que acadou o goberno do Estado no ano setenta e sete e setenta e nove. A UCD primixenia, composta por partidos de raíz socialdemócrata, democratacristiá e liberal, elementos do poder político dos sectores máis modernos da última etapa do franquismo e por sectores políticos non esquerdistas das loitas antifranquistas, confluíron nunha medida operación que se denominou Unión de Centro Democrático.
.
As fortes leas internas e a carencia duns principios ideolóxicos comúns, que lle deran cohesión á organización centrista, deron lugar a que a mesma se esnaquizase no ano 82, todo isto precedido de previas escisións por capelas ideolóxicas. Un dos grandes erros da UCD e dos seus dirixentes foi converter o que foi unha triunfante coalición de partidos nun partido único que nunca foi tal. Só os soños políticos dalgúns e, sobre todo, as ambicións doutros deron ao traste co partido que, malia vivir unha posición de privilexio dende o goberno, non puido evitar o seu esfarelamento. Na Galiza, a implantación local e provincial da propia UCD en coalición co Partido Galeguista deu lugar á operación coaga que, liderada polo que foi deputado nacionalista, Pablo González Mariñas, obtivo unha posición parlamentaria decisiva na Asemblea Lexislativa Galega. As tensións internas e novamente es eivas ideolóxicas deron ao traste con Coalición Galega, após de que esta previamente disolvera os partidos integrantes e convertera a CG nun único partido.
.
A conversión de intereses políticos nunha única opción partidaria non serviu absolutamente de nada e o enterro coaga foi inevitábel, despois de sucesivas vicisitudes, coa aparición de Fraga Iribarne na Galiza aló polos arredados oitenta. Recentemente e con ilusión sincera por parte dalgúns recibiuse a nova de que a plataforma +BNG se conformaba inicialmente coma corrente dentro da fronte nacionalista. Segundo declaracións do seu líder natural, Carlos Aymerich, +BNG tentaba abranguer a socialdemócratas, progresistas e moderados na organización nacionalista. A primeira fase do trampolín político que se está a crear vai tomando forma. Podemos coidar -non sen certo esforzo- que no actual Bloque atópanse dous polos: aqueles que se protexen politicamente ao abeiro do liderado de Aymerich e Teresa Táboas e os que seguen a esteira do partido político hexemónico no Bloque, a UPG. A lícita e irremediábel confrontación política entre estes dous polos fai felices a algúns e sérvelles para alimentar a creación dun novo partido político nacionalista único, organización que podería albergar no seu seo as tres devanditas tendencias, segundo as declaracións xa mencionadas. ¿Que ideoloxía serve de amalgama a esta nova formación ? Nin se sabe. Podería entenderse que se conformase unha federación de partidos políticos nacionalistas dende a plataforma +BNG. A lenda -que pode resultar unha broma pesada-, de que os moderados, hoxe minoritarios na fronte, se poden situar nun sector dun partido único promovido dende máis BNG, soan a falso remedio que os propios integrantes da devandita plataforma xa irán resolvendo. Non é doado ver a liberais, socialdemócratas e moi pequenos sectores social-cristiáns compartindo unha organización política. É sinxelamente imposíbel.

Nenhum comentário: