quarta-feira, 24 de agosto de 2011

A crise da débeda pública: que crise?



Por Vicenç Navarro

.

É importante non perder a perspectiva do que ocorre na Eurozona, pois a enxurrada neoliberal reproducida a través dos medios de maior difusión é tal que ás veces é difícil ver a realidade tal como é a través de tanta desinformación. Vexamos os datos. E o primeiro que aparece con toda claridade é que nin a Unión Europea (UE), nin a Eurozona teñen ningún problema de débeda pública. En realidade, a débeda pública media da UE e da Eurozona é máis baixa que a existente en EEUU. É máis, dentro de EEUU, o déficit e a débeda pública de California é maior que o déficit e a débeda pública de Grecia, dentro da Eurozona. É importante que estes datos se coñezan porque o nivel de alarma sobre o nivel da débeda pública na Unión Europea alcanzou niveis totalmente desproporcionados.
Cal é, pois, o problema? A resposta é fácil de ver, aínda que vostede, lector, non a verá nos medios de maior difusión, e é que o mal chamado “problema da débeda” reside en causas políticas, máis que económicas ou financeiras. De novo, vexamos os datos. Os intereses da débeda dalgúns países europeos na periferia da Eurozona (os mal chamados PIGS) son moi elevados, forzando aos estados destes países a pagar cantidades exuberantes e claramente desorbitadas, que consomen moitos recursos públicos que se poderían utilizar noutras actividades como, por exemplo, en sanidade ou educación públicas (que están moi pouco financiadas nestes países). Pero a pregunta que nos debemos facer é como pode ser que Grecia teña que pagar xuros tan altos e California non? Pois a resposta é que EEUU ten un goberno federal que axuda a California a través dunha serie de medidas realizadas por un conxunto de institucións (incluído o Banco Central Estadounidense, chamado en inglés The Federal Reserve Board) que non existen na Eurozona, nin tampouco na Unión Europea. Aí está a raíz do problema. E non existen porque a banca (que ten nomes e apelidos concretos) nos países da UE e sobre todo no establishment europeo (o Consello de Europa, a Comisión Europea e o Banco Central Europeo) ten un enorme poder sobre as institucións políticas e non permite que se establezan. Así de claro.
O que está ocorrendo na UE é algo similar ao que ocorrería en EEUU no caso de que, a pesar de que os cincuenta estados que compoñen EEUU teñen a mesma moeda (o dólar), non houbese un goberno federal que se responsabilizase diso. Por moi estraño que iso pareza, isto é precisamente o que está ocorrendo na Unión Europea e na Eurozona. É o soño do pensamento neoliberal (que é a ideoloxía sobre todo do capital financeiro), que consiste en eliminar o estado ou diminuír as súas responsabilidades ao mínimo (agás cando se trata de axudas para salvar a banca).
O Banco Central Europeo non é un Banco Central
O lector poderá indicar que a UE ten xa un Banco Central, o Banco Central Europeo, BCE. Pero, por estraño que pareza, tal entidade non é un Banco Central. En realidade, é un lobby da banca e, moi en particular, da banca alemá. Chega a tal extremo, que o BCE presta (en realidade, case regala, diñeiro, pois os xuros son baixísimos, un 1%) aos bancos privados, pero non aos estados con dificultades, como son os estados periféricos da Eurozona. É certo que recentemente comprou de mala gana bonos dos estados con dificultades, pero non os pode comprar directamente aos estados, senón que ten que facelo comprando tales bonos públicos aos bancos, algo que beneficia aos bancos que engolen un bo bocado. Parécelle inxusto? Si, o é, e é moito máis que suficiente para se indignar. Pero o mesmo ocorre no Estado español, onde unha entidade pública, o ICO, estivo prestando 20.000 millóns de euros, non directamente, senón a través de bancos como o Santander e o BBVA, que se foron enriquecendo aínda máis coas consecuentes comisións. Por que o estado necesita da banca privada? En realidade, non a necesita. Podería, e debería, establecer un sistema bancario público, como adoitaba ter, que funcionaba mellor, por certo, que o sistema privado actual.
En realidade, se os gobernos quixesen, o problema da débeda pública resolveríase rápida e doadamente. A UE podería establecer uns bonos propios, chamados eurobonos, que se venderían moi ben, pois recorde que a UE non ten un problema de débeda pública. Son só os países periféricos os que teñen tal problema. E a UE podería permitir que a débeda nacional destes países periféricos se convertese en eurobonos. Os especuladores deixarían de ameazar a aqueles países, do mesmo xeito que non se especula en contra do dólar, en contra de EEUU ou en contra de California. A UE podería establecer unha Autoridade Pública Financeira que crease os bonos que serían comprados e xestionados polo BCE que, por certo, debería transformarse nun Banco Público, responsábel perante as autoridades electas e representativas da Unión Europea, incluído o Parlamento Europeo, que debería ter moito máis poder do que ten agora. E os Bancos Centrais de cada país (hoxe tamén lobbies dos bancos daqueles países) deberían regular, supervisar e intervir o sistema financeiro nacional (que en teoría aparece na súa narrativa, pero non na práctica), estimulando e facilitando, como dixen no parágrafo anterior, o establecemento de bancos públicos que tivesen como obxectivo principal ofrecer créditos a persoas e a empresas, en lugar de aumentar os beneficios dos accionistas. A banca privada xa mostrou que este último obxectivo entra frecuentemente en conflito coa provisión de crédito. A irresponsabilidade e incompetencia da banca privada non a fai acredora do espazo económico que ocupa no Estado español [...].
Artigo tirado do blog do autor

Nenhum comentário: