domingo, 13 de fevereiro de 2011

Se Olof Palme erguera a cabeza!


Por Paulo Carlos López
Galicia Hoxe - 13.02.2011
.
Dicíao un xornalista famoso, deses que pretenden marcar liña política e sentar cátedra dende certas esferas mediáticas progres sen mollarse máis do debido. Estase a ver xa, sen ningún tipo de tapuxo e a peito decuberto, unha evidencia que algúns non tiñan reparo en negar: vivimos nun réxime de ditadura, da ditadura do mercado, onde a naturalidade coa que impuxo a súa lei en todo o mundo a doutrina que nos leva ao abismo é certamente insultante para alguén con un mínimo de sentido democrático. O modelo económico de casino, coas súas diversas metamorfoses (economía do ladrillo, da especulación e da corrución) non é discutido, preponderando as súas máximas: políticas monetarias restritivas (aumento da taxa de interese e redución da oferta de cartos); política fiscais restritivas (aumento dos impostos sobre o consumo e redución dos impostos sobre a produción e a renda); diminución do gasto público; liberalización para comercio e investimentos; privatización, entendendo que os axentes privados tenden a ser máis produtivos e eficientes que os públicos; e, finalmente, desregulación, considerándose que demasiadas regras e leis inhiben a actividade económica e que a súa redución a un mínimo necesario propicia un maior dinamismo dos axentes que interactúan. É dicir, as decisións verdadeiramente importante fóra das institucións.

Somos súbditos dos mercados. E moitos partidos e políticos, presos da súa condición. Disque, xa non podemos ignorar que os camiños están marcados, que fóra deles non hai salvación e que a nosa liberdade móvese nun marco, que pode ser máis ou menos flexible, dependendo das circunstancias e das latitudes. ¿E onde está a esquerda? En moitos dos casos, mirándose o embigo. Ensimesmada e cunha parálise que pode que sexa mortal. Primeiro, perdemos a batalla das ideas, sendo nós máis fortes; posteriormente, impuxeron, como moi ben dicía Lakoff na súa obra Non penses nun elefante, o seu marco de debate: somos os progresistas os que entramos a debater no marco que é do inimigo, non seu campo de xogo e no que teñen vantaxe; e agora, pretenden que renunciemos ás nosas ideas e da súa aplicación práctica: mesmos se tes maioría de xeito democrático, non podes gobernar baixo as túas premisas. Estamos a ver nos últimos meses que se decretou un modelo obrigatorio de gobernación e a socialdemocracia quedou eliminada de facto: permíteselle gobernar, claro está, con tal de que non sexa coas súas ideas e programas.

O PSOE, triste comparsa da dereita, hai moitos anos, case que décadas, que deixou de aplicar políticas socialdemócratas, a pesar de seguir a erguer a bandeira dese concepto con certa dose de nostalxia, nun intento, como ten a dereita co construto liberdade, de apropialo para si e deturpalo para os que en verdade nos sentimos socialistas e tamén libertarios. A esquerda, o nacionalismo galego como ideoloxía que en Galiza integra a xustiza social, o BNG vaia, ten que dar esa batalla. Pero lonxe desa verborrea teórica, ten que dala raseando o balón. Volver recuperar os conceptos primixenios de liberdade, de socialdemocracia e de progreso. E as eleccións municipais son unha boa fórmula, porque non hai mellor escenario que a práctica política do día a día.

A evidencia do que algúns tardaron en ver estoupou e agora toca pensar que facer. Podemos aceptalo, claudicar, como, de facto, xa fixeron e fan os mal chamados partidos socialdemócratas europeos. Ou iso, o ben redescubrir o papel neste nova realidade senón queremos ficar condenados a ser unha ideoloxía totalmente desdibuxada e baleira. Está claro. Se hoxe en día históricos militantes socialistas como Olof Palme viviran e puideran votar, estou seguro de que non votarían ao PSOE da reforma laboral e que está axeonllado ante si mesmo, a súa historia e parte do seu electorado. Electorado, que, estou seguro, agora mesmo está orfo á espera de propostas concretas doutras forzas políticas que lles ofrezan, cando menos, un pouco de esperanza e ilusión. Velaí o repto que, polo de agora, algúns, non estamos sabendo (ou querendo?) responder.

Nenhum comentário: