quinta-feira, 10 de fevereiro de 2011

Recoñecer a coraxe civil: unha rúa para o Doutor Martínez Alonso


(Breve carta aberta ao Excmo. Alcalde de Vigo)
Por Carlos Penela*
.
Na cidade desde a que lle escribo foron deportados, empurrados ao exilio ou directamente asasinados non hai tanto tempo preto de 130.000 persoas que non cometeran delito algún. Eran cidadáns europeos como os demais, coas súas vidas, os seus soños, os seus conflitos...Pero eran xudeus e a política totalitaria nazi decretou que non podían facer parte xa da comunidade humana nin ter paz nin dignidade algunhas. Isto aconteceu no corazón de Europa non hai tanto tempo. No medio dese trebón da Historia, o da II Guerra Mundial e o Holocausto, en circunstancias extremadamente complexas, houbo un vigués, un home de ben, Eduardo Martínez Alonso, que, arriscando a súa seguridade persoal, salvou a vida de milleiros de cidadáns que cruzaban os Pireneos procurando a salvación, fuxindo dunha Europa envelenada polo nazismo, a guerra e a persecución racista. O Doutor Martínez Alonso empregou para iso a paciencia, a intelixencia, un fondo sentido da dignidade do home. En definitiva, tivo coraxe civil, situouse da parte da vida.
.
Que esta historia non fora coñecida nin espallada na cidade onde naceu, no seu propio país, como se merecería, sorprende xa de maneira notable; pero que este relato real de enorme humanidade, agora feito público, continuase a ser ignorado de aquí en adiante pola sociedade civil e polas institucións políticas e cidadáns, só podería ser propio dun comportamento sectario e incívico. Unha sociedade que se queira democrática, libre, coñecedora do seu pasado, non pode pechar os ollos perante o enorme valor demostrado por este home, non pode deixar de agasallar a súa tarefa e a súa memoria.
.
Unha rúa en Vigo que leve o nome de Eduardo Martínez Alonso, así como o recoñecemento público da súa historia, serían o tributo mínimo co que a Corporación Municipal que vostede preside pode honrar a figura, ata agora tan inxustamente anónima, deste vigués. Unha rúa... Non é moito, en realidade, se o compararmos cos centos de vieiros que ese home abriu para tantos perseguidos, facéndolles posible a vida e a liberdade.
.
Na cidade desde a que lle escribo, milleiros de seres humanos non tiveron un Eduardo Martínez Alonso que abrira vieiro algún para eles. O único camiño que puideron escoller foi directamente o do exterminio. Lembraría, pois, a mensaxe indispensable que Primo Levi nos deixou co seu testemuño: “Pensade que isto sucedeu: / encoméndovos estas palabras.“

Moi atentamente,

Carlos Penela Martín
(Escritor vigués residente en Viena)

Nenhum comentário: