quinta-feira, 24 de janeiro de 2008

Violencia de Xénero.

Público comprométese: Decálogo para informar sobre violencia de xénero.

Por primeira vez en España un xornal, Público, dótase dun Código autorregulatorio para informar sobre a violencia de xénero. Desde que este grave problema social saíu á luz grazas aos medios de comunicación, publicáronse varias guías con recomendacións e normas para o seu tratamento xornalístico. Con todo, ata agora ninguén se comprometeu a cumprilas. En Público queremos facelo. O noso decálogo recolle algunhas propostas dos principais especialistas na materia e conta co asesoramento de Pilar López Díez, experta en comunicación e xénero.

A partir de agora, os redactores de Público comprometémonos a que o noso decálogo sexa de obrigado cumprimento e pedimos aos nosos lectores que así nolo esixan.


DECÁLOGO

Usaremos os termos “violencia de xénero”, “violencia machista”, “violencia sexista” e “violencia masculina contra as mulleres”, por esta orde. Rexeitamos as expresións “violencia doméstica”, “violencia de parella” e “violencia familiar”.

A violencia de xénero non é un suceso, senón un problema social. Por iso, non lle daremos este tratamento. Non publicaremos fotos nin detalles morbosos.

Nunca identificaremos ás víctimas nin incluiremos información que poida prexudicalas a elas ou á súa contorna.

Respectaremos sempre a presunción de inocencia dos agresores. Unha vez haxa sentencia condenatoria, identificarémolos debidamente, destacaremos o castigo e intentaremos incluílo nos titulares.

Nunca buscaremos xustificacións ou “motivos” (alcol, drogas, discusións...). A causa da violencia de xénero é o control e o dominio que determinados homes exercen contra as súas compañeiras.

Evitaremos as opinións de veciños ou familiares que non sexan testemuñas directas dos feitos. En calquera caso, nunca recolleremos opinións positivas sobre o agresor ou a parella.

Intentaremos ofrecer opinións de persoas expertas na materia. Priorizaremos as fontes policiais e da investigación. Non se informará con precipitación.

Só incluiremos testemuños de víctimas de malos tratos cando non se achen en situación de urxencia ou baixo calquera tipo de presión.

Denunciaremos tamén a chamada violencia continuada (agresións, malos tratos psicolóxicos... aínda que non teña resultado de morte).

Sempre incluiremos na noticia o teléfono gratuíto de axuda ás víctima (016) e calquera outra información que lles poida ser útil.

http://www.publico.es/039014/publico/compromete/decalogo/ionformar/violencia/genero

Nenhum comentário: