quarta-feira, 23 de julho de 2008

Manifesto a prol da convivencia lingüística


A Mesa pola Normalización Lingüística vén de facer público un novo documento, presentado como "Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego". O obxectivo é facer visible a opinión de moitos galegos, que queren reivindicar o seu dereito a empregar a lingua propia e que esta sexa oficial a todos os efectos. O Presidente da Mesa, Carlos Callón, subliñou que esta é unha campaña en positivo, que non se organiza en contra de ninguén e que pretende sumar os máximos apoios posibles. A posibilidade de incluírse na listaxe de asinantes quedará aberta a través da páxina web da organización. Manifesto da convivencia O documento está articulado en seis puntos que queren chamar a atención da sociedade galega. No primeiro reivindica o dereito dos galegos a empregar a súa lingua propia e que esta sexa oficial a todos os efectos; no segundo, pon o acento en que son os falantes do galego os que resultan discriminados en Galiza; no terceiro, cualifica de preocupante a campaña impulsada dende Madrid co apoio de importantes medios de comunicación; no cuarto, censura a actitude de aqueles que negan a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado Español; no quinto defende que é ao pobo galego a quen lle corresponde definir a súa política lingüística; e no sexto, alerta á sociedade galega para non se deixar confundir sobre a verdadeira situación do noso idioma.
Asinan:
Xosé Manuel Piñeiro, Avelino Pousa Antelo, Xoan Costa, Benigno Pereira, Ignacio Vilar, Jorge Mira, Iolanda Castaño, Cesareo Sánchez Iglesias, Xosé Lastra Muruais, Alfonso G. Sanmartín, Ana Kiro, Bernardino Graña, Carlos Blanco, César Portela, Lois González Tosar, Manolo Rivas, Mercedes Peón, Teresa Moure, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Xulia Vaqueiro, entre outros.
Para sumarse ao manifesto: PICA AQUÍ

domingo, 20 de julho de 2008

Xa á venda a Lotaría de Nadal


No vindeiro Día da Patria, estará xa a venda no posto que instalaremos no Festigal a Lotaría de Nadal de Esquerda Nacionalista. Quen non queira deixar pasar a oportunidade de deixar de traballar, que pase polo posto a mercar os recibos (este ano toca seguro !!)
Sorte!!

sábado, 12 de julho de 2008

Manifesto da Federación de Asociacións de Escritores “Galeusca”




Perante o discurso pretendidamente homoxeneizador e centralista que subxace no “Manifiesto por la lengua común”, a Federación de Asociacións de Escritores “Galeusca”, da que fan parte a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e a Euskal Idazleen Elkartea (Asociación de Escritores Vascos), quere deixar constancia do seguinte:


1. A realidade plurilingüe que conforma e dá existencia ao estado español, lonxe de ser entendida como unha “asimetría” ou deficiencia per se, está a reproducir de xeito transparente unha diversidade lingüística e cultural común á maioría dos estados que conforman a Europa plurilingüe.
2. O galego, o éuscaro e o catalán non son “inventos” recentes senón linguas que foron normais nos seus territorios e sociedades respectivas durante centos de anos. A súa desnormalización, a súa perda de usos públicos, non se produciu de forma “natural”, senón, mesmamente, por invasión da lingua que se decretou como oficial do estado, sen consulta nin acordo previo.
3. O artigo 3 da Constitución española garante a presenza desa lingua común para todos os habitantes do estado, mediante a esixencia a toda a cidadanía do deber de coñecer o castelán. Toda a cidadanía de Galicia, Euskadi e os Países Cataláns asume na práctica esa esixencia, pois non hai persoa que non teña unha boa competencia en castelán, ora a teñan como primeira lingua, ora como segunda. Porén, respecto do galego, do éuscaro e do catalán a lexislación non prevé a obriga de seren coñecidos nos seus respectivos territorios, o que establece unha asimetría nos dereitos lingüísticos da cidadanía que quere exercer o dereito, que lles é recoñecido, a usalos.
4. O galego, éuscaro e catalán tamén son linguas oficiais nos seus territorios, que é o mesmo que dicir que son as linguas propias de aproximadamente o 40% da poboación do estado español. Estes códigos lingüísticos diferentes do castelán, lexítimos e nos que se recoñece o percorrido e expresividade dun pobo e dunha cultura, son instrumentos de comunicación igualmente “democrática”, ferramentas de relación interpersoal útiles e necesarias para a sociedade que as sustenta.
5. O dereito ao uso público, en todas as instancias, da lingua propia está recoñecido en todas as lexislacións democráticas do mundo. No ámbito europeo cómpre lembrar a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (aprobada e ratificada polo Estado español) ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, aprobada coa unanimidade do Congreso dos Deputados.
6. A visión anuladora que da enriquecedora realidade plurilingüe española se transmite desde o “Manifiesto” leva a pensar na similitude coas teses da etapa franquista: un Estado, unha lingua, e, consecuentemente, a reforzar as formulacións diferenciadoras entre cidadáns de primeira e de segunda por razón de lingua. A competencia plurilingüe, tamén para os cidadáns españois nados en comunidades autónomas cunha única lingua oficial, sempre será unha chave que abra o mundo, que abra as fronteiras do respecto polo outro desde a interpretación dunha relación de equidade entre os seres humanos, independentemente do seu lugar de nacemento, de residencia e de lingua propia. Además, o “Manifiesto” parte dunha premisa que non se corresponde coa realidade, pois en ningún caso o castelán corre perigo ningún en todo o territorio do Estado.
7. A aprendizaxe de linguas, ademais da propia, sempre debe ser entendido en positivo e como sinónimo de enriquecemento do individuo, pois coa aprendizaxe plurilingüe estimúlase a expresividade e cognición das persoas. No caso de Galiza, Euskadi e os Países Cataláns é imprescindíbel que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística.
8. Para garantir esa utilización libre das linguas precísanse medidas emanadas dunha política lingüística adecuada. É dicir, para garantir os dereitos constitucionais que temos tamén os falantes de catalán, éuscaro e galego precísanse políticas lingüísticas que creen as condicións para exercelos, tal e como ditou o Tribunal Constitucional na sentenza 337/1994 cando “avalaba un trato desigual, que non discriminatorio, para as dúas linguas oficiais en función do carácter propio dunha delas que fai preciso unha acción normalizadora que debe, necesariamente, implicar accións de apoio singularizado”.
9. As políticas lingüísticas aplicadas ao ámbito educativo nas chamadas comunidades bilingües teñen como obxectivo conseguiren que o alumnado acade unha boa competencia nas dúas linguas oficiais, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar. Para acadar ese obxectivo, é preciso desenvolver planificacións lingüísticas que garantan a consecución dese obxectivo e que pasan, necesariamente, pola utilización vehicular maioritaria da lingua máis desfavorecida socialmente. E isto, en vez de ir contra a liberdade lingüística, é, precisamente, unha actuación imprescindible para garantir esa liberdade lingüística.
10. As escritoras e os escritores galegos, vascos e cataláns PROCLAMAMOS a nosa vontade de seguirmos a escribir nas nosas linguas e a contribuírmos ao proceso, inacabado, de normalización das nosas linguas, como dereito humano, democrático, pacífico ao que non imos renunciar. Repudiamos enerxicamente todos os intentos de EXCLUSIÓN que colegas escritores españois realizan das nosas linguas e lamentamos que, no canto de se preocuparen pola saúde do español en Puerto Rico, Costa Rica ou os Estados Unidos, se dediquen a combateren o máis próximo e asimetricamente discriminado.
Xullo de 2008
___________________________________________________________________________________
Aquelas entidades, colectivos ou persoas que concorden co contido deste manifesto poden mostrar a súa adhesión no seguinte enderezo electrónico: oficina@aelg.org

segunda-feira, 7 de julho de 2008

Asemblea Comarcal de Vigo


ASEMBLEA COMARCAL DE VIGO

Asemblea Comarcal de Vigo que terá lugar o vindeiro mércores día 30 de Xullo ás 20:00 horas no local comarcal do BNG en Vigo.

Xantar de Confraternidade


Con motivo da celebración do Día da Patria, este ano, dende Esquerda Nacionalista na comarca de Vigo celebraremos un Xantar de Confraternidade o vindeiro sábado día 19 de Xullo ás 14:30 h. no Restaurante Budhsal na Rúa Manuel de Castro, 9. (xunto ao estadio de Balaidos) en Vigo.


Este convite é aberto a todas en todos cantas compañeiras e compañeiros do resto do país quixeran acompañarnos, así mesmo como a cantas/os compañeiras/os do B.N.G. (tanto militantes coma non) quixeran compartir con todos nós ese día; en especial a todas e todos as/os nosas/os amigas/os da “A Alternativa”.


Por este motivo, prégoche que fagas persoalmente extensiva no teu entorno este convite.


O Menú.

Chacina,


Queixos,


Ensalada,


Mexillóns tigre,


Pescada con salsa de ourizos


Escalopes de tenreira con champiñóns e arroz


Sobremesas variadas, bebida, café e licores.


Prezo por persoa: 20,00 €


Para comunicar o número de comensais ao restaurante, precisamos por favor confirmes á túa asistencia antes do 12 de Xullo no correo: frdacosta1@yahoo.com.br ou ben no móbil 637.332.888.

domingo, 29 de junho de 2008

O común


Por Manuel Rivas
1. "Da luz nace a escuridade", anotou de forma enigmática Nicholas Hytner, director de cine das bruxas de Salem. 2. Goethe empeñouse en demostrar, sen querer considerar outras evidencias, que a teoría das cores de Newton era unha estafa. Segundo el, a suma de todos colores era o gris. E xamais recoñeceu o seu erro: "Este sentimento de superioridade permitiume soportar a estúpida arrogancia dos meus adversarios". 3. En 1932, un grupo de intelectuais brasileiros presentou un manifesto clamando polo "Principio de Autoridade". 4. Na posguerra, un profesor de dereito de Santiago comezaba as súas clases con este saúdo: "Damas, cabaleiros e alféreces provisionais...". 5. Entre os asinantes do Manifesto pola lingua común hai alféreces que propuxeron, en xocoso ton intimidatorio, publicar as listas de "non asinantes". 6. Non abre a boca a literatura: a que pregunta. 7. Nada se di das "outras" linguas, da súa "sorte", situándoas na sospeita difuminada, falas espectrales sen hábeas corpus. 8. é un texto apodíctico, con pasta de decreto, que axitará como providencial trofeo a gran dama do "novo lerrouxismo". 9. Fervorosos "constitucionalistas" propoñen no substancial darlle unha dentada á Constitución, a pesar de que di da lingua castelá: "Todos os españois teñen o deber de coñecela". 10. Cal é o concepto do común? Forman parte as "outras" linguas do patrimonio común? 11. Este Manifesto, esta torpe campaña, provocará o erizamiento de todos os nacionalismos. 12. Co seu manifesto Anti-Dantas, o futurista Negreiros fixo soado a Dantas. 13. Non coñezo a ningún cidadán que renuncie ao castelán. Si a algúns que humillan proclamando a inutilidade das "outras" linguas. 14. Abrazo o castelán no exilio, nos sefarditas, no Sahara, en Porto Rico. 15. España necesita manifestos de convivencia e lexemas de simpatía: cultivar a biodiversidade e non a bioperversidade.

Os 20 oprimidos


Por Suso de Toro

É coñecido o drama que vive a lingua inglesa no mundo, acosada e desprezada, perseguida descaradamente polos nacionalistas de aquí ou alí, os seus falantes atopan dificultades doquiera van. Non menos dramática é a situación da lingua castelá, a nosa, a común. Unha lingua que se estendeu polo mundo sen imposición e con benevolencia, grazas a que galegos, cataláns, vascuences e aboríxenes americanos desexaban con vehemencia coñecela, falala e aínda escribila, abandonando os seus torpes e infantís chapurreos pero que hoxe, ai!, vive horas amargas. É certo que os nosos avós falaban a lingua galega, pero facíano sen mala fe, era por ignorancia da lingua común, a verdadeira. Nós hoxe, grazas sexan dadas, falamos e escribimos correctamente o castelán e os nosos fillos xa saben conxugar o pretérito perfecto, "dixen", cando para nós, antes, o perfecto era indefinido, "dixen". Desde a secular ignorancia galega non deixamos de progresar, falaremos ao fin como en Chamberí, "el Madrí ha ganao" (repitan). Aínda que, por culpa da ditosa Constitución que recoñece ás nacionalidades históricas e as súas linguas, e da autonomía aínda vixente, os nosos fillos son obrigados a estudar a lingua autonómica, que non é a común. Menos mal que non é obrigatorio coñecela, a diferenza da verdadeira. (Generalísimo, volve. Estamos orfos, a mercé deses nacionalistas. Antes había un só nacionalismo, o común, e chegábanos!) Pero se na terriña vivimos cuitas que non vivirán as persoas máis sensibles, os mellores, eses intelectuais que padecen no seu Madrid as insidias dos insidiosos nacionalistas. Son intelectuais que teñen a pel máis sensible, as antenas máis alerta e por iso sofren máis e detectan antes as asechanzas á lingua común, a de toda a súa vida. Vinte deles, sen dúbida a vangarda, rebeláronse contra tanto descaro e levantaron a bandeira da verdadeira España, a de sempre. "Non máis ultraxes á lingua común!, Xa abonda!", clamaron e exclamado (ou é "clamaron" e "exclamaron"? Malditos antepasados nosos que tardaron tanto en pasarse á lingua común, transmitíronnos as súas dúbidas e incertezas indefinidas). E é que viven hostigados. Parece ser que cando se achegan a un quiosco de prensa no barrio de Salamanca só achan prensa escrita en linguas que non son a común. Alí están xornais deportivos escritos en catalán, condenados polacos!, diarios xeneralistas escritos en balbuceos vascongados e revistas do corazón no torpe gruñir dos galegos, esa fala de pastorcillos apta para falar aos animais. Cando acenden os seus televisores emerxen linguas non comúns, resúltalles imposible ouvir a un presentador do telexornal ou a un anunciante na lingua común, a boa, a nosa, a verdadeira, a de alí. Están invadidos e acosados. Mesmo a información deportiva está pervertida polos nacionalistas non comúns, aí están as seleccións vascas, catalás, galegas, coas súas bandeiras e as súas exclamacións autonómicas. Que dicir das películas, se até as americanas tradúcenas todas ao galego! Contan que na mesma Praza de Colón, insignia da Hispanidade!, levantaron un gran mastro coas bandeiras das nacionalidades. Todo Madrid está invadido de ideoloxía autonómica e non hai taxista que non che fale vasco nin camareiro que non che conteste en catalán cando un lle inquiere en correcto castelán. Se falas a lingua verdadeira míranche mal e exposche a un desgusto, tal é o encanallamiento ao que se chegou no odio á nosa lingua común. Que non sufran en balde! Pois se sacrifican por nós para que non recaiamos nos vicios dos nosos avós. eles, por non ser cataláns, vascos nin galegos ou por selo pero terse curado os seus antepasados a tempo, non herdaron as nosas máculas, están limpos. Son os comúns, un exemplo a imitar. Escoitemos a súa voz e admiremos o seu xesto gallardo. Alí están no seu Madrid rodeados por autonómicos varios, defendendo a lingua común, hoxe en perigo no mundo como confirman todas as estatísticas. Heroes solitarios necesitan apoio! Asinemos e que saían os nosos vástagos con petos á rúa para recadar fondos solidarios (A culpa é de Zapatero, sábeo ben Rosa Díez).

EL PAÍS - 29.06.08

domingo, 8 de junho de 2008

Camilo en Moaña e Lugo


Continuan as presentacións polo País dos libros "Galiza na Unión. A porta atlántica" e "Europa, o continente pensado", de Camilo Nogueira. Eis as dúas próximas presentacións:

- Venres 13 de xuño, ás 20.00 horas, na Galería Sargadelos de Lugo.
- Xoves 19 de xuño, ás 20.00 horas, no salón de actos do Concello de Moaña.

quinta-feira, 29 de maio de 2008

Idioma.


Por Xosé Luís Méndez Ferrín

Carlos Penela (Vigo, 1975) publica na colección Arte de Trobar (Pen Clube) o libro de versos Sombras, rosas, sombras no que figura o seguinte poema:"Este idioma é unha gándara, este idioma/ son fiañas dun frío antigo, dun frío anterior/ a todo frío./ Este idioma é Bizancio, asolagado/ en ornatos, aves de paso que atravesan os lumes,/ auga que debroca co estupor do desespero./ Este idioma é unha casa irta como sombra,/ os nomes do real, un anxo perdendo o seu rombo;/ iso é este idioma, a teaxe tremente dun sol branco,/ dun sol de inverno, versos derrubados na elexía oitava/ de Rilke ao fin das liñas que falan dun acabamento novo,/ dun tempo novo; este idioma, este idioma é iso/ un tempo novo como gares inmensas, abandonadas,/ a contorna estraña de tastos varados en sal dura./ Este idioma é unha claustra para todo alento,/ as mans feridas que xa non se ofrecerán".
Por algunha razón que eu descoñezo, a palabra idioma áchase en retroceso, tanto no uso coloquial coma no rexistro formal ou elevado. Poderíase pensar que se trate dun sotil barbarismo, pois no inglés idiom significa outra cousa; non creo eu. E ben, nesta excelente poesía idioma cobra a dimensión totalizadora dunha divinidade social e atea. O idioma é este idioma (e non outro), ou sexa o arcano que nos fai diferentes ao resto dos humanos e que, ao propio tempo, nos fai humanos. Un grande acerto deste poema é o de decer idioma no lugar de lingua. Outra das virtudes do texto é a de non mencionar nunca o nome do idioma de que se trata e ten que ser o lector o que percure no centro da conciencia e supla o valeiro coa palabra galego. O orgullo, daquela, pode unirse á conmoción lírica. En realidade na nosa literatura non existen moitos poemas cuxo tema sexa o propio idioma. E mesmo resulta curioso constar que un sonado de Celso Emilio ("Lingua proletaria do meu pobo...") foi escrito e publicado orixinalmente en castelán e no libro "Voz y Voto". Dame no corpo que os poetas, en tempos xerais, deteñen a súa pluma dediante do idioma que aman, coñecen e cultivan, coma posuídos dunha sorte de terror mistérico.
Constitúe o idioma un tabú literario para os nosos autores? Doe tanto a perda do idioma que o poeta garda silencio a respecto del? A forza do poema de Penelas radicará no feito de que desafía e transgrede un tabú? Ninguén ignora que estamos a vivir un conflicto lingüístico que é de natureza política pro tamén de índole vivencial. Os que pretenden que o idioma de Castela sexa tamén o idioma de Galicia e cos mesmos merecementos que o galego atoparán no texto que hoxe nos ocupa unha dificultade insuperábel. Pode alguén escribir algo semellante ao poema de Carlos Penela sobre o idioma castelán falado en Galicia? Va que non?Naturalmente este non é un artigo de crítica literaria. O libro Sombra, rosas, sombras contén outros valiosos poemas cuxa lectura eu me limito hoxe a recomendarlles a Vostedes.
Parabéns ao mestre polo seu Premio Nacional de Literatura 2008.

sexta-feira, 9 de maio de 2008

Presentación en Vigo

Continuando as súas presentacións polo País, tócalle agora a Vigo. O vindeiro mércores 14 ás 20.00 horas e na Casa do Libro. Acompañarán a Camilo na presentación: Carlos Lema e Amada Traba.

segunda-feira, 5 de maio de 2008

Presentación novos ensaios de Camilo Nogueira en Compostela

O vindeiro xoves 8 ás 20:30 horas terá lugar en Compostela a presentación dos dous novos ensaios publicados por Camilo Nogueira.

"GALIZA NA UNIÓN. A PORTA ATLÁNTICA"

e
"EUROPA, O CONTINENTE PENSADO".

Presenta:

Victor F.Freixanes director da Editorial Galaxia

O acto terá lugar na Fundación Caixa Galicia (Rúa do Vilar 19)

Relevo na Comarca de Vigo

Na Asemblea Comarcal de Vigo realizada o pasado día 2 de Maio de 2008, por unanimidade chegáronse aos seguintes acordos:

Solicitar reiteradamente ao ata o de agora Secretario Comarcal en Vigo de Esquerda Nacionalista, el Sr. D. Pedro Gómez-Valadés a súa continuidade no posto neste novo período. Rexeitamento que tamén foi feito reiteradamente argumentado a saturación de traballo que lle suporía ser Secretario de Comunicación de Esquerda Nacionalista e Secretario Comarcal en Vigo.

Realizouse entón un repaso a magnifica labor ao fronte da Comarca de Vigo do Sr. D. Pedro Gómez-Valadés e valorouse como excepcional a súa achega dende o traballo constante na comarca de Vigo ao Nacionalismo Galego e polo tanto a Galiza.

O Secretario Comarcal en funcións fixo unha proposta de novo Secretario e Vice-secretario Comarcal que foi aprobada por unanimidade, quedando polo tanto nos postos designados pola Asemblea o seguintes nomes:

Secretario Comarcal de Vigo
Fernando R. Dacosta

Vice-secretario Comarcal de Vigo
Quico Recondo

quinta-feira, 24 de abril de 2008

Alberte Xullo Rodríguez Feixoo

Última intervención perante a VI Asemblea Nacional de ESQUERDA NACIONALISTA como Secretario Nacional.
.
Compostela, 30 de Marzo de 2008.
.
Benqueridas compañeiras
Benqueridos compañeiros

Unha vez máis, a última, tomo a palabra para dirixirme a vós e relatarvos o informe político como Secretario Nacional.

Dende hai dous anos para eiquí, dende a nosa anterior Asemblea Nacional celebrada en maio de 2006 no Hotel Araguaney de Compostela, viñemos proseguindo o noso deambular no habitual deserto que nos ven acollendo dende a nosa fundación aló polo ano 1992. Si, compañeiras e compañeiros, son xa dezaseis anos de Esquerda Nacionalista, dunha forza política, un partido político, o noso, que inda nascido dentro do B. N. G., manifestou dende o mesmo día do seu parto, 4 de abril de 1992 en Compostela, a súa vocación de independenza e rebeldía. Independeza e ausencia de ataduras que durante toda a nosa existenza, e hoxe máis que nunca, nos ten costado sacrificio manter. O doado, o acomodaticio, é cair nas fauces sempre insaciábeis do poder, da opulencia, ainda a custe de perder a liberdade individual e colectiva e a propia identidade renunciando ás ideas e fundamentos ideolóxico-políticos que pudieran albergarse no pasado. Rebeldía ante a inxustiza, ante a opresión, ante o ánimo controlador e absorvente que non ve en nós a compañía axeitada para conseguir o que certamente é o noso obxectivo e inxenuamente pensabamos que era tamén o dos demáis, a liberación nacional e social da nosa Patria.

Pois esí foi, compañeiras e compañeiros. Dende 1992, soñando con gobernar o noso país cun nacionalismo unido e hexémónico e despertando hoxe cunha realidade ben distinta.

Pero non quero adiantarme no tempo.

En maio de 2006 celebramos a nosa V Asemblea Nacional e todas e todos coincidimos en que fora unha magnífica asemblea na que o noso partido amosou o seu músculo vital con maior vigor que en anteriores ocasións. Demos por superados os carosos momentos que tiveramos que aturar na asemblea do B. N. G. celebrada na Coruña e na nosa propia celebrada en Lugo. Tanto nas cuestións de fondo político como nas puramente estéticas tivemos ocasión de amosar un partido político moi vivo e moi compacto. Como dispóis veremos, pura ficción. En calquer caso, nisa mesma asemblea afortalamos a idea de seguir sendo o xermolo do que viñamos denominando polo socialista do B. N. G.. Coincidimos, nas nosas teses políticas, na necesidade de constituir unha alternativa á dirección do B. N. G. e conformamos, expectantes e ilusionados, o proxecto que ao fin sería esí mesmo denominado, A Alternativa. Xunto con outras compañeiras e compañeiros nacionalistas, militantes do B. N. G., constituimos un programa alternativo e unha candidatura propia para conformar o novo Consello Nacional do B. N. G. na asemblea celebrada a finais do ano 2006 no Pazo de Congresos de Compostela. O resultado obtido non respondeu ás nosas expectativas e supuxo un motivo de desilusión en todas e todos nós. De calquer xeito, o conxunto dos resultados obtidos por cada unha das catro candidaturas apresentadas demostrou claramente a existencia dunha oposición á dirección do B. N. G. desunida pero cuantiosa. En números redondos, a proporción foi de 60 % a favor da candidatura encabezada polo Portavoz Nacional e 40 % a favor das posicións alternativas ou de oposición. Non foi un resultado baladí ou ausente de interpretación. Sen dúbida a valoración expresada nas urnas polo conxunto da militancia nacionalista organizada no B. N. G. deixou constancia da súa discrepancia co xeito de facer política da equipa dirigente do B. N. G. co seu Portavoz Nacional á cabeza. Coido, sinceiramente, que non se tomou a debida nota dise resultado e que a práctica política que se deu dende aquela até hoxe inda abondou máis nos mesmos erros denunciados naquela asemblea polas candidaturas disidentes como a nosa.

De calquer xeito, quería sobrancear especialmente que foi a primeira vez na historia do B. N. G. que se apresentaron catro candidaturas para conformar o Consello Nacional do B. N. G. e que isto constitúe un clarísimo síntoma de que rematou o camiño emprendido a finais da década dos 80, completado durante a década seguinte, da constitución do proxecto común dentro da casa común. É claro que hoxe a casa, polo de agora, segue sendo común, ainda que non todos somos donos dela, pero proxectos xa hai varios, entre iles o noso propio, o da Alternativa.

Tamén quero facer referenza a outro feito suliñábel. Xosé Manuel Beiras, por fin, presentou candidatura propia sen ir acompañado pola U. P. G.. Como ben sabemos, os nosos intentos dende 1992, para conseguir que dera ise paso, non obtiveron éxito. En 2006, cando xa non era Portavoz Nacional e cando xa non militaba en Esquerda Nacionalista, por fin atreveuse a retar ao partido político que sempre o tivo no seu ponto de mira, aproveitándose dil cando conviña e desfacéndose dil cando xa non era maior o proveito que a desventaxe.

Outro feito relevante foi a escisión sufrida pola U. P. G. ca conformación da candidatura do Movemento pola Base. Tamén isto era a primeira vez que acontecía. Non é tampouco de esquecer xa que o seu resultado non foi nimio e, quizáis a data de hoxe, non estea minguado en absoluto.

Por último, tamén nós, Esquerda Nacionalista, presentamos por primeira vez candidatura propia ao Consello Nacional, ben é certo que baixo o nome de A Alternativa e xunto cos compañeiros que consideraron que a nosa proposta de socialismo democrático galego, oposta á tradicional visión política do B. N. G., era a máis axeitada e a que conviña á organización frentista e ao conxunto do País. Como xa anticipei, o resultado numérico obtido pola nosa candidatura non foi o que agradabamos. Nembargantes, cualitativamente demos un avance importantísimo ao conseguir obter dous postos na Executiva Nacional do B. N. G., algo que non acontecía dende había moitos anos, dende antes de 2002. Ao Portavoz Nacional non lle gostou ren e todas e todos lembramos que non gostaba de que na foto oficial da asamblea apareceramos dous membros de Esquerda Nacionalista na composición da nova Exectutiva Nacional e, unha vez máis, fixo trampa para que esí non fora, conseguindo convencer, xa nise intre, a algúns dos que daquela inda eran nosos compañeiro e compañeira de partido, para que se convertiran en cómplices indispensábeis de tal falcatruada que por certo denunciei tanto interna como externamente ao noso partido.

Pero non pode rematar eí a análise do acontecido naquela asemblea do B. N. G.. Teño tamén que facer mención do acontecido na fase previa á presentación de candidaturas. Como ben coñecestes, Esquerda Nacionalista e a Alternativa fixemos múltiples e intensos esforzos para conseguir conformar unha candidatura unitaria con quen dispóis constituiron a candidatura do Encontro Irmandiño. A pesares do noso esforzo e do noso sacrificio esí como das cesións que fixemos para que ise proceso poidese froitificar, a cerrazón e os intereses personalistas dalgún dos representantes disa candidatura deron ao traste con ise desexado obxectivo. É curioso que non nos quitemos de enrriba o noso persoal alcume de insolidarios e interesados cando a nosa práctica de achegamento a outros sectores do B. N. G. é constante e reiterada. Falaremos disto máis adiante.

Rematada a Asamblea Nacional do B. N. G., a vida política diaria seguíu dando mostras de que o xeito de gobernar dos nacionalistas non se diferencia tanto como se pregonaba do resto de forzas políticas que optan a dirixir a Xunta de Galiza. A realidade é teimuda e imponse sobre os desexos ou as ilusións. Hoxe, unha parte importante da tradicional base social do B. N. G. amosa públicamente o seu descontento, a súa desilusión e, incluso, a súa defraudación de expectativas polo xeito de practicar a política dende a Xunta de Galiza por parte do B. N. G.. É certo que non é unha situación cómoda a do nacionalismo na Xunta de Galiza xa que ten que compartir decisións de goberno cunha forza política como o P. S. O. E., españolista onde as haxa e cunha práctica política no terreo social ben coñecida, pero isto non pode ser óbice para demostrar, se se quere e se ten gañas, que a práctica política do B. N. G. se diferencia da do P. P. e do P. S. O. E.. Hoxe, a percepción dise corpo social e electoral que tradicionalmente apoiou ao B. N. G., é que non se percibe isa diferenciación. A práctica política baseada en reproducir as merendas e os bailes do Partido Popular con Fraga á cabeza, o reparto de prebendas a amigos e familiares, o uso indebido do erario público, o mantemento como programa estrela da televisión pública galega do Luar e a reposición do señor Super Piñeiro como presentador non só televisivo senón tamén político polo mérito de ser alaricano non pode ser ben vista nen aplausada por quen toda a nosa existencia aspiramos a chegar á Xunta de Galicia para mudar iste noso País. E todo isto para conservar unha incidencia do 10 % dos electores! A miña desconfianza de que prime o interese persoal sobre o colectivo ou de que o interese nacional e do conxunto da cidadanía estea supeditado a ises intereses persoais xa a teño manifestado ante vós e é ben coñecida. Non mudei de opinión. Os feitos que se desenvolvan no futuro daranme ou riparanme a razón. Teño liberdade persoal dabondo para poder manter ista opinión pero non por iso desboto nen desatendo outras. Xa se verá.

En calquer caso, se unimos o antedito ca mención anteriormente realizada sobre a falla de interese colectivo doutros grupos, a verdade é que o panorama non axuda a ser optimista (quero dicir, non me axuda a ser optimista). Chamádeme utópico, iluso ou desnortado pero son dos que inda cre na irmandade que os nosos devanceiros políticos articularon como base para a práctica política do nacionalismo galego. Si, benqueridas compañeiras e compañeiros, as irmandades dos primeiros anos do século XX foron quen de axuntar e afortalar os primeiros grupos de homes e mulleres que tiñan en común o recoñecemento da persoalidade propia da nosa Patria, de Galiza, o primeiro nacionalismo. Iles autoproclamábanse irmaos e irmás. Eu proclámome tamén irmao de todas e todos vós, e ise sentimento de irmandade vai en min máis aló do propio interese político. Por iso, un B. N. G. que non me considere un irmao, un membro da irmandade nacionalista senón un contrincante, cando non un inimigo, e que só precise de min para abonar a cota mensual, non me interesa en absoluto. Xa sabedes da miña opinión ao respeito: o B. N. G. non é noso, o B. N. G. creouse para proveito dos seus creadores e nós estamos de inquilinos pero en precario. Xa sei que a política é esí e que ou se toma ou se deixa, pero non quería perder ista ocasión para transmitírvolo de xeito persoal e directo.

Ista miña opinión que pode ser compartida ou non, e non por iso deixarei de ser voso irmao, está hoxe máis de actualidade que nunca dentro do noso partido. Como sabedes, un grupo de compañeiras e compañeiros optaron por non acompañarnos no día de hoxe na celebración da nosa Asemblea Nacional. Con independenza do seu comportamento persoal, que non pode facerme perder o tempo, si debemos puntualizar os aspectos políticos que defenden como prioritarios pero que non se atreveron a defender ante todas e todos vós en asemblea nacional. Cos dados que ten hoxe a nosa executiva e a nosa mesa nacional, sabemos que se conformou unha actuación perfectamente estructurada e programada para facerse ca dirección do noso partido e entregalo completamente desarmado e de xeito incondicional ao Portavoz Nacional ou, alternativamente, e se iso non fora posíbel, destruilo de xeito que non poidera proseguir como tal partido político libre, independente e alternativo. Á cabeza disa operación e baixo a batuta política de sobranceiros persoeiros achegados ao Portavoz Nacional, áchanse compañeiras e compañeiros nosos que ostentan hoxe cárregos institucionais ou orgánicos do B. N. G. que conseguiron por decisión e empeño do conxunto do noso partido, Esquerda Nacionalista. Esí, quen encabezou a candidatura da Alternativa na última asemblea do B. N. G., e hoxe é membro da Executiva Nacional da frente, por decisión e empeño de Esquerda Nacionalista, forma parte disa operación conspiratoria. É curioso sobrancera que hoxe mantén xustamente o contrario do que mantivo no seu discurso, en nome da Alternativa, pronunciado ante a asemblea nacional do B. N. G. hai pouco máis dun ano. Ista mesma compañeira, xunto co seu home, apropiáronse do foro creado e pagado por Esquerda Nacionalista EN_grupo, pesie a ser requeridos, hai xa algúns meses, para que fixeran entrega das claves do mesmo. É dicir, literalmente un acto puro e duro de piratería e de ficar de xeito persoal con algo que non é da súa propiedade. O delegado provincial dunha consellaría gobernada polo B. N. G. na provincia da Coruña, que anteriormente fora membro da executiva do B. N. G. a proposta de Esquerda Nacionalista dándose a coñecer políticamente a toda a militancia por decisión da dirección do noso partido. O único deputado co que contaba Esquerda Nacionalista no Parlamento de Galiza e que fora proposto como condición sine qua non polo noso partido nas anteriores eleccións autonómicas. Quero sobrancear que iste compañeiro, pesie a ser membro da Mesa Nacional e da Comisión Executiva do noso partido, nunca acudiu ás convocatorias dos citados organismos, agás a partir de recibir as correspondentes instruccións para conspirar e reventar o partido. Tamén a páxina web creada polo partido foi birlada por outro militante que de xeito ladino e absolutamente indigno aproveitou a confianza nil depositada por todos e todas nós para apropiarse, indignamente, de algo que formaba parte do acerbo partidario de todas e todos nós. Serían moitos os detalles que poderiamos contar e trasladarvos. Tal e como vos anticipei na carta que vos remesei hai un mes, estou en disposición de facervos sabedores de todos os pormenores e de aclararvos claquera dúbida ao respeito, ao igoal que o resto dos compañeiros e compañeiras que forman parte dos órganos da dirección do partido. En calquer caso, quen seguira a evolución dos debates que se deron no chat, antes de ser secuestrado, coñecen xa as lindezas, insultos, terxiversacións, dislates e burradas que se dirixiron, sen argumentación política nengunha, contra determinadas compañeiras e compañeiros que ostentaban cárregos nos citados organismos de dirección elexidos democráticamente por todas e todos vós na anterior asemblea nacional e sen contestación nengunha.

Cando non hai argumentos e só se obedece a intereses persoais, atendendo de xeito mezquino e traidor instruccións de quen ten intereses alleos ao noso partido e desexa a nosa destrucción, acontece o que temos agora ocasión de observar con tristura e decepción. Non houbo máis que iso, unha acción traidora e insolidaria cos compañeiros e compañeiras que permanecemos fideis aos principios políticos e ideolóxicos do partido político nacido en 1992, Esquerda Nacionalista, que orgullosamente seguimos mantendo. A cobardía de non atreverse a defender ante a asemblea os seus postulados xa o dí todo. Non hai razóns nen argumentos, só traizón e cobardía a cambio de promesas de futura colocación política por parte de quen ostenta (nunca millor dito) o poder no B. N. G.. Que lles vaia ben! Adeus, ex compañeiros!

Os documentos que hoxe imos debater deben abrir unha expectativa nova e ilusionante para o futuro de Esquerda Nacionalista. Non podemos, nen debemos, cair no desánimo. O futuro está eí fora e podemos, si nolo propoñemos, alcanzalo. Veredes que os documentos teñen unha magnífica articulación e están cheos de propostas de futuro. A súa elaboración demostra a validez dos seus autores, a quen aproveito para felicitar polo seu traballo. Por ises textos veredes que o partido conserva tamén sabiduría e experiencia política dabondo.

Non quero deixar de manifestarvos unha vella intención non materializada pero que non por iso debe cair no meu esquecemento. O noso partido ten que buscar fora das nosas fronteiras afinidades políticas ao igoal que o teñen feito outros partidos que tamén están conosco na frente. Que a poítica exterior sexa cuestión que se dirixa dende os órganos de dirección do B. N. G. non debe ser impedimento para que nós podamos explorar contactos con forzas políticas de nacións irmás que teñen posíbel homologación idelolóxica con nós. Fique eiquí iste apunte de futuro por se alguén o quere recoller.

Miñas irmás, meus irmaos.

Chega o momento do adeus dista miña alocución. Teño a fortuna de crer na ética, na honestidade, na solidariedade, no compañeirismo. Como moitos de vós sabedes, o meu proxecto perosal prevía a miña retirada na idade de 50 anos. Teño xa 53. Estou maior. Xa na anterior asemblea non era a miña intención repetir no cárrego de Secretario Nacional. Si accedín daquela foi porque vós, compañeiras e compañeiros, considerastes que era o millor para o noso partido. Quero, facervos sabedores de que, en particular, as mocidades do partido, co seu portavoz nacional ao frente, xunto con outros tres dirixentes (entre os que se atopaban dous ex portavoces nacionais membros da executiva nacional do partido) convidáronme a reunirme con iles para convencerme de que aceptara de novo o cárrego de Secretario Nacional de Esquerda Nacionalista. Nisa entrevista trasladeilles a miña intención de non facelo e argumentei, a maiores do antedito, que non era eu a persoa idónea para manter unha boa relación co Portavoz Nacional do B. N. G.. Como nisa primeira entrevista non accedín, houbo unha segunda, no mesmo lugar e co mesmo cenario. Ise apoio, o da mocidade, foi quizais determinante para que eu aceptara de novo ser Secretario Nacional. Sabedes quen encabezaba isa delegación e quen máis insistíu para que eu accedera? O ex compañeiro Xoán Báscuas. Sinceiramente, coido que hoxe xa sei porqué o facía. Se a política é isto, eu quero baixarme. Por certo, se alguén dubida do que vos relatei, pode preguntarlle si é certo a dous compañeiros que asistiron a isas dúas entrevistas e que hoxe están conosco nista sá. Alégrame vervos e felicítovos pola vosa honestidade, meus irmaos.

Despídomes pois como Secretario Nacional. Miñas irmás e meus irmaos, compañeiros da ialma, eiquí estou, en pe, erguido ante vós e comprometido con vós até o último alento. Estou eiquí porque me peta, como deixou dito he escrito o meu conveciño Celso Emilio Ferreiro a respeito do uso da súa lingua que tamén é a miña, e non choro nengún dos esforzos nen sacrificios que conlevou ser o voso Secretario Nacional. A vosa presenza e a vosa compañía compensa calquer dises esforzos, sacrificios ou sinsabores. En calquer caso, a miña capacidade de soportar traizóns e cobardías chegou ao seu límite. Fico ca vosa amizade e iso percúrame a felicidade de tervos coñecido e de compartir convosco iste magnífico proxecto político para poder algún día proclamar a independenza da nosa Patria.
.
Viva Esquerda Nacionalista!