Mostrando postagens com marcador ecoloxía. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador ecoloxía. Mostrar todas as postagens

terça-feira, 19 de fevereiro de 2008

Outro cambio é posíbel

O éxito evidente da manifestación de onte debería obrigar a reflexionar aos partidos do actual Goberno Galego sobre cal é a súa deriva no que respecta á política medioambiental, industrial, forestal e de ordenación do territorio que defenden para o país. A presenza na manifestación de numerosas bandeiras galegas (sen a estrela e con a estrela), xa non é a primeira ocasión, é algo, que non semella casual. Esta manifestación amosa que existe unha cidadanía de esquerda e nacionalista en Galiza que cre que outro cambio é posíbel (as presenzas de Camilo e Beiras son significativas) , sen que isto supoña estragar o territorio e acomodarse aos intereses dos poderes económicos. BNG e PSdeG-PSOE deberían tomar nota (e moito máis en plena campaña electoral).

Olla
AQUÍ UN VIDEO da mobilización.

domingo, 17 de fevereiro de 2008

Miles de galegos saen á rúa contra “a venda do país”

Máis de 10.000 segundo a organización, toman Compostela para esixir a fin da destrución do territorio e a 'venda do país' por parte dos políticos


Galería

Manifestación 'Galiza non se vende'

Santiago transformouse onte ­nunha nova marea cidadá que levou o berro de 'Galiza non se vende' por todas as rúas e condenou a clase política co 'PSOE, BNG e PP a mesma merda é', pola venda do país ás multinacionais e a inoperancia ante a destrución do territorio.

Nunha mañá solleira que mesturou a reivindicació n co humor retranqueiro á galega, máis de 7.000 persoas segundo a organización e 5.000 segundo a Policía, marcharon xuntas desde a Alameda ata a Praza da Quintana contra a barbarie ambiental e erixiron como bandeiras da crítica o Plan acuícola, a ordenación mineira co sangrante exemplo do Courel, os parques eólicos, a contaminación de ríos e rías e a planta de Reganosa. Non faltou ninguén: desde o ecoloxismo e as plataforma afectadas polo proxecto ameazante das piscifactorías, ata xentes da cultura pasando por políticos críticos co rumbo que está a tomar Galicia como o líder do Encontro Irmandiño Xosé Manuel Beiras e o membro do Consello Nacional do BNG Camilo Nogueira, que marcharon xuntos.

Ante o éxito da convocatoria, na que non faltaron a música e os disfraces como os das azafatas de 'Galicia D'or', un paraíso con 'autovías das Illas Atlánticas', Mónica García, unha das portavoces de Burla Negra na convocatoria masiva da Quintana, deixou claro que 'nos vemos obrigados de novo a mobilizarnos porque non nos queda outro remedio, porque ben pouco tardou este goberno en defraudarnos'.

Neste punto coincidiu a actriz Mabel Rivera, presidenta da Fundación Galicia Verde, que non daba abasto saudando a compañeiros de loita pero que tivo tempo para mandarlles un recado envelenado: 'que se vaian enterando de que lles quedan dous escanos e nada máis e paréceme a min que o van notar porque esta é a cidadanía responsable da que tanto falaban antes de meterse nos despachos como covardes e traidores'.

Moitas foron as demandas e as consignas, desde o clásico 'o rodaballo metédeo no carallo' e 'pesca de baixura e non de acuicultura' en alusión á avalancha de piscifactorías de peixes planos que ameazan a costa, 'Reganosa ilegal e perigosa' e 'Touriño pódela levar ó monte Gaiás', en alusión á regasificadora de Mugardos, 'o Ribeiro non é un basureiro', berro de guerra dos colectivos contrarios ó futuro parque ambiental de Carballeda de Avia, e numerosas lembranzas a prol da conservación do Courel.

Entre tantas reivindicació ns, destacaron pola masiva presenza de manifestantes as relativas ó Plan acuícola. Para Fins Eirexas, secretario executivo de Adega, 'é a urxencia máxima nestes momentos e a bandeira porque os colectivos cidadáns son maioría e evidencian o que nós vimos defendendo durante longo tempo: non imos dar marcha atrás e van ver como o caso das Encrobas se lles multiplica por toda Galicia e non lles vai saír electoralmente rendible', advertiu.

Un extenso manifesto lido a varias voces

Na Quintana, ateigada como nas grandes citas, procedeuse a ler un extenso manifesto que foi compartido polos portavoces das principais plataformas participantes, máis de 60, que viviu os seus puntos álxidos cando se proclamou: 'aquí estamos para defender Corrubedo, Quilmas, Corcubión, Merexo, Camelle, Arou, Seráns e Lobeira', zonas ameazadas polo proxecto de granxas acuícolas, 'porque as nosas costas son a mellor piscifactoría'.

Ante a escenificación dos 'falsos' Quintana, Feijóo e Touriño de desentenderse do país por uns billetes, o berro volveu ser unánime: 'Galiza non se vende'.

OS DATOS

Todos co Courel, Ribeiro e Ferrol

Entre as plataformas participantes, fixeron especial ruído a de SOS Courel, o Foro Temos dereito a saber, contra o parque ambiental de Carballeda de Avia e os contrarios a Reganosa, moi cantareiros.

Os 'falsos' Feijóo, Touriño e Quintana

Non faltaron os políticos, pero con careta. Así, Touriño, Quintana, Feijóo e Carmen Gallego adicáronse a inaugurar rúas como a de 'Doutor Tojeiro' en vez de 'Teixeiro' e a vender o país por un puñado de billetes.

Do 'Oh, Lord' ó 'Río Lor'

Para facer un descanso na lectura do longo manifesto, a actriz e cantante Pepa Yáñez entoou o Oh,Lord de Janis Joplin transformado no Río Lor, en alusión á conca do Courel ameazada polas canteiras.

terça-feira, 12 de fevereiro de 2008

GALIZA NON SE VENDE


Desde A Guarda a Ribadeo, desde O Courel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galiza.


Hoxe, máis que nunca, Galiza precisa de ti, da túa voz e da túa forza


Galiza no ano 2008.


Ata aquí chegamos:


O litoral galego está a sufrir un proceso especulativo de urbanización e privatización sen precedentes que destrúe a paisaxe e dana irreversiblemente os seus recursos pesqueiros e marisqueiros.


A artificialización da costa e a continua construción de recheos (que, as máis das veces, constitúen terreo de balde para empresas que nada teñen que ver co mar), únense a uns niveis de contaminación nunca ata agora rexistrados nas nosas rías e a un Plan de Portos Deportivos absurdo que pretende crear en Galiza máis amarres que os que ten todo o longo litoral oeste de Italia, multiplicando por catro os que existen en Francia por cada quilómetro de costa: Privatización do que é de todos para disfrute e negocio duns poucos.


A esa desfeita temos que unir un Plan Acuícola devastador que significa a destrución de centos de hectáreas das zonas mellor conservadas do noso litoral para a construción de múltiples e enormes piscifactorías, para proveito de dúas empresas transnacionais.


Os nosos ríos viven un proceso de degradación e sobre explotación hidroeléctrica que se suma ao abandono total do rural e dos montes: eucalipto e lume.


Estes últimos son ademais víctimas dun desaforado Plan Eólico que non ten en conta áreas de alto valor ecolóxico nin mesmo protexidas.


Por outra banda en Galiza temos dúas das centrais térmicas máis contaminantes de Europa e exportamos máis do 40% da enerxía eléctrica que aquí se produce.Todos estes Plans (piscifactorías, portos deportivos ou parques eólicos indiscriminados), non significan ningunha mellora para a cidadanía. Xeran un número ridículo de postos de traballo e a riqueza que producen vai parar só aos petos das grandes empresas, dos grandes capitais, sen repercutir practicamente nada no tecido económico e social do país. Pero si destrúen, degradan e usurpan o que é de todas e todos nós: o medio ambiente, os recursos naturais, a paisaxe e o territorio.


Outro Plan da Xunta, o da Minaría, é un triste modelo de espoliación do territorio. Significa, ademais, a destrución dun dos nosos tesouros naturais máis valiosos e máis queridos, un tesouro que chegara intacto ata nós: A Serra do Courel. Pero tamén a Terra Cha e moitas outras comarcas de Galiza sufrirán as súas consecuencias.Un rosario de industrias perigosas segue a espallarse polo país.


Reganosa, na Ría do Ferrol, é un exemplo paradigmático de temeridade, irresponsabilidade e desprezo pola cidadanía. Ence segue, ano tras ano, contaminando gravemente a Ría de Pontevedra. O proxecto de Parque de Residuos no Ribeiro sinala o rumbo polo que nos queren levar. E a lista podería seguir e seguir. Beneficios para uns poucos e inseguridade, lixo e destrución para tod@s.O modelo de transporte e de mobilidade que se está a perpetuar e fomentar é o do vehículo privado diante dun transporte público actualmente misérrimo. A construción de autovías e vías de alta capacidade (base e eixo vertebrador do mal chamado "Plan de Reequilibrio Territorial") supón un forte impacto no territorio e o uso do automóbil privado máis emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.


Quen vexa o ridículo mapa dos ferrocarrís de Galiza saberá do que estamos falando: Catro raias mal trazadas constitúen toda a nosa "rede ferroviaria". Lonxe de tentar remedialo, agora queren vendernos (como abelorios aos indios) o AVE como solución. Un negocio tamén destrutor do territorio, elitista, enerxeticamente insustentábel e que de ningún modo solucionará o problema da vertebración do país.


Por se todo isto fora pouco, os Concellos das nosas vilas e cidades andan a debuxar Plans Xerais de Ordenación que, lonxe de pretender mellorar a calidade de vida da cidadanía, consisten en ver quen constrúe máis.


Un alarde de urbanismo salvaxe que na maioría dos casos pretende duplicar, senón máis, o número de habitantes nun prazo de dez ou quince anos. Pouco ou nada se fala neses planos de servizos, transporte público, carril bici, depuradoras... Construír e destruír a contorna rural é o lema, atendendo a non se sabe que absurda previsión de crecemento demográfico.


Coa coartada da ampliación da Rede Natura 2000 baleirouse de contido todo o sistema anterior de espazos protexidos. Así, e só na provincia de Pontevedra, máis de 20.000 hectáreas de solo perderon toda a protección anterior. O patrimonio histórico, os nosos petroglifos, mámoas e monumentos líticos son presa da destrución máis feroz.


A legalidade urbanística e medioambiental é sistematica e impunemente vulnerada coa complicidade das distintas administracións, cando non pola súa propia actuación e iniciativa. O país reborda de obras, actuacións e proxectos ilegais protexidos e bendicidos polos nosos gobernantes. As sentencias firmes de derrubo, mesmo as do Tribunal Supremo, nunca son executadas, aumentando a sensación de impunidade de uns e a de burla e desprezo á cidadanía.
E que dicir da clase política: Silenciosos, cómplices e coautores da catástrofe. Uns e outros, todos eles, préganse como nunca á avaricia dos grandes intereses económicos que subvencionan aos seus partidos e subornan as ideas que din representar.


Por iso, coa voz dos seus amos, pretenden enganarnos con palabras como progreso, desenrolo, crecemento... engadindo sempre, como unha xaculatoria hipócrita, a palabra “sostible”. En realidade o crecemento é só para aqueles que lles pagan.


Os recursos de Galiza (e os do planeta) son limitados, e esta carreira de depredación e espolio é un camiño que non leva a ningures. Ou que leva só a hipotecar o futuro dos nosos fillos e á miseria das próximas xeracións.Hoxe, máis que nunca, Galiza precisa de ti, da túa voz e da túa forzaXuntos e firmes estaremos o 17 de febreiro en Compostela para defender a nosa paisaxe, a nosa natureza, a nosa identidade e a nosa forma de vida. Xuntos e firmes, baixo o sol ou baixo a chuvia, será un domingo radiante de esperanza para a terra dos nosos pais e dos nosos fillos, para a vida futura e, por que non dicilo tamén, para o noso ameazado planeta.


O 17 DE FEBREIRO ESTAREMOS EN COMPOSTELA
GALIZA NON SE VENDE
http://galizanonsevende.org/

segunda-feira, 11 de fevereiro de 2008

Transxénicos: fóra da Galiza!

MANOEL SANTOS

Adega acaba de denunciar que o Ministerio de Medio Ambiente (MAN) pretende autorizar ensaios con millo transxénico á transnacional biopirata Monsanto. A empresa quere avaliar o risco de liberación ao ambiente de dúas variedades de millo artificial -MON 810 e NK603- e sobre todo ver como se comportan para a súa explotación comercial. Entre as zonas escolleitas para os ensaios están Lalín, Val do Dubra, Touro e Castro de Rei, segundo o MAN. Se o discurso de sustentabilidade da Consellería de Medio Ambiente é real non parece que esta decisión sexa permisíbel. Se o de Medio Rural, que fala de agroecoloxía e tamén de sustentabilidade, é críbel, estamos na mesma. E se en Galiza temos un chisco de amor polo país non parece lóxico que nos deixemos asoballar polas decisións do 'Gobierno de España' -único membro da UE que cultiva transxénicos a grande escala- e a economía globalizada. Monsanto é a compañía líder no cultivo de Organismos Modificados Xeneticamente (OMX), cuxo desenvolvemento pouco ten que ver coa ciencia de vangarda e a 'solución da fame no mundo' e moito coa imposición de sementes de plástico e os seus agroquímicos compatíbeis, de xeito que o campesiñado perde a súa soberanía alimentaria, pois ten que abandonar os seus cultivos tradicionais e remata dependendo das decisións dunha empresa. Monsanto practica o feudalismo alimentario ao controlar o 90% da produción mundial de OMX. Por iso é odiada polo campesiñado do sur global. En España sobre os OMX fálase pouco e faise moito. Sempre ás escuras. Existen sobrados argumentos para rexeitar esta atrocidade, tantos como variedades vexetais autóctonas temos, que son as que debemos potenciar e recuperar. Os OMX teñen moitos impactos crueis sobre o ambiente, afectan á biodiversidade por contaminación doutras especies, polo emprego salvaxe de herbicidas e pesticidas, por invasión de territorios? e o risco para a saúde das persoas asexa con cada planta en terra. Estes riscos -ambientais e da saúde humana- son os que Monsanto quere avaliar en Galiza, mais a súa solicitude ao MAN non di ren das ameazas socieconómicas, as máis arrepiantes, pois falan de avanzar no control transnacional da produción alimentaria, con patentes e contratos vitalicios cos labregos e labregas que os afunden na miseria dun mercado depredador.