quinta-feira, 3 de março de 2011
sexta-feira, 27 de novembro de 2009
quinta-feira, 8 de outubro de 2009
O idoma galego, primeira lingua sen estado no Twitter

A pesares dos seus case tres millóns de falantes, o galego posicionase nas redes sociais… Segundo nos informa Opaco, hai uns días a Web Ecology Project publicaba na rede os resultados da pesquisa que fixeran para saber cales son as línguas máis faladas no twitter. E o máis chamativo, tal e como aparece na gráfica, é que o galego aparece no posto 22 de entre as máis utilizadas en twitter e a única das que aparece que non é lingua oficial de estado ningún. Neste ranquing, que xurde de analisar un millón de tweets usando o sistema de detección de idiomas do Google a través dun módulo python, resultou que a língua máis utilizada é o inglés, que chega case ao 63%, seguida do portugués, cun 9,5% dos tweets.
domingo, 28 de dezembro de 2008
quarta-feira, 23 de julho de 2008
Manifesto a prol da convivencia lingüística
sábado, 12 de julho de 2008
Manifesto da Federación de Asociacións de Escritores “Galeusca”

1. A realidade plurilingüe que conforma e dá existencia ao estado español, lonxe de ser entendida como unha “asimetría” ou deficiencia per se, está a reproducir de xeito transparente unha diversidade lingüística e cultural común á maioría dos estados que conforman a Europa plurilingüe.
2. O galego, o éuscaro e o catalán non son “inventos” recentes senón linguas que foron normais nos seus territorios e sociedades respectivas durante centos de anos. A súa desnormalización, a súa perda de usos públicos, non se produciu de forma “natural”, senón, mesmamente, por invasión da lingua que se decretou como oficial do estado, sen consulta nin acordo previo.
3. O artigo 3 da Constitución española garante a presenza desa lingua común para todos os habitantes do estado, mediante a esixencia a toda a cidadanía do deber de coñecer o castelán. Toda a cidadanía de Galicia, Euskadi e os Países Cataláns asume na práctica esa esixencia, pois non hai persoa que non teña unha boa competencia en castelán, ora a teñan como primeira lingua, ora como segunda. Porén, respecto do galego, do éuscaro e do catalán a lexislación non prevé a obriga de seren coñecidos nos seus respectivos territorios, o que establece unha asimetría nos dereitos lingüísticos da cidadanía que quere exercer o dereito, que lles é recoñecido, a usalos.
4. O galego, éuscaro e catalán tamén son linguas oficiais nos seus territorios, que é o mesmo que dicir que son as linguas propias de aproximadamente o 40% da poboación do estado español. Estes códigos lingüísticos diferentes do castelán, lexítimos e nos que se recoñece o percorrido e expresividade dun pobo e dunha cultura, son instrumentos de comunicación igualmente “democrática”, ferramentas de relación interpersoal útiles e necesarias para a sociedade que as sustenta.
5. O dereito ao uso público, en todas as instancias, da lingua propia está recoñecido en todas as lexislacións democráticas do mundo. No ámbito europeo cómpre lembrar a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (aprobada e ratificada polo Estado español) ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, aprobada coa unanimidade do Congreso dos Deputados.
6. A visión anuladora que da enriquecedora realidade plurilingüe española se transmite desde o “Manifiesto” leva a pensar na similitude coas teses da etapa franquista: un Estado, unha lingua, e, consecuentemente, a reforzar as formulacións diferenciadoras entre cidadáns de primeira e de segunda por razón de lingua. A competencia plurilingüe, tamén para os cidadáns españois nados en comunidades autónomas cunha única lingua oficial, sempre será unha chave que abra o mundo, que abra as fronteiras do respecto polo outro desde a interpretación dunha relación de equidade entre os seres humanos, independentemente do seu lugar de nacemento, de residencia e de lingua propia. Además, o “Manifiesto” parte dunha premisa que non se corresponde coa realidade, pois en ningún caso o castelán corre perigo ningún en todo o territorio do Estado.
7. A aprendizaxe de linguas, ademais da propia, sempre debe ser entendido en positivo e como sinónimo de enriquecemento do individuo, pois coa aprendizaxe plurilingüe estimúlase a expresividade e cognición das persoas. No caso de Galiza, Euskadi e os Países Cataláns é imprescindíbel que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística.
8. Para garantir esa utilización libre das linguas precísanse medidas emanadas dunha política lingüística adecuada. É dicir, para garantir os dereitos constitucionais que temos tamén os falantes de catalán, éuscaro e galego precísanse políticas lingüísticas que creen as condicións para exercelos, tal e como ditou o Tribunal Constitucional na sentenza 337/1994 cando “avalaba un trato desigual, que non discriminatorio, para as dúas linguas oficiais en función do carácter propio dunha delas que fai preciso unha acción normalizadora que debe, necesariamente, implicar accións de apoio singularizado”.
9. As políticas lingüísticas aplicadas ao ámbito educativo nas chamadas comunidades bilingües teñen como obxectivo conseguiren que o alumnado acade unha boa competencia nas dúas linguas oficiais, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar. Para acadar ese obxectivo, é preciso desenvolver planificacións lingüísticas que garantan a consecución dese obxectivo e que pasan, necesariamente, pola utilización vehicular maioritaria da lingua máis desfavorecida socialmente. E isto, en vez de ir contra a liberdade lingüística, é, precisamente, unha actuación imprescindible para garantir esa liberdade lingüística.
10. As escritoras e os escritores galegos, vascos e cataláns PROCLAMAMOS a nosa vontade de seguirmos a escribir nas nosas linguas e a contribuírmos ao proceso, inacabado, de normalización das nosas linguas, como dereito humano, democrático, pacífico ao que non imos renunciar. Repudiamos enerxicamente todos os intentos de EXCLUSIÓN que colegas escritores españois realizan das nosas linguas e lamentamos que, no canto de se preocuparen pola saúde do español en Puerto Rico, Costa Rica ou os Estados Unidos, se dediquen a combateren o máis próximo e asimetricamente discriminado.
Xullo de 2008
___________________________________________________________________________________
Aquelas entidades, colectivos ou persoas que concorden co contido deste manifesto poden mostrar a súa adhesión no seguinte enderezo electrónico: oficina@aelg.org
domingo, 29 de junho de 2008
O común

Os 20 oprimidos

Por Suso de Toro
É coñecido o drama que vive a lingua inglesa no mundo, acosada e desprezada, perseguida descaradamente polos nacionalistas de aquí ou alí, os seus falantes atopan dificultades doquiera van. Non menos dramática é a situación da lingua castelá, a nosa, a común. Unha lingua que se estendeu polo mundo sen imposición e con benevolencia, grazas a que galegos, cataláns, vascuences e aboríxenes americanos desexaban con vehemencia coñecela, falala e aínda escribila, abandonando os seus torpes e infantís chapurreos pero que hoxe, ai!, vive horas amargas. É certo que os nosos avós falaban a lingua galega, pero facíano sen mala fe, era por ignorancia da lingua común, a verdadeira. Nós hoxe, grazas sexan dadas, falamos e escribimos correctamente o castelán e os nosos fillos xa saben conxugar o pretérito perfecto, "dixen", cando para nós, antes, o perfecto era indefinido, "dixen". Desde a secular ignorancia galega non deixamos de progresar, falaremos ao fin como en Chamberí, "el Madrí ha ganao" (repitan). Aínda que, por culpa da ditosa Constitución que recoñece ás nacionalidades históricas e as súas linguas, e da autonomía aínda vixente, os nosos fillos son obrigados a estudar a lingua autonómica, que non é a común. Menos mal que non é obrigatorio coñecela, a diferenza da verdadeira. (Generalísimo, volve. Estamos orfos, a mercé deses nacionalistas. Antes había un só nacionalismo, o común, e chegábanos!) Pero se na terriña vivimos cuitas que non vivirán as persoas máis sensibles, os mellores, eses intelectuais que padecen no seu Madrid as insidias dos insidiosos nacionalistas. Son intelectuais que teñen a pel máis sensible, as antenas máis alerta e por iso sofren máis e detectan antes as asechanzas á lingua común, a de toda a súa vida. Vinte deles, sen dúbida a vangarda, rebeláronse contra tanto descaro e levantaron a bandeira da verdadeira España, a de sempre. "Non máis ultraxes á lingua común!, Xa abonda!", clamaron e exclamado (ou é "clamaron" e "exclamaron"? Malditos antepasados nosos que tardaron tanto en pasarse á lingua común, transmitíronnos as súas dúbidas e incertezas indefinidas). E é que viven hostigados. Parece ser que cando se achegan a un quiosco de prensa no barrio de Salamanca só achan prensa escrita en linguas que non son a común. Alí están xornais deportivos escritos en catalán, condenados polacos!, diarios xeneralistas escritos en balbuceos vascongados e revistas do corazón no torpe gruñir dos galegos, esa fala de pastorcillos apta para falar aos animais. Cando acenden os seus televisores emerxen linguas non comúns, resúltalles imposible ouvir a un presentador do telexornal ou a un anunciante na lingua común, a boa, a nosa, a verdadeira, a de alí. Están invadidos e acosados. Mesmo a información deportiva está pervertida polos nacionalistas non comúns, aí están as seleccións vascas, catalás, galegas, coas súas bandeiras e as súas exclamacións autonómicas. Que dicir das películas, se até as americanas tradúcenas todas ao galego! Contan que na mesma Praza de Colón, insignia da Hispanidade!, levantaron un gran mastro coas bandeiras das nacionalidades. Todo Madrid está invadido de ideoloxía autonómica e non hai taxista que non che fale vasco nin camareiro que non che conteste en catalán cando un lle inquiere en correcto castelán. Se falas a lingua verdadeira míranche mal e exposche a un desgusto, tal é o encanallamiento ao que se chegou no odio á nosa lingua común. Que non sufran en balde! Pois se sacrifican por nós para que non recaiamos nos vicios dos nosos avós. eles, por non ser cataláns, vascos nin galegos ou por selo pero terse curado os seus antepasados a tempo, non herdaron as nosas máculas, están limpos. Son os comúns, un exemplo a imitar. Escoitemos a súa voz e admiremos o seu xesto gallardo. Alí están no seu Madrid rodeados por autonómicos varios, defendendo a lingua común, hoxe en perigo no mundo como confirman todas as estatísticas. Heroes solitarios necesitan apoio! Asinemos e que saían os nosos vástagos con petos á rúa para recadar fondos solidarios (A culpa é de Zapatero, sábeo ben Rosa Díez).
segunda-feira, 23 de junho de 2008
quinta-feira, 29 de maio de 2008
Idioma.

Carlos Penela (Vigo, 1975) publica na colección Arte de Trobar (Pen Clube) o libro de versos Sombras, rosas, sombras no que figura o seguinte poema:"Este idioma é unha gándara, este idioma/ son fiañas dun frío antigo, dun frío anterior/ a todo frío./ Este idioma é Bizancio, asolagado/ en ornatos, aves de paso que atravesan os lumes,/ auga que debroca co estupor do desespero./ Este idioma é unha casa irta como sombra,/ os nomes do real, un anxo perdendo o seu rombo;/ iso é este idioma, a teaxe tremente dun sol branco,/ dun sol de inverno, versos derrubados na elexía oitava/ de Rilke ao fin das liñas que falan dun acabamento novo,/ dun tempo novo; este idioma, este idioma é iso/ un tempo novo como gares inmensas, abandonadas,/ a contorna estraña de tastos varados en sal dura./ Este idioma é unha claustra para todo alento,/ as mans feridas que xa non se ofrecerán".
sábado, 9 de fevereiro de 2008
Galego en Andalucía

