quarta-feira, 23 de março de 2011

A esquerda e a intervención militar en Libia



Por Vicenç Fisas
Director da l'Escola de Cultura de Pau, Universitat Autònoma de Barcelona
.
Como é ben sabido, á esquerda tradicional non lle gustan as intervencións militares nin, en xeral, as actividades militares. Creo que é unha herdanza do nefasto militarismo que vivimos no noso país durante o franquismo, que provocou un total distanciamento cara a calquera actividade militar. Esa actitude tradúcese nun rexeitamento frontal cara aos gastos militares, as exportacións de armas, as paradas militares, as políticas de defensa nacional, e loxicamente, as intervencións no exterior.
.
Desde a miña opinión, con todo, existe unha actitude non discriminatoria que conduce a contradicións de fondo, pois deste xeito non se dá resposta a que facer coas poboacións que están en perigo e se escurre o vulto en momentos en que hai que activar o "dereito a protexer". Comparto con esa esquerda o rexeitamento ás patoloxías do militar, é dicir, todo o que teña que ver co militarismo. Iso exprésase, por exemplo, nunha crítica clara cara aos gastos militares excesivos e non xustificados, cara á política de fomento do comercio de armas cara a países que violan os dereitos humanos ou que están en crises, cara á glorificación do armamento, o fomento da investigación militar fronte aos recortes na investigación non militar, ou o empeño en introducir a cultura da defensa militar no ámbito escolar. Todo iso paréceme rexeitábel, pois son manifestacións do militarismo.
.
Con todo, podo defender que existan unhas forzas armadas reducidas e adestradas especialmente para actuar en operacións de mantemento da paz, en coordinación con Nacións Unidas. Isto vale para accións como as de Libia. Certo é que desde parte da esquerda e do movemento pola paz existe un debate clásico sobre se sería conveniente a desaparición dos exércitos nacionais a cambio dunhas forzas militares de Nacións Unidas suficientemente dotadas para estas emerxencias. Pero isto vai para moi longo, e de momento hai que convivir cunha realidade menos idealista.
.
Creo que desde a pésima intervención en Somalia, a inacción en Ruanda e o atraso en Bosnia, aprendemos bastante neste período de transición en canto a accións militares que teñen un compoñente de apoio humanitario. Polo menos existe un debate de fondo para diferenciar o que é estritamente humanitario do militar. En Libia, por exemplo, non é a distribución de axuda humanitaria o que é causa de controversia, senón unha acción propiamente militar destinada a frear o avance das tropas de Muamar el Gadafi e reducir a súa capacidade de ataque aéreo. O paradoxal é que non poderiamos proporcionar seguridade (e apoio humanitario) á poboación de Bengasi, para pór un exemplo, sen antes reducir a capacidade militar de Gadafi, e iso non se consegue con inacción, nin con medios diplomáticos, nin con forzas non violentas de interposición, polo menos tal como están as cousas. Guste ou non, hai que empregar unha forza que só poden ofrecer as forzas militares. E como vello obxetor de conciencia que son asumo as contradicións de expor saídas realistas.
.
O que no entanto se pode esixir, e fágoo sen reservas, é que esta intervención non se converta, como outras veces, nun circo mediático de glorificación dos sistemas de armas que se vaian a utilizar, nin como lanzadeira para promocionar as exportacións de armas nun mundo demasiado rearmado, nin como loa da cultura da violencia. Aí están os riscos da intervención, e sobre os devanditos riscos a esquerda debería ser sensíbel, vixiante e esixente, para que un acto desgrazadamente necesario de carácter militar non se converta nun reforzo do militarismo existente. Non todas as intervencións militares son defendíbeis, pero algunhas teñen razón de ser. E agora o que toca é apoiar a todas as revoltas populares dos países árabes, con medios políticos, sociais e económicos, e se algunha destas revoltas é afogada polas armas dun tirano, é mester darlle resposta con outros medios, para frear a arremetida e crear unha situación onde logo sexan os medios políticos os que discorran. É a doutrina do mal menor o que xustifico, a condición de que non sexa convertido en expoñente de todas as virtudes, porque a guerra, sempre, é o contrario da virtude. Non se esqueza.
.
Pero tampouco podemos deixar de ver que Gadafi xa viña realizando unha guerra contra os seus propios cidadáns, e iso hai que detelo como sexa e con rapidez, aínda que nos poida crear contradicións e malestar interno.

Nenhum comentário: