quarta-feira, 6 de agosto de 2008

RELATORIO DA HISTORIA DE ESQUERDA NACIONALISTA (E.N.)

AS ORIXES DE ESQUERDA NACIONALISTA

Esquerda Nacionalista (E.N.) é o único partido político dos que integran a fronte suprapartidaria Bloque Nacionalista Galego (B.N.G.) que ten a súa orixe no propio seo desta organización política. Este feito de singular relevancia require por tanto que lembremos como se xerou o nacemento do Bloque para mellor entendermos a nosa propia xénese.

O BNG xurde no ano de 1982 impulsado pola Unión do Povo Galego (U.P.G.) que por entón estaba a atravesar unha grande crise interna. A debilidade naquela altura desa organización pode atribuírse á enorme fuga de militantes que sufría por causas diversas.

O caso era que a UPG a partir de 1978 comezara un proceso de subdivisión que arrastraba consigo á A.N.-P.G. (Asemblea Nacional-Popular Galega), primitivo organismo suprapartidario que a UPG promovera alá polo ano 1975; esta plataforma ficara convertida en mero apéndice da Unión do Povo Galego, tendo perdido o seu papel de organización nacionalista de masas que defendía obxectivos políticos interclasistas na procura do autogoberno da nación galega. Nesa situación a AN-PG foi incapaz de percibir cal era o novo escenario político en xogo e actuar en consecuencia.

Daquela moitos dos ex-militantes da UPG, e moitos dos da AN-PG sen adscrición partidaria pero interesados en intervir en política, iniciaron unha serie de reunións co obxecto de reflexionar sobre o seu futuro político. Paralelamente, e perante a fraqueza da súa organización, supoñemos que para evitar que se chegase a articular un novo movemento nacionalista que os marxinase, dirixentes da UPG entraron en contacto con estas persoas, en especial coas que foran cadros medios ou dirixentes dentro da AN-PG e aos que consideraban con ascendencia sobre grupos de afiliados independentes nela. A finalidade era a formación dunha nova fronte política que superase as eivas que até entón se viñan producindo. Neses contactos acordáronse dous principios metodolóxicos que ían presidir o proceso de formación do Bloque Nacionalista Galego: un deles, que a fronte se impulsaría en pé de igualdade por parte dos grupos interesados na súa creación; o outro, que o proceso se faría dun xeito aberto, quer dicir, sen exclusións, nin expulsións, nin manexos ou control de calquera tipo.

Nun principio esas condicións címprense e semella que a nova organización frontista vai alcanzar a unidade de acción do nacionalismo político. Autodisólvese a AN-PG e inclúese na comisión xestora do xa BNG a vellos inimigos da UPG (como Xosé Luís Méndez Ferrín) ou a organizacións que aquela repelía (como as anarquistas) ou ao vello Partido Socialista Galego (P.S.G.), co cal xa tiña chegado a constituír a Mesa de Forzas Políticas Galegas (1980) e a confluír electoralmente na coalición Bloque-PSG (1981), mesmo a cualificados dirixentes de Esquerda Galega (E.G.), se ben este último partido decide finalmente non referendar o acto fundacional de constitución do Bloque e declina por tanto a súa participación na fronte.

En 1982, celebrada a súa asemblea constituínte, ao remate do proceso o BNG fica integrado pola Unión do Povo Galego, o Colectivo Socialista e un número importante de persoas sen adscrición partidaria.

Moitas das persoas que se viñan reunindo antes do nacemento do BNG, a partir da sua creación continuaron coordinadas para tratar temas concretos: confección de listas nos procesos electorais, achegas na confección dos relatorios das distintas asembleas, ou dando un debate coordinado en temas de especial transcendencia. A unión dos independentes era máis de formas que de principios, máis formal que ideolóxica. Non posuía unha liña política coherente senón aquela que o BNG adoptara en cada momento político. O único común a este colectivo era garantir a pluralidade da fronte e lograr que todas as cuestións de importancia fosen negociadas e pactadas. En resumo, evitar que se dese unha práctica política hexemónica de maneira unipartidista pola UPG.

En Novembro de 1988 crease a Coordinadora de Colectivos de Independentes coa finalidade de se converter en forza equilibradora de poderes, enriquecer o debate interno, servir de elemento dinamizador do sector dos independentes, servir de ponte coa xente do entorno do BNG e chegar a sectores sociais onde o BNG, como organización política, podía ter dificultades para introducirse. A Coordinadora acada representación como tal nos distintos órganos de dirección do BNG de acordo cos seus estatutos.

Non cabe dúbida que o relacionamento entre os independentes do BNG foi creando estilos de traballo e ópticas máis comúns entre eles mais iso non significou que houbese uns mesmos proxectos políticos definidos. Así pois, Esquerda Nacionalista nace destes independentes cunha idea clara de organizarse para defendérense mais sen un corpo ideolóxico-político común. Incluso algúns integran-se nela máis pola súa relación e confianza en Xosé Manuel Beiras que por estaren convencidos da necesidade da creación dun partido. Deste xeito, EN nun comezo non é máis que un grupo de persoas que se unifican ante a necesidade de non seren diluídas na individualidade e en consecuencia lograr unha presenza política relevante.

Poren, no proceso de desenvolvemento de Esquerda Nacionalista fóronse integrando grupos de mozos e mozas que se forxaron politicamente no partido e daí que xa a súa historia sexa outra ao se crearen na propia EN.

Coñecidas as orixes de EN, desde dentro do BNG, compre subliñar algúns feitos que promoven a saída de EN ao escenario político. Un destes feitos son os conflitos internos que xurden na formación frentista cando ten de adaptar a súa liña política á nova situación tanto no Estado español como na Nación galega.

A maioría das organizacións políticas do Estado dan por finalizada a transición política e aceptan os marcos estatal e autonómico vixente. Dous episodios van ser determinantes para virar a esta situación: o fallado golpe de Estado de 23-F (23 de Febreiro de 81), que lexitimou o papel da Monarquía española e a categórica vitoria do Partido Socialista Obrero Español (P.S.O.E.) nas eleccións xerais de 28 de Outubro de 82.

De outra parte, as primeiras eleccións autonómicas de 20 de Outubro de 81 evidencian que Alianza Popular (A.P.) é o partido que obtén na Galiza o maior número de parlamentares. Concretamente os datos foron: AP, 26; UCD, 24; PSOE, 16; PCG, 1 para as forzas de obediencia estatal; no entanto, as forzas nacionalistas obtiveron: BNPG-PSG, 3; EG, 1. O que levou a revelar a febleza das forzas políticas xeradas no propio ámbito galego. Logo o poder político nunha das nacionalidades históricas vai estar nas mans de organizacións de rancio feitío "españolista".

O intervalo que decorre de 1981 a 1987 é unha etapa moi dura para o nacionalismo político galego. Os tres únicos parlamentares integrados no BNG son expulsados do Parlamento Galego por se negaren a xurar ou prometer a Constitución Española. Os problemas afloran no seo do Bloque entre os partidarios de aceptar os marcos estatal e autonómico para desenvolver a política da fronte nacionalista e os que se resisten a aceptar a nova realidade e dan por continuar con políticas de signo rupturista na non aceptación do sistema político existente.

O colectivo de membros independentes do BNG a que nos estamos a referir, agrupouse á roda dos defensores da tese de que o BNG, sen abandonar o seu norte ideolóxico, había elaborar unha nova táctica de desenvolvemento dunha política con contido propio (que se veu chamar "proxecto común"), que non debía ser o sumando das diferentes opcións partidarias integrantes da fronte e que aceptase o marco autonómico para desenvolver os seus programas transformadores da sociedade galega.

Por outro lado, problemas no funcionamento interno do BNG, debidos á deficiente práctica democrática nalgunhas comarcas e localidades, caso da Mariña luguesa, Muros-Noia, Lugo, etc. contribuíron para agrupar independentes que tratan de favorecer na organización un maior grao de práctica democrática. Tamén a crise que se viviu por mor da ruptura da Central sindical nacionalista axudou a decantar os partidarios de defender a autonomía dos movementos sindicais e sociais a respecto das organizacións políticas.

En resumo, a tese de conxugación do nacionalismo cos valores tradicionais da esquerda democrática e a forma de afrontar a cuestión nacional galegas son os trazos singulares que caracterizan a esencia de Esquerda Nacionalista.

PERÍODO CONSTITUÍNTE (abril 92-marzo 94):
de Santiago a Monforte.

O 4 de abril de 1992 celébrase a Asemblea Constituínte de ESQUERDA NACIONALISTA no salón de actos do Instituto Xelmírez I de Santiago de Compostela. As preto de duascentas persoas que alí se reúnen en autoconvocatoria, logo de intensos e frutíferos debates, acordan crear un colectivo de esquerdas que, sen perderse en ideoloxismos, propón un modelo de desenvolvemento endoxéno e autocentrado nunha economía mixta adaptada ás especialidades produtivas actuais do noso país. Tamén se definirá un modelo de organización territorial respectuoso co medio ambiente, a cultura autóctona e coa pluralidade morfolóxica de Galiza, asumindo un concepto non organicista de nación e optando pola fórmula de República independente no marco solidario europeo. Asemade, o devandito modelo aposta decididamente polos dereitos individuais e pola democracia participativa e pluralista, recollendo a tradición nacionalista do reintegracionismo lingüístico galego-portugués. Por outra banda, no plano organizativo óptase por unha estrutura asemblearia, participativa e garantista (referendo militante, direccións colexiadas, mandato imperativo, dereito a toda a información, etc.), establecendo unha Mesa Nacional como órgano máximo de dirección e unha Xunta de Portavoces para executar os acordos da mesma, que dous anos máis tarde se transformará en Comisión Executiva elixíndose un Secretario Xeral e, catro anos despois, un Presidente.

A procedencia desta militancia inicial é maiormente de independentes do BNG, aínda que tamén hai militantes que estiveron no PSG e na UPG. Hai unha importante achega de cadros sindicais, de traballadores/as da cultura, de profesións liberais e de xuventude, sendo o 70 % asalariados. Neste primeiro momento E.N. terá presenza nas comarcas de Baixo Miño, Bergantiños, O Carballiño, A Coruña, Lugo, A Mariña, Monforte, Noia, Pontevedra, Ourense, O Salnés, Santiago e Vigo; e desde o comezo aparecerán os conflitos no seo do BNG, non só pola natural competencia de poder, senón pola deficiente práctica democrática e frontista de sectores do BNG que non aceptaban a disputa da súa hexemonía.

As actividades que centraron os primeiros anos da organización foron a promoción pública de E.N., a realización de actos públicos de presentación e o proxecto da revista ENCLAVE. Os temas de debate foron a unidade do nacionalismo (UG,FPG), o deterioro da situación no Parlamento Galego (expulsión do Portavoz do BNG), os recortes laborais e a consecuente Folga Xeral de Xaneiro do 93, a representatividade dentro do Bloque e múltiples conflitos locais, as eleccións Xerais de 1993, e a preparación da Asemblea de Monforte, na que agromará a tensión entre a militancia que quere facer de E.N. un partido e a que non se decide.

A XESTACIÓN DO PARTIDO (marzo 94-outubro 95):
de Monforte a Carballiño.

O 12 de Marzo de 1994 celébrase en Monforte a I Asemblea Nacional ratificando os Principios Ideolóxico-Políticos e as Bases Organizativas aprobadas dous anos antes cuns mínimos retoques. Nesta asemblea agromará a tensión entre a militancia que quere impulsar a E.N. e transformala nun partido e a que non se decide por evitar susceptibilidades no BNG, resolvéndose o debate a favor dos segundos. O obxectivo fundamental do E.N. a partir de entón será desenvolver grupos de traballo sectoriais e comisións técnicas que permitan ir adiantando un bo Programa de Goberno para o BNG, e a necesidade de expandir a organización por todo o país.

Neste período os debates de E.N. seguen os ritmos do BNG, desde os conflitos na fronte (Chantada, Baixo Miño, Noia, etc.) ao traballo nas eleccións Europeas-94 e Municipais-95, nunha liña de asunción do Proxecto Común do BNG e a consecuente aposta de acadar cotas de goberno nas distintas institucións políticas. As propostas e reflexións de E.N. cristalizarán nun documento político aprobado na Mesa Nacional do 11 de novembro de 1994 celebrada en Vigo.

Neste documento analizamos a situación política estatal coa crise do PSOE, o crecemento do PP, as expectativas de IU e as políticas pactistas de PNV e CIU. Na Galiza valoramos a control case absoluto do PP sobre a sociedade, a división do PSOE e a incógnita de IU-g. Ante este panorama temos que definir alianzas tácticas para o BNG, sen perder a liña estratéxica formulada no "Proxecto Común". No plano organizativo apostamos pola legalización do BNG e barallamos dúas opcións: como partido ou como federación de partidos, apostando por unha fórmula que recolla unha organización frontista e opoñéndonos claramente á primeira opción. No mesmo plano expresamos a necesidade de que o BNG se dote dos instrumentos necesarios para superar o desorde financeiro. No referido ao papel de ESQUERDA NACIONALISTA no BNG acordamos participar activamente na expansión do BNG e, singularmente nas vindeiras eleccións Municipais cunha clara apertura á sociedade. E no ámbito interno de E.N. preténdese mellorar a cohesión nacional, a coordinación cos cargos de E.N. no BNG e a fluidez de información, aínda que o debate máis importante será a disxuntiva de converterse ou non en partido político.

Nesta altura será constante a preocupación pola descoordinación entre membros de E.N. na dirección do BNG e o noso colectivo. A nivel interno aparecen problemas fortes ao non dar superado enfrontamentos locais pola vía do diálogo e prodúcense as primeiras expulsións en Noia e O Carballiño. Formalizaremos novas comarcas en Ferrolterra e no Barbanza. A organización xuvenil EN-mocidade, ao mesmo tempo que experimenta un proceso de crecemento enfrontará a tensión dentro de Galiza Nova, que repercutirá no Consello da Xuventude e na Universidade.

Tamén nesta etapa se elaborará a Carta Financeira de E.N. (outubro 95) e outros documentos referidos a política cultural, educación, antimilitarismo, medios de comunicación, política xuvenil, etc. e unha comisión ad hoc que irá sentando as bases da proposta de E.N. sobre a nova estrutura organizativa do BNG.

EXPANSIÓN E CONSOLIDACIÓN (outubro 95-marzo 99):
do Carballiño a Vigo.

O 28 de outubro de 1995 celébrase no Carballiño a II Asemblea Nacional, na que ESQUERDA NACIONALISTA convértese, tras un longo debate, en partido político "co ánimo de que o noso traballo puidera frutificar máis que nunca dentro do Bloque Nacionalista Galego".

No debate político E.N. apostabamos por mobilizar todos os seus recursos para elaborar o Programa de Goberno do BNG e definir a política de alianzas do Bloque. No plano electoral procurabamos á apertura a persoas concretas que sintonizando con nós, non participaban activamente no traballo político pola falla de interlocutores axeitados.

A nosa vocación de impulsar o BNG vese na proposta de Estatutos para o BNG nos que, partindo dos principios vixentes, desenvolviamos un entramado de normas que garantiran o funcionamento democrático e pluralista da fronte e a fagan máis eficaz. Daquela parecíanos que a fórmula máis acaída para o BNG era a federación de partidos, propúñamos a elección dun presidente nacional no BNG e unha coordinadora de colectivos, un consello intercomarcal mentres persista a organización provincial, resaltabamos as incompativilidades de cargos representativos en aras dunha maior operatividade e incluíndo a limitación de mandatos e propúñamos un regulamento para a comisión de garantías.

Neste período prodúcense feitos importantes que compre lembrar: o BNG estrutura os órganos de dirección da fronte conforme ao acordado na Asemblea de Ferrol, onde as achegas de E.N. serán fundamentais. Concorrinmos ás eleccións xerais do 3 de marzo acadando 2 deputados no Congreso do Estado; o PSOE perde o goberno e entra o PP cunha maioría tan exigua que precisa pactar cos seus "inimigos" nacionalistas de CiU e PNV para garantir a gobernabilidade de xeito estábel. Esto determinará unha forte influencia destes partidos nacionalistas na política estatal, o que influirá positivamente na consideración do nacionalismo galego nas vindeiras eleccións autonómicas.

A elaboración das candidaturas do BNG para as eleccións xerais resultarán conflitivas e decepcionantes para o noso partido. Neste período aparecen informacións xornalísticas atribuidas a E.N. que dividen á nosa militanza e tensionan ao BNG, e favorecen a descalificación da nosa organización no Bloque. Na Mesa Nacional acórdase que o partido só se expresará publicamente cando os seus organismos así o decidan e asumindo a responsabilidade e autoría das declaracións.

A análise que facemos sobre o resultado das eleccións do 96 é que se constata a consolidación dun voto estrutural propio do BNG, aínda cunha insuficiente implantación na sociedade.

A nivel interno destacan varios acontecementos en E.N.:

Asínase un protocolo financeiro con EN-mocidade que permitirá autonomía real para realizar a súa política.

Organización da Comisión Executiva con responsabilidades concretas para cada un dos seus membros.

Legalización de E.N. como partido político o 28 de xuño de 1996.

Desenvolvemento dunha campaña de expansión por todo o país.

Aparición do primeiro número da revista ENCLAVE.

Comézase a elaboración das liñas políticas do programa de goberno para Galiza, estruturando e impulsando as comisións que o levarán adiante.

Cando en 1995 nos constituímos en partido político pretendiamos acadar un grao de cohesión, do que carecíamos como colectivo, para formular os nosos obxectivos de xeito máis eficaz e definido. Desde entón a nosa militancia incrementouse nun 30%, contando con presenza activa en todas as comarcas, mais con certa debilidade nas zonas rurais.

O 15 de marzo de 1997 realizamos unha Conferencia Nacional en Santiago co obxecto de deseñar os criterios programáticos para un goberno galego e aportarlle así ao BNG a nosa concepción de como afrontar estas tarefas non como un desexo estratéxico, senón como unha posibilidade real. Esta será unha das actividades máis salientábeis de ESQUERDA NACIONALISTA. En palabras do Secretario Nacional de E.N., Alberte X. Rodríguez Feixoo, "temos que conseguir que moitos sectores voten ao BNG non por ser nacionalistas, senón porque vexan en nós a súa táboa de salvación". Entre as medidas propostas daquela podemos lembrar algunhas:

Na área de política económica propúñamos establecer resortes con competencia autonómica para operar no mercado de capitais a respecto da xeración de aforro, captación e orientación de recursos. Elaboración dunha política de rendas que garanta a capacidade adquisitiva dos traballadores (asalariados e autónomos). Facer uso do artigo 131 da Constitución que permite ás Comunidades Autonómicas participar na elaboración da política económica do Estado. Negociar co goberno central unha política de financiamento autonómico que permita suficiencia, autonomía e solidariedade.

Na área de política social reclamabamos a débeda histórica coa sanidade pública galega. A reformulación do salario mínimo de subsistencia para que abranguera a toda a poboación con rendas inferiores ao 50 % da renda media galega, encadrada no Plano Galego de Loita contra a Pobreza e a exclusión social. Elaboración dun Plano Integral da Xuventude que contemplara actuacións en emprego, ensino, vivenda, cultura, lecer e asociacionismo. Creación dunha Consellaría da Muller.

Na área de política educativa cultural e lingüística pretendíamos favorecer o ensino público dotándoo dos medios necesarios, tanto humanos como materiais. Creación das Escolas Superiores de Estudos Musicais e de Arte Dramático. Creación dunha de Estudos Cinematográficos. Plano de Protección, Conservación e Restauración do Patrimonio Arquitectónico e Monumental. Plano Global de Normalización Lingüística. Elaboración da Lei do Deporte Galego.

Na área de Ordenamento do Territorio propúñamos a elaboración da Lei de creación do Instituto de Estudos Territoriais Galego. Dotación do Instituto Galego para o Control e Calidade da Construción. Reclamar as competencias sobre os camiños de ferro.

Na área da Administración Pública propugnabamos a profesionalización da administración pública galega, determinando os postos de libre designación con criterios de excepcionalidade e favorecendo a promoción interna dos traballadores públicos a través da EGAP e baixo criterios de competencia obxectivábeis.

Esta proposta de goberno aportou unha das principais bazas para o éxito electoral do BNG ao ser recollida en grande parte do Programa Electoral que o Bloque presentou ás eleccións autonómicas de 1997, favorecendo o seu paso a segunda forza no Parlamento Galego con 19 deputados.

En xuño de 1998 realízase en Ourense a VIII Asemblea Nacional do BNG. O noso partido presentará propostas resumidas nas seguintes ideas-forza:

a) A permanencia do BNG como proxecto frontista, valorándoo como o máis acaído para acadar a soberanía nacional. E.N. non considera oportuno eliminar a pluralidade do BNG nun partido único.

b) A presenza do BNG nas institucións políticas. E.N. considera fundamental a presenza do Bloque nas institucións.

c) A formulación detallada dunha proposta municipal que logo sería recollida no Programa-marco do BNG e que se verá reflectida tamén en sendos números da revista ENCLAVE.

Nestas datas reactívase o debate da reformulación do modelo de estado coa Declaración de Barcelona e a reunións posteriores. E.N. apostou desde o principio pola revitalización da histórica alianza Galeusca coa idea de “construír un novo edificio peninsular e europeo no que Galiza poida exercer libremente, soberanamente e solidariamente o poder que lle corresponde para acadar un desenvolvemento económico sostíbel, o benestar social e o florecemento cultural” nun marco democrático. A claridade inicial dalgúns compañeiros e compañeiras do noso partido permitiron o éxito desta estratexia naquel período.

Nenhum comentário: